luns, 8 de abril de 2024

EU demanda unha solución inmediata para a situación dos clubs de fútbol do Grove

Os equipos locais atopan dificultades para desenvolver a súa actividade nas instalacións deportivas por problemas no subministro eléctrico. O Amanecer SD e Anduriña SD teñen que adestrar en Noalla.

O concelleiro de Esquerda Unida, Anxo Meis, tacha a situación de “inadmisible”, pide explicacións polo sucedido, solucións inmediatas e que rematen co menosprezo aos clubs deportivos locais. 

O Grove, 8 de abril de 2024.- Nas últimas semanas, a  SD Amanecer, o Unión SD e o Anduriña SD non poden desenvolver a súa actividade deportiva en condicións óptimas debido a un problema co abastecemento eléctrico dos dous campos de fútbol. Segundo o concelleiro de Esquerda Unida, Anxo Meis, a potencia eléctrica contratada, tanto para o Monte da Vila como para As Lampáns, non é suficiente para cubrir a demanda precisa por cada estadio e, debido a isto, non poden activar o acendido das luces do campo ou dispoñer de auga quente para as duchas, dificultando o desenvolvemento dos adestramentos e partidos.  Esta situación provocou que tanto a SD Amanecer como o Anduriña SD optaran por desprazarse á localidade veciña (Sanxenxo) para adestrar no campo de Noalla, coa conseguinte problemática que xeran os desprazamentos ou cadrar horarios co club que usa a propia instalación.

Para Anxo, “esta é unha situación inadmisible e reafirma o pouco interese e o desprezo que o goberno local ten cos clubs deportivos nos últimos anos, e que parece non tornar a pesar de cambiar o responsable da área”. Meis lembra ademais o estado de deterioro no que están as diferentes instalacións deportivas, que xa foi denunciado en reiteradas ocasións polo seu grupo municipal neste e no anterior mandato, ou o considerable retraso no pago das subvencións nos últimos anos; a día de hoxe seguen sen cobrar as do 2023. “Agora súmase esta situación que, entendemos, é derivada da falta de previsión ante a activación que as compañías eléctricas estiveron facendo dos contadores para limitar a potencia contratada”, asevera.

Ante esta situación, dende Esquerda Unida piden explicacións ao goberno local e esíxenlle que solucionen o problema o máis axiña posible para que os clubs de fútbol poidan volver á normalidade. Do mesmo modo, piden un cambio de dinámica no trato cara os clubs deportivos da localidade, “pois exercen un traballo desinteresado na formación de valores e no desenvolvemento persoal e social da nosa mocidade”.