mércores, 17 de xullo de 2019

Esquerda Unida acusa de irresponsable ao executivo de Cacabelos no caso da EDAR



A agrupación de esquerdas ve unha clara neglixencia por parte do goberno local ao negarse a facerse cargo da xestión da EDAR situada en Laxe de Rons. Consideran esta decisión unha falta de planificación organizativa e económica.

Dende Esquerda Unida recordan, que a xestión lle corresponde ao goberno municipal, ao igual que está xestionando a EDAR de San Vicente.

O Grove, 16 de xullo de 2019.- O pasado mes de xuño coñecíase, que ante a desatención por parte do Concello do Grove, o ente público autonómico Augas de Galicia facíase cargo da xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), situada na Laxe de Rons, por risco de contaminación da Ría de Arousa ante a desatención por parte do Concello do Grove. O goberno municipal, que se nega a facerse cargo da xestión da depuradora, alega deficiencias nas instalacións así como discrepancias no cobro do canon de depuración de augas. Sen embargo, para Esquerda Unida o que se agocha detrás de este conflito é a falta de planificación do servizo por parte do executivo socialista, tanto no organizativo como no económico. Un conflito que aparentemente se estenderá no tempo, pois acabamos de coñecer a prórroga por un ano por parte da Xunta de Galicia na xestión da EDAR grovense, con un custo para as arcas municipais e por conseguinte para os petos da veciñanza, de preto de medio millón de euros.

Esquerda Unida, que dende o ano 2007 defendeu sempre a xestión municipal da EDAR –logo de que por aquel entón o seu concelleiro, Juan Lamelas, solicitara a realización dun informe que determinara a localización máis apta para a estación depuradora–, considera a postura do goberno municipal “totalmente irresponsable”. Segundo os esquerdistas a actitude de inacción do goberno presidido por Cacabelos ante as discrepancias alegadas é “claramente neglixente”. “Se fosen certas as eivas que argumenta o goberno local, deberían traballar para solucionalas e acoller a depuradora, tal e como está aprobado en pleno. Desatender por completo o asunto é unha irresponsabilidade máxima”, indican.

Desde o grupo que lidera José Antonio Otero, recórdanlle a Cacabelos que foi el mesmo quen sendo alcalde presentou a pleno un 26 de decembro de 2007 unha proposta de acordo que incluía o Compromiso de asumir a explotación, mantemento e conservación das obras, e de efectuar os traballos ordenados pola inspección facultativa despois da súa execución. Unha proposta aprobada pola maioría do pleno cos votos favorables de PSOE, BNG, EU e PG. Tamén lle fan coñecedor ao alcalde que o tratamento das augas residuais é unha competencia propia municipal segundo o artigo 25.2.c) da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local que establece as competencias dos municipios. Así mesmo, dende as filas esquerdistas recórdanlle ao goberno municipal que xa están xestionando dende 1999 a EDAR de San Vicente, polo que non entenden a “teima que ten Cacabelos con que a xestión da EDAR de Laxe de Rons debe ser realizada por Augas de Galicia”.

Por último, en Esquerda Unida consideran a postura do PSOE nesta polémica como “hipócrita”. Para os esquerdistas, non se entende que os membros do PSOE “no pleno de investidura faga alusións ao seu traballo e compromiso co Medio Ambiente e á vez desatendan o tratamento das augas residuais do Grove posibilitando o vertido de augas sen tratar á Ría de Arousa”.
  
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

xoves, 11 de xullo de 2019

Esquerda Unida pregunta en que condición asistiu a exconcelleira de Turismo á presentación da Festa do Marisco en Holanda e quen pagou a súa viaxe



José Antonio Otero e Cristina Domínguez queren coñecer o motivo polo que a exconcelleira acudiu a Amsterdam representando ao Concello cando xa non está vinculada ao goberno local.

Solicitan información relativa aos gastos da viaxe a terras holandesas e preguntan se o goberno ten contemplado contratar a exconcelleira como asesora.

O Grove, 09 de xullo de 2019.- O pasado xoves, unha comitiva grovense acudiu a Amsterdam (Holanda), para realizar a presentación internacional da Festa do Marisco. Ademais do Alcalde e o persoal que sempre o acompaña neste tipo de actos, este ano tamén formou parte da comitiva a que, ata o pasado mes de xuño, foi a concelleira de Turismo do Grove. Unha circunstancia que en Esquerda Unida consideran incomprensible e máis aínda cando o Alcalde anunciou nos medios de comunicación que asistía como representante do Concello.

Así, os concelleiros de Esquerda Unida, José Antonio Otero e Cristina Domínguez, queren coñecer o motivo polo que a exconcelleira acompañou ao Alcalde á Amsterdam e quen sufragou os gastos da súa viaxe, máxime cando non ten ningunha vinculación co Concello. Se se confirma que foi o concello quen correu cos gastos desa viaxe, os esquerdistas pedirán responsabilidades pois, entenden que se estaría pagando a viaxe dunha persoa vinculada unicamente ao PSOE con cartos públicos.

Para Otero e Domínguez que a exconcelleira fose a encargada de preparar a presentación antes de abandonar o seu cargo, non é motivo para que acompañe ao Alcalde a Amsterdam e que este a presente como representante do municipio e menos que lle paguen a viaxe con cartos das arcas municipais. Por iso os edís esquerdistas consideran isto como unha mostra do despotismo que ten este goberno de maioría e non entenden que con dez concelleiros/as, o Alcalde teña que recorrer a unha exconcelleira para poder levar a cabo a presentación da Festa do Marisco fora do estado, salvo que contemple outorgarlle un cargo no goberno municipal como asesora.  

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

domingo, 7 de xullo de 2019

Esquerda Unida insta ao concello a activar o “punto morado” durante as Festas do Carme

Punto Morado instalado no pavillón durante o Festival de Comparsas 2019.
Foto CIM O Grove
A concelleira de Esquerda Unida e responsable da área de Muller preguntou por rexistro se o Concello vai poñer en marcha o “punto morado” durante a Festa do Carme.

Os esquerdistas instan a cumprir a moción aprobada en maio do 2018 e poñer durante as festas un punto de información contra a violencia machista con persoal cualificado.

O Grove, 08 de xullo de 2019.- A menos dunha semana de que dea comezo a Festa do Carme, Esquerda Unida non ten constancia se a concellería de Igualdade ten previsto poñer en marcha o “Punto Morado”. Un servizo de información sobre a igualdade entre mulleres e homes e atención para posibles casos de violencia de xénero.

Por ese motivo, a concelleira de Esquerda Unida e responsable da área de Muller, Cristina Domínguez, preguntou por rexistro o pasado xoves si o Concello contempla a instalación dese punto para as festas do Carme e en caso contrario insta a facelo en base a moción aprobada en maio do 2018.

E é que en maio do ano pasado, os esquerdistas elevaron a pleno unha moción na que se pedía, entre outras medidas, a creación de “Espazos Seguros” para as mulleres durante os espectáculos masivos, elaborando un protocolo en colaboración con Consello Local da Igualdade e o Centro de Información á Muller.

Cristina Domínguez recorda que xa nas festas do ano pasado non foi activado ese “espazo seguro” ou “Punto Morado”, a pesar de estar aprobada a moción e que na Festa do Marisco do 2018, logo de ter anunciado a súa posta en marcha, o “Punto Morado” reduciuse a unhas simples mesas con varios dípticos, pero sen persoal que informara. É por iso que Esquerda Unida pide a súa posta en marcha para esta edición das Festas do Carme do mesmo modo que funcionou, trala insistencia do seu Grupo Municipal, no pasado Entroido pero reclama que a partir de agora, aparte das persoas que forman parte do CLI tamén se inclúa persoal cualificado e preparado para informar e atender posibles casos de violencia machista.

Punto Morado instalado na rúa Castelao durante o desfile de disfraces 2019. 
Foto CIM O Grove
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove