venres, 17 de xaneiro de 2020

Xan Xove visita O Grove e presenta unha iniciativa para que se afronte a obra de abrigo do Porto de Meloxo



O pasado xoves, o deputado do Grupo En Común da Esquerda, Xan Xove, visitou O Grove para reuniuse cos concelleiros de Esquerda Unida, José Antonio Otero e Ana Cristina Domínguez; e o presidente de Amegrove, Francisco Padín, e coñecer de primeira man a situación do porto de Porto Meloxo e así presentar na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, celebrada na mañá do venres, unha iniciativa para que a Xunta de Galicia, a través de Portos, afronte dunha vez por todas a obra de ampliación do dique de abrigo.

Tanto os concelleiros de Esquerda Unida, como o presidente da cooperativa Amegrove recordaron a situación de parálise na que se atopa o proxecto, iniciado arredor do 2008, e na gran necesidade de levala a cabo para dar abrigo e seguridade ao centenar de embarcacións bateeiras existentes no concello meco, moitas delas agora desprazadas ao porto do Grove pola falta de abrigo no de Porto Meloxo. Unha obra que ao mesmo tempo permitiría a reordenación do porto pesqueiro situado no Corgo. Así mesmo, Otero e Padín fixeron fincapé en que esta obra ten que garantir que non afectará aos bancos marisqueiros da zona, tal e como ven reclamando a Confraría.

A iniciativa foi presentada o venres 17 na comisión 8ª de Pesca e Marisqueo da Xunta de Galicia por parte do grupo parlamentario Grupo Común da Esquerda obtendo o apoio unánime dos representantes do PSOE, BNG, Grupo Mixto e o mesmo PP. [ver vídeo]

Cabe recordar que dende Esquerda Unida O Grove, a través do grupo parlamentario Grupo Común de Esquerda presentou unha emenda aos orzamentos para o 2020 da Xunta de Galicia relativa a esta obra pero foi rexeitada polo goberno autonómico. [ver emendas presentadas por EU]

Máis info:
Parlamento de Galicia: Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo







martes, 14 de xaneiro de 2020

EU advirte que o PXOM non contempla a sentenza gañada a Costas no 2017



Os esquerdistas indican que a pesar de que a sentenza foi firme, as vivendas dos núcleos costeiros dentro dos cen metros seguen fóra de ordenación ou afectadas por ordes de demolición.

Solicitan ao concello que protexa á veciñanza incluíndo as vivendas, en base á sentenza, dentro das normas urbanísticas antes de que o PXOM se someta a aprobación.

O Grove, 13 de xaneiro de 2020. Dende a agrupación local de Esquerda Unida aseguran que o plan urbanístico, que Cacabelos anunciou que sometería a aprobación provisional o vindeiro mes de febreiro, deixa na mesma situación de irregularidade ás vivendas situadas nos núcleos costeiros do Grove.

Os esquerdistas recordan que O Grove conta cunha sentenza favorable dende principios do ano 2017 na que se recoñecen os núcleos costeiros e salvagardan as vivendas que na liña dos 20 e os 100 metros se atopaban fóra de ordenación ou con ordes de demolición. Así mesmo, indican que uns meses despois o propio Cacabelos anunciou na prensa que a sentenza era firme polo TSXG logo de que Costas non presentase recurso en tempo e forma e que só quedaba plasmar esa situación no documento urbanístico. Pero, dende Esquerda Unida aseguran que no documento presentado a finais do 2018 e que se atopa actualmente na web municipal non hai nada referente a esta sentenza e polo que puideron pescudar, tampouco na documentación que o Alcalde pretende expoñer nestas semanas se contempla esta situación, polo que consideran que as vivendas seguirán fóra de ordenación ou con ordes de demolición. 

É por iso que Esquerda Unida solicitou unha xuntanza con Cacabelos para tratar estes asuntos e piden que a sentenza do TSXG contra Costas se reflicta no PXOM antes de que este se someta a aprobación provisional do pleno co fin de protexer os núcleos costeiros consolidados de Rons, Agriños-Gandariña, Virxe das Mareas, Moreiras, Reboredo, A Igrexa-Praia de A Barcala, Carreiro, Espiño-Bizocas-Carreiro, Sobre do Pozo, As Laxes e Insuíña.

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove


venres, 10 de xaneiro de 2020

Foto Denuncia EU - Estado do terreo centro social Reboredo


⚠️A veciñanza de Reboredo trasládanos a súa preocupación polo estado no que se atopa o terreo municipal no que está previsto construír un centro social para os maiores.

📰O alcalde declaraba na prensa que a primeira fase do proxecto podería contemplarse nos primeiros meses de 2019. Xa comezou o 2020, sen noticias daquela primeira fase, pero cos terreos lindeiros sufrindo as consecuencias do abandono do lugar.