O Grupo Municipal de EU someterá a
debate, no pleno de novembro, unha moción na que solicitan que o inmoble que
ata este ano albergaba a Escola Infantil no Monte da Vila sexa usado como Casa
da Xuventude. Un espazo que acolla as actividades e servizos adecuados ás
necesidades da mocidade do Grove. A proposta, que leva emparellada a creación
dun Plan Integral da Mocidade, tratarase no punto de mocións de urxencia ao non
estar incluída na orde do día do pleno.
Moción íntegra
CREACIÓN DUNHA CASA DA XUVENTUDE E UN
PLAN INTEGRAL DA MOCIDADE NO CONCELLO DO GROVE
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Nos pasados meses, a consellería de
Educación anunciou o peche da Escola Infantil do Monte da Vila ao non contar co
número suficiente de cativos para o curso escolar 2017-18. Tras isto, o actual
goberno do Concello do Grove indicou que iniciarían os trámites para solicitar
que o uso do inmoble pasase a titularidade municipal.
Esquerda Unida leva anos incluíndo nos
seu programa electoral a necesidade dunha Casa da Xuventude no Concello do
Grove, un espazo que acolla actividades e servizos adecuados ás necesidades da
mocidade do noso concello, polo que consideramos que este edificio podería
cubrir esta necesidade.
É por iso que propoñemos que o uso que
se lle dea a este edifico público sexa de índole social, cultural, deportivo e
xuvenil, no que se doten os espazos para cubrir do mellor modo as necesidades
da xuventude do Grove, permitindo realizar actividades, cursos, reunións,
ensaios, etc.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal
de Esquerda Unida somete á consideración do Pleno do Concello do Grove a
seguinte,
PROPOSTA DE ACORDO
1. Solicitar á Consellería de
Educación o uso do edificio que albergaba a Escola Infantil no Monte da Vila.
2. Cambiar o uso exclusivamente
educativo do edificio para declaralo de uso social, cultural, deportivo,
educativo e xuvenil co propósito de convertelo na Casa da Xuventude do Concello
do Grove.
3. Deseño dun Plan Integral da
Xuventude participativo con distintos eixos:
a. Participación e autoxestión.
b. Campaña de asociacionismo xuvenil.
c. Recuperación do Consello Local da Xuventude.
d. Apoio técnico para o deseño e posta en marcha do
Plan Integral.
e. Creación da Casa da Xuventude do Concello do Grove.
f. Programa de formación dirixido á xuventude.
4. Dotación dunha partida
orzamentaria nos orzamentos do Concello para o ano 2018 para financiamento do
Plan Integral da Xuventude.
Moi boa idea! hay que ser moi animal para derrubar o xa de por si escaso patrimonio que temos.
ResponderEliminar