17 DE MAIO
O DEREITO A VIVIR
EN GALEGO
“Amemos as rosas porque é breve e ao tempo porque fuxe
e non para, aínda que as veiras das horas, nas esquinas, morran as verdades
contra o vento”
Carlos Casares
O neoliberalismo
tecnocrático levado a cabo por Núñez Feijóo, con perfecto cálculo dos seus
efectos e consecuencias para cos dereitos das persoas, representa unha fría
espada de Damocles que ameaza con abaterse, de forma silenciosa, mais
igualmente violenta, sobre as posibilidades vitais da lingua galega, en tanto
que dereito das galegas e dos galegos a poder vivir en galego en todos os eidos
da vida en sociedade.
As
advertencias sobre a inaplicación de varios dos preceptos da Carta
Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (debéramos dicir
minorizadas, pois é un efecto das políticas e estratexias do poder establecido)
semellan non ter producido máis efecto ca unha defensa insulsa e pouco valente
das políticas levadas a cabo pola Xunta de Galicia desde que nos desgoberna
Núñez Feijóo.
Preguntámonos cal é a ambición da dereita
neoliberal tecnocrática para co galego? Como poden seguir amparando
unha falacia epistémica como a do bilingüismo harmónico, que non é máis ca unha
coartada para unha paseniña substitución da lingua dominada e ‘minorizada’
(galego) pola dominante e ‘maiorizada’? Como é que non se ruborizan ante os
recentes datos que nos falan do imparable proceso de desgaleguización? Non ten
nada que ver con este feito o mal chamado Decreto do Plurilingüísimo que
converte a nosa lingua nai nunha lingua estranxeira?
O último
informe sobre os usos da lingua galega na mocidade, que foi presentado neste
2017, e que figura pendurado na páxina web do Consello da Cultura Galega,
rexistra aspectos moi preocupantes que deberan alarmar ao executivo galego e ao
departamento responsable da normalización da lingua galega.
A
auto-representación da nosa lingua, mesmo nos grupos que a falan, é negativa, o
que acelera e permite a existencia de actitudes e comportamentos prexuizosos
cara ao galego, que non se dan con respecto ao castelán. O mesmo acontece no
tocante ao mito da imposición, que sempre se dá co galego, nunca co castelán. O
informe alerta de actitudes que acentúan a normalización da desigualdade
histórica entre a lingua galega e a castelá, pois se o galego é vinculado a
imposición, o castelán é elevado ao rango de liberdade. Son estas unhas daniñas
percepcións que aniñan no imaxinario e conforman un atranco serio e real para
que o galego se volva lingua de uso habitual na comunicación da mocidade.
Estas percepcións, acompañadas por unha
reducidísima presenza de medios de comunicación en galego, así
como por escasas expresións culturais en galego, fan que, de non producirse
impulsos desde a Xunta de Galicia, o futuro da nosa lingua sexa cada vez máis
fráxil. O informe mencionado fala do uso predominante do
castelán no consumo cultural e mediático. O universo do lecer debe formar parte
das estratexias da Xunta de Galicia á hora de deseñar políticas expansivas de
uso.
Nos
diferentes eidos que forman parte da enquisa levada a cabo polo Informe
anterior, ponse de relevo que o castelán se impón en diferentes aspectos do
medio académico, é habitual no medio laboral, onde, por momentos, o galego é
claramente residual.
Desde
Esquerda Unida reclamamos unha decidida actuación para garantir os dereitos
lingüísticos de galegos e galegas. Con urxencia. Con rigor. O Plan Xeral de
Normalización Lingüística pode ter plena validez. No entanto, sería óptimo unha
actualización do mesmo, coa participación dos axentes sociais, para ter en
conta a realidade do mapa de recursos e usos da lingua galega.
A lingua galega non é só unha ferramenta da
que se demostra ter competencia. Non. De nada serve aseverar que
existe competencia oral e escrita se logo non se usa. A lingua vive porque é o
medio polo que se anoan e afortalan as relacións interpersoais. Por iso, o
galego precisa ser recoñecido como útil para esas relacións interpersoais en
todos os eidos da vida en sociedade.
A escola
é un axente normalizador esencial, coa condición de que se faga desde o
convencemento de que o galego non pode ser tratado coma se fose o inglés. Por
iso, cómpre
un novo decreto, que conte coa aprobación de toda a comunidade educativa. É
urxente tamén que a Xunta ofreza xa unha avaliación das consecuencias do
Decreto do Plurilingüismo. O último informe da Mesa pola
Normalización Lingüística, A lingua galega na educación
infantil de Galiza de 3 a 6 anos. Curso 2016/2017, rexistra
situacións inadmisibles coma o feito de que existan máis materiais pedagóxicos
e multimedia en lingua inglesa que en galego. Isto imposibilita o desenvolvemento
dun ensino 100 por 100 en galego. A Xunta, en tanto que administración
pública, debe garantir o acceso aos materiais didácticos e pedagóxicos e a súa
diversidade. Non será preciso indicar que o castelán se converte en dominante.
Compostela, 17 de maio de
2017