xoves, 16 de novembro de 2017

Esquerda Unida insta ao goberno a usar os 1,5 millóns restantes do crédito do Auditorio para amortizar débeda

Os esquerdistas critican que se asinase o crédito de 4.500.000 €, un día antes de que se coñecese a cantidade concedida pola subvención da Deputación. Piden que Cacabelos demostre “honradez” e amortice débeda en lugar de usar os 1,5M de forma electoralista co PGD como el mesmo afirmou en pleno. 

O Grove, 16 de novembro de 2017.- Logo de coñecer que o pasado luns o goberno municipal asinara o crédito de 4.500.000 € destinados á construción do Auditorio no Monte da Vila e a apertura dunha rúa por detrás da Casa da Cultura, e que tan só un día despois a Deputación de Pontevedra anunciara que o Concello do Grove contaría coa subvención máxima (1.500.000 €) do Plan de Reequilibro Territorial destinado á mesma fin, Esquerda Unida critica que Cacabelos “non agardase a coñecer a contía da subvención para solicitar un crédito menor e non provocar un endebedamento moi próximo ao 75%”.

Para Esquerda Unida, “isto é un claro exemplo de que Cacabelos quere utilizar uns cartos que foron solicitados para o auditorio para outras finalidades distintas de xeito electoralista e pouco ético”. Os esquerdistas remítense ao pleno da aprobación da solicitude de subvención, no que pediron ao goberno que a cantidade do crédito para o Auditorio que fora concedida se destinase a amortizar a débeda do citado crédito. Unha cuestión “á que se negou de maneira rotunda Cacabelos, anunciando que usaría eses cartos para facer obras en diferentes rúas co consentimento exclusivo do PGD”, indican dende a agrupación de esquerdas.

Así, Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal está endebedando o futuro do Concello do Grove, “de forma premeditada e cunha fin electoralista, xa que con este crédito o endebedamento sitúase no 73% dun máximo do 75%”. Entenden que Cacabelos “era coñecedor desta liña de subvencións e a pesar diso forzou aos partidos da oposición para aprobar un crédito moi superior ao preciso e así contar cuns cartos para un uso non lícito” e afirman que “estivo enganando aos partidos da oposición, ás asociación culturais e aos veciños en xeral para obter un financiamento que de outro xeito veríase obrigado a xustificar e negociar por separado”. Deste xeito, o alcalde disporá de 1,5 millóns, máis 400.000 € do Plan Concellos que se ían destinar ao auditorio pero son incompatibles con esta subvención.

Por ese motivo, os esquerdistas instan a Cacabelos a que demostre a súa “honradez” e destine o 1,5 m sobrantes dos crédito a amortizar débeda. 

Coordinadora Local de Esquerda Unida
O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario