Esquerda Unida celebra que o goberno municipal
recuara e retirara da orde do día o punto que trataba sobre o Cicri. A presión
da cidadanía, claramente contraria a este proxecto, e a recollida de máis de mil
sinaturas por parte de Esquerda Unida fixeron que o alcalde de O Grove e o seu
goberno tripartito tiveran que dar marcha atrás.
Poderá o señor alcalde dar mil e unha escusa e
esgrimir mil e un argumentos sobre o por qué da retirada do orde do día deste
asunto. O que Esquerda Unida sabe, e os veciños e veciñas tamén, é que esta foi
unha vitoria de todos e todas. A Sra. Aida Filgueira e o Sr. Carlos Otero
tomaron a determinación de opoñerse á construción do Cicri debido ao
descontento veciñal así como das asociacións culturais.
Para o concelleiro de Esquerda Unida, Juan
Lamelas, “as mentiras e os enganos xa
non colan na sociedade, e a realidade é que esta obra, que nos tenta vender o
Sr. Miguel Ángel Pérez e Rafael Louzán é simplemente unha cafetería, de preto
de un millón de euros, no medio da praza do Corgo. E dicimos que é unha
cafetería porque é para o único que foron capaces de conseguir financiamento”. Lamelas
indicou que “O que non pode suceder é que cada día que pasa apareza nova
información relativa a esta obra, que non conte cos informes favorables e que
se ofreza unha valoración de ingresos claramente inflada (20.000 €/ano en
entradas, 20.000 €/ano en axudas, 2.000
€/ano de alugueres e 20.000 € da concesión da cafetería)”. Por último Juan
Lamelas denuncia o proceder do Alcalde, que decidiu reunir ás asociacións
culturais, a tres días do pleno para buscar o apoio destas, algo que non
atopou, vendéndolle que o Cicri contemplaba o auditorio con butacas, pero que
isto xa se vería si se facía na segunda ou terceira fase, xa que agora o que
construirían sería a Cafetería. Lamelas pregunta “a quen está enganado o Sr.
Alcalde, a Portos ou as asociacións e veciños do Grove? Xa que nos tres tomos
que completan o proxecto do Cicri, non nomea por ningún lado a palabra
auditorio, xa que Portos de Galicia non permite este tipo de actividade no seu
solo”.
Na agrupación esquerdista consideran que non é normal
que as rúas, estradas, beirarrúas, mobiliario urbano, parques, xardíns, centros
educativos,... estean en estado lamentable e que se pretenda destinar os cartos
anuais do plan de inversións da deputación nunha construción que non pediu nin
demandou ninguén, en solo portuario, na zona onde se realizan as festas do
Carme, de San Martiño e do Marisco, o mercado municipal, estragando aínda máis
a fachada litoral do noso concello. Non se deron pasos para a construción do
Centro de Día e do novo Centro de Saúde, prioridades a día de hoxe para o pobo,
pero si se intentou enganar aos veciños con unha obra que suporía hipotecar as
arcas municipais.
Ademais, a agrupación esquerdista considera unha
tomadura de pelo e unha falta de respecto aos membros da oposición e, sobre
todo, aos veciños e veciñas que na mañá do xoves se achegaron ao salón de
plenos, que o Alcalde do Grove non quixese dar explicacións sobre os motivos
que o levou a tomar a decisión de retirar ese punto da orde do día xa que,
segundo as súas palabras, as daría na prensa. Tampouco ofreceu explicación pola
hora da convocatoria da sesión plenaria, a pesar de afirmar nun medio de comunicación
que sería no pleno onde ofrecería as razóns de tal horario. Unha mostra máis da
prepotencia coa que o Sr. Miguel Ángel Pérez manexa o concello e o goberno
tripartito, situación que non sorprende a Esquerda Unida, pois xa os ten
habituado a este tipo de actitudes nas diferentes sesións plenarias destes
catro anos de mandato.
Esquerda Unida considera tamén lamentables as verbas
da Sra. Aida Filgueira, que no pleno e posteriormente na prensa mostrou unha
falta de respecto cos veciños e veciñas do noso concello ao afirmar que o
Centro de Día non é viable economicamente e propoña utilizar os 600.000 €, que
o concello ten blindados para esa construción, para realizar un Centro Integral
de Atención aos Maiores adecuando a saber que infraestrutura, que non cubriría
en ningún momento as necesidades demandadas nun Centro de Día e aínda por riba anunciando
que será unha realidade a curto prazo. Non se entende como a persoa que ata o
día do pleno apoiaba incondicionalmente a obra do Cicri, de feito asistiu a charla
do Sr. Alcalde coas asociación culturais e non abriu a boca, agora diga que o
Centro de día non é viable economicamente e teña a desfachatez de erixirse como a salvadora do pobo ao forzar a
retirada do punto do Cicri da orde do día.
Dende Esquerda Unida recórdanlle a Sr. Filgueira que
seguen agardando polo cumprimento do acordo aprobado no pleno de xullo de 2011
no que se pedía un estudo obxectivo entre os maiores e familias con persoas
dependentes que recollese o número de persoas do concello que precisases acudir
a un Centro de Día, dependencia das mesmas, horas e días que precisasen ou
estarían dispostas a acudir ao Centro de Día e estatus económico e social desas
persoas. Tamén lle recordan que en outubro de 2011 a Sra. Filgueira respondeulle
ao entón concelleiro de EU, José Antonio Taboada, que “estaba a colaborar para
poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos onde se ía a construír esta
instalación” en alusións a pregunta formulada sobre a situación na que se
atopaba o Centro de Día do Grove.
Para finalizar, a
agrupación esquerdista recórdalle ao goberno tripartito que, ao igual que
sucedeu en numerosas ocasións nestes catro anos de mandato, no derradeiro pleno
ordinario deixaron algunhas cuestións sen responder, como a dirixida ao Sr.
Miguel Ángel Pérez na que pedíamos explicacións sobre a que atendía o reparto
de libros entre os veciños ou que parecer lle tiña a imaxe que estaba deixando
a nivel estatal os semáforos do Grove logo da publicación dunha carta de
Fernándo Onega no programa de Onda Cero.