xoves, 21 de setembro de 2023

EU denuncia presunta manipulación de datos na subida das tarifas na Escola de Música

 

Alegan que o goberno falseou os números no informe para xustificar o aumento das tarifas, que agora parece non ter base sólida tras a revisión das condicións da licitación do servizo. Os gastos de xestión chegaban a 85.752,70 € cando a licitación sae por 70.080,00 €.

Cos novos datos, o servizo pode xerar beneficios, o que consideran ilegal para unha administración pública. Esixen transparencia e revisión dos datos presentados polo goberno municipal para axustar o incremento á nova realidade.

O Grove, 21 de setembro de 2023.- Logo de que a principios de mes Esquerda Unida criticase o incremento da tarifa do prezo público da Escola de Música municipal pedindo explicacións ao goberno tras detectar aspectos dubidosos na memoria xustificativa, volven saír á palestra, esta vez para denunciar que o goberno “falseou” os datos no informe para acreditar unha subida que, segundo indican, carece de sustento logo de revisar o prego de condicións da licitación do servizo, que se publicou a mediados da pasada semana.

Segundo Esquerda Unida, o informe xustificativo presentado polo goberno recollía unha subida da tarifa baseada, entre outros aspectos, nun gasto da xestión que ascendía no presente curso ata os 85.752,70 €. No entanto, tras examinar o prego da licitación, revélase que o orzamento máximo para este gasto é de 70.080,00 €, o que presenta unha diferenza de 15.672,70 €, a cal podería ser maior, xa que as ofertas que se presenten adoitan puxar por debaixo do prezo de saída.

Con estes novos datos que saíron a luz trala publicación da licitación o pasado mércores 13, dende Esquerda Unida cuestionan a validez do informe que avalaba o incremento das tarifas da Escola de Música. No informe contemplábase a previsión dun gasto total do servizo de 88.579,45 € e uns ingresos, coa nova tarifa, de 74.160,00 €, o que supoñía que o servizo continuaría con un déficit de 11.228,64 €. No entanto, tal e como indican os esquerdistas, se a licitación se adxudica co orzamento máximo, o gasto total sería de 73.906,75 €, o que significa que xa non existirá déficit senón un beneficio de 254,25 €, que se pode incrementar se a licitación se adxudica á baixa, unha situación que Esquerda Unida considera ilícito pois os prezos públicos non poden calcularse para obter beneficios por parte da administración.

Outro aspecto que foi obxecto de críticas por parte de Esquerda Unida foron as declaracións do Alcalde saíndo ao paso da anterior nota de prensa do seu grupo. Así, Cacabelos xustificou o incremento no gasto da xestión (a memoria recolle que pasa de 62.507,34 € a 85.752,70 €), alegando o aumento de alumnado e unha maior oferta musical na escola. Pero Esquerda Unida apunta que o prego da adxudicación si contempla o aumento de 100 a 120 alumnos, pero establece as mesmas condicións que o ano anterior no resto dos aspectos, incluído o número de instrumentos ofertados, o que desbota os argumentos do Alcalde.

Cacabelos tamén defendeu o gasto en instrumentos argumentando que eran para a Banda de Música Municipal, unha razón que Esquerda Unida non comparte, xa que considera que os alumnos da Escola de Música non deberían financiar o material dunha banda á que poden non pertencer, pois é independente da propia escola. Así mesmo, naquel momento o Alcalde recoñecía que o servizo estaba sen adxudicar e que, debido a iso, as clases comezarían a mediados de Outubro. Outra cuestión que os esquerdistas non entenden, pois, segundo os pregos, as clases deberían comezar o mesmo día que o pasado curso, tendo a mesma duración. É máis, a licitación no 2022 iniciouse a finais de setembro, formalizándose a adxudicación o 24 de novembro.

Por último, Esquerda Unida pregunta o motivo polo que se abriu a matriculación coa nova tarifa antes de que o servizo estivera licitado e tamén expresa o seu descontento polo feito de que o anterior xestor fora o encargado de comunicar a información da matriculación aos estudantes cando xa rematara o seu contrato.

Esquerda Unida esixe transparencia no proceso e unha revisión exhaustiva dos datos presentados polo Goberno municipal para garantir que o incremento da tarifa na Escola de Música Municipal se realice de maneira adecuada e cumpra coa legalidade vixente.

venres, 15 de setembro de 2023

EU insta ao goberno a poñer en marcha canto antes os diferentes consellos sectoriais

Lembran que a convocatoria dos Consellos Locais de Turismo, Deportes, Igualdade e Cultura e Patrimonio está dentro dun dos acordos asinados para o pleno de órganos e que, cando menos, estes teñen que reunirse para renovar os membros tralo inicio do novo mandato.

Indican que aínda que o prazo remata a finais de outubro, queren que se acelere a convocatoria do CLT, para tratar a inminente Festa do Marisco, e do CLD, para coñecer o estado das bases das subvencións deportivas.

O Grove, 15 de setembro de 2023.- O grupo municipal de Esquerda Unida emitiu hoxe un comunicado no que pide ao goberno municipal que  non demore a convocatoria dos diferentes consellos sectoriais pois, ademais de ser o normal tralo arranque do novo “curso político”, é un compromiso dentro dos acordos que o grupo de esquerdas asinou co PSOE antes do pleno de órganos.

Os consellos sectoriais en cuestión, nomeadamente o Consello Local de Turismo, o Consello Local de Deportes, o Consello Local de Igualdade e o Consello Local de Cultura e Patrimonio, deben realizar, polo menos, a súa primeira reunión para a renovación dos seus membros, tal e como establece o inicio do novo mandato, e comezar así o traballo que encomende cada un deles.

A pesar de que o acordo marcaba como data límite o 31 de outubro, Esquerda Unida expresou a súa preocupación debido a un retraso perceptible na convocatoria destas reunións, das que os esquerdistas fan fincapé nas relativas a turismo e a deportes.

Sobre a de turismo, lembran que o pasado 30 de agosto, o seu grupo solicitou un encontro do Consello Local de Turismo co propósito de obter información sobre os avances relacionados coa Festa do Marisco que comeza o vindeiro 5 de outubro. E seguen incidindo na mesma pois, aínda que neste tempo xa se puxeron en marcha algunhas licitacións, consideran que hai varios aspectos que tratar. Esquerda Unida tamén expresou o seu interese en coñecer se se implementarán algunhas das súas propostas relacionadas coa accesibilidade e a seguridade nesta celebración, pero sobre todo, o que queren é que todos os membros do CLT poidan participar na organización do evento gastronómico máis importante de Galicia.

En relación co Consello Local de Deportes, Esquerda Unida subliñou a importancia de poñelo en marcha o antes posible para avaliar diversos aspectos no ámbito deportivo, pero principalmente para coñecer no punto en que se atopan as bases para a concesión de subvencións aos clubs, que a día de hoxe seguen sen ser publicadas, ocasionando problemas para os clubs deportivos do Grove, tal e como denunciaron o pasado 6 de setembro.

Deste xeito, Esquerda Unida insta ao goberno municipal a non demorar o cumprimento do acordo asinado e a convocar estas reunións sectoriais de forma inmediata para garantir unha xestión efectiva e transparente dos asuntos relacionados co turismo, o deporte, a igualdade e a cultura no Concello do Grove.

mércores, 6 de setembro de 2023

Esquerda Unida urxe a publicación inmediata das bases das subvencións deportivas

 

Instan ao goberno local a publicar con urxencia as bases para evitar a repetición de atrasos e dificultades financeiras para os clubs locais.

A demora na publicación preocupa a Esquerda Unida, que sinala o risco de repetir a situación do ano pasado, cando os clubs non cobraron ata 2023 e o concello tivo que afrontar os intereses dos préstamos bancarios.

O Grove, 6 de setembro de 2023.- Esquerda Unida expresa a súa preocupación polo atraso na publicación das bases das subvencións deportivas por parte do goberno municipal. A formación de esquerdas critica que, a catro meses de finalizar o ano, os clubs locais aínda non teñan información sobre a contía das subvencións que o concello reparte anualmente, o que está a dificultar o desenvolvemento das súas actividades.

Anxo Meis, concelleiro de Esquerda Unida, manifestou a súa inquedanza respecto a esta situación, "Non é normal que, tendo o orzamento prorrogado sen variacións na partida para subvencións deportivas, estas aínda non foran publicadas. As subvencións culturais saíron antes das eleccións e non entendemos por que as deportivas aínda non están dispoñibles". Meis engadiu que "isto non é a primeira vez que ocorre, e está a xerar serios problemas para os clubs deportivos, que se ven obrigados a facer malabares financeiros para afrontar a tempada ou preparar o inicio do próximo ano".

O concelleiro lembrou a situación do ano anterior, na que os clubs non puideron cobrar as súas subvencións ata o 2023 debido á demora na publicación das bases. "Non queremos que se repita a mesma historia. O ano pasado, os clubs tiveron que recorrer a préstamos bancarios, e os xuros deses créditos tiveron que ser pagados pola veciñanza. É unha situación inaceptable que debe ser evitada a toda costa", afirmou Meis.

Esquerda Unida urxe ao goberno municipal a actuar con présa e responsabilidade, publicando de inmediato as bases das subvencións deportivas para evitar unha repetición dos problemas do pasado. O partido subliña que a falta de claridade nas subvencións non só afecta aos clubs deportivos, senón tamén á veciñanza en xeral, que debe soportar as consecuencias das decisións do concello.

Así mesmo, dende Esquerda Unida fan responsables desta situación ao anterior Concelleiro de Deportes, "por non ter feito os deberes antes da celebración das eleccións" , e ao actual Concelleiro "por non ter axilizado o tema".

venres, 1 de setembro de 2023

EU demanda explicacións pola suba dos prezos da Escola de Música Municipal

 

Logo de ter acceso ao expediente, requiren explicacións ao considerar que existen aspectos dubidosos na xustificación dun aumento por clase que vai dende os 10 aos 25 euros. Piden que executen un incremento menor.

Entre outros aspectos, contémplase unha suba do 37% por parte  da empresa que xestiona o servizo sen que no informe se xustifique. Solicitan ademais que aclaren de que forma se presta o servizo logo de ter rematado o contrato da licitación.

Critican que a escola municipal non se atope no rexistro de Escolas de Música e Danza de Galicia, perdendo a oportunidade de acceder ás subvencións da Xunta de Galicia para o seu financiamento.

O Grove, a 1 de setembro de 2023.- A finais de xullo, a xunta de goberno local, en base a unha memoria solicitada pola concelleira de educación, aprobou unha nova tarifa para a Escola de Música, cun aumento que oscila entre os 10 e os 25 euros en función do tipo de clase, e establécese unha matrícula de 15 euros. Unha medida que suscitou críticas entre as usuarias e usuarios do servizo, o que levou a Esquerda Unida a solicitar a devandita memoria co propósito de esclarecer un incremento que o goberno alegou debido ao déficit que presentaba o servizo ante a falta de actualización nos 10 último anos. Pero para o grupo que encabeza José Antonio Otero no informe existen varios puntos que consideran dubidosos, polo que esixen aclaracións. 

Un dos puntos que chamou a atención dos esquerdistas é relativo ao incremento en máis dun 37% que, para este curso, contempla a empresa encargada da xestión do servizo, o que supón un gasto a maiores de 23.000€ en relación ao curso pasado. Un aumento que Esquerda Unida, á vista dos datos ofrecidos na memoria, considera “excesivo e inxustificable, pois non se especifica detalladamente a que atende”. Así mesmo, preguntan de que xeito se está prestando o servizo, pois “a adxudicación era por un curso escolar, sen posibilidade de prórroga, e este rematou o pasado mes de xuño, o que nos fai sospeitar que este servizo estea funcionando de forma irregular, ao igual que sucede co de Axuda no Fogar ou o de Limpeza de Edificios Públicos”, manifesta Otero. 

Por outro lado, dende Esquerda Unida manifestan que a memoria contempla nos apartado de gastos do curso 2022-23 un desembolso de 2.160,05€ pola compra de instrumentos, cando na adxudicación establecía que o xestor do servizo debía ofrecer estes materiais. Un punto que levanta interrogantes na formación de esquerdas, que tampouco entenden como se volve reflectir ese mesmo gasto na previsión do presente curso. 

Outro dos temas para o que piden aclaracións é relativo a un dos puntos da memoria que trata sobre as actuacións realizadas pola Escola de Música e os gastos de desprazamento que tivo que asumir o concello pois, segundo indica Otero “non se indica o número total de actuacións e cales correron a cargo da empresa adxudicataria en base á oferta da licitación e a táboa de gastos tampouco contempla estes conceptos”.

Dende Esquerda Unida esixen ao goberno unha maior transparencia neste asunto. Coa información da que dispoñen, consideran que non hai xustificación abonda para este aumento das tarifas, polo que agardan unha explicación por parte do executivo local. Aínda recoñecendo a necesidade de axustar as taxas despois dunha década sen cambios, critican a magnitude do aumento e entenden o enfado das usuarias e usuarios polo que tamén solicitan ao goberno que execute un incremento menor para este curso e vaia axustando a taxa de forma gradual nos vindeiros exercicios.

Por último, a formación de esquerdas critica que logo de 10 anos de funcionamento da Escola de Música, a día de hoxe esta non estea inscrita no Rexistro de Escolas de Música e Danza de Galicia, ocasionando que non se poida acceder ás axudas, de ata 9.000 € que cada ano ofrece a Xunta de Galicia para o seu financiamento. Xa perdida a deste ano, piden que se faga canto antes ese trámite de inscrición para poder acceder á vindeira convocatoria.