A agrupación de esquerdas non entende como en pleno
verán, O Grove non conte cunha patrulla da Policía Local durante as noites e
reclaman que se reactive o servizo de garda, cando menos durante a fin de
semana.
foto Todogrove.es |
O Grove, 25 de xullo de 2015.- Esquerda Unida faise eco das críticas que neste último
mes veñen realizando veciños e visitantes do Grove ante a ausencia de patrulla
de garda nocturna da Policía Local, sobre todo na fin de semana, onde a se
intensifica a actividade debido á movida nocturna. Precisamente son os locais
de copas os que reclaman con máis tesón a presenza policial durante as noites
de verán, especialmente nas dos venres e sábados, que é cando hai máis ambiente
e as xornadas nocturnas poden ser máis conflitivas.
Os concelleiros esquerdistas,
Juan Lamelas e José Antonio Otero, reclámanlle ao Alcalde e á vez responsable
de Seguridade Cidadá que reactive o servizo nocturno da Policía Local durante o
mes de agosto co fin de ofrecer un servizo básico e esencial nun concello
turístico como O Grove, que nestes meses estivais aumenta considerablemente a
súa poboación. Así mesmo, co fin de evitar estragos no mobiliario público, como
sucedeu nas últimas semanas en rúas como Cándido Acuña Blanco, Luís Seoane, Paseo
de Lordelo ou o parque de Terra de Porto, onde árbores, papeleiras e outros
mobiliarios urbanos sufriron actos vandálicos.
É por iso que na vindeira
semana os concelleiros de Esquerda Unida realizarán esta solicitude de forma
oficial a través do rexistro municipal. Ademais, os edís preguntarán polo
motivo que levou á non prestación deste servizo durante o mes de xullo,
situación que se dá por primeira vez, xa que nos meses de verán sempre existiu
patrulla de garda, ao menos, durante a fin de semana.
Asemblea de Esquerda Unida O Grove