ROGOS E PREGUNTAS XULLO 2019- XULLO 2021
Limpeza, Medio Ambiente, Benestar Animal,...
Ø Solicitamos a limpeza en diferentes rúas e barrios, entre elas Meloxo que mostraba un estado de total abandono. (xullo 2019 e xuño 2020)
Ø Pedimos que se instase á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra a realizar a limpeza das estradas da súa competencia; entrada do Grove, estrada da Lanzada a San Vicente, estrada do Conde, estrada interior de San Vicente... (xullo 2019)
Ø Requirimos a limpeza e adecuación do miradoiro de Meloxo que se atopaba nun estado de total abandono. (xullo 2019)
Ø Preguntamos por unha nota de prensa na que o concello advertía de sancións á veciñanza que non limpase as súas fincas no transcurso de 10 días, cando había veciñas e veciños que levaban meses agardando que se executasen esas sancións sobre fincas que tiñan denunciado. (xullo 2019)
Ø Solicitamos a limpeza de maleza na zona de Bouzas. (setembro 2019)
Ø Pedimos a limpeza regular dos colectores de lixo de todo o concello, xa que a maioría deles desprendían olores insoportables. (setembro 2019)
Ø Requirimos a limpeza de diferentes arquetas e sumidoiros do concello, pois existían moitas atascadas e provocaban inundacións en días de choiva. Faise referencia a rúa O Con a altura dos lavados Hortos, que sufriu varias desas inundacións. (outubro 2019 e xaneiro 2020)
Ø Denunciamos que o concello incumprise a ordenanza municipal de limpeza ao pegar con cola os carteis dos concertos da Festa do Marisco en diferentes marquesiñas do Grove. (outubro 2019)
Ø Pedimos solucións para o camiño do alto dos Pardiños que se atopaba en estado de abandono, con un camiño en desnivel tapado pola maleza, o que provocaba que o acceso dos vehículos resultase perigoso (outubro 2019 e xuño 2020)
Ø Solicitamos unha solución ao problema existente en Boivas con unha finca na que as ramas das árbores invadían o camiño provocando que os vehículos e viandantes circulasen con perigo pola zona. (novembro 2019)
Ø Preguntamos o motivo polo que no patio do colexio de Rosalía de Castro se tiñan acumulado bolsas de lixo durante días, cando o concello se comprometera á súa retirada periódica a raíz das obras da rúa Conchases. (xaneiro 2020)
Ø Pedimos unha difusión máis ampla da campaña de recollida de excrementos de cans. (xaneiro 2020)
Ø Preguntamos se se estaba tomando medidas en relación á invasión das acacias en diferentes puntos do noso concello. (marzo 2021)
Ø Preguntamos pola documentación relativa ao protocolo CES ao que fixo referencia a Concelleira de Medio Ambiente no pleno de marzo no transcurso da moción presentada por EU sobre as colonias felinas. (abril e maio 2021)
Ø Preguntamos se o Concello estaba preparado para asumir, dende o 1 de xullo, a responsabilidade subsidiaria pola deixadez na limpeza das fincas próximas as vivendas, por parte dos propietarios das mesmas, tal e como marca a Lei Galega. (maio 2021)
Ø Pedimos a implicación municipal no rexeitamento ao depósito nas proximidades da Illa de Sálvora dos áridos retirados do dragado do Porto do Grove. (xuño e xullo 2021)
Ø Requirimos solucións á vertedura na praia da Toxa procedente das vivendas próximas. (xullo 2021)
Ø Pedimos que se actuara ante os responsables do espallamento de sardiñas en mal estado na praia próxima ao Salazón de Moreiras. (xullo 2021)
Obras, Urbanismo, Vivenda,...
Ø Preguntamos polo custo da reforma do paso elevado da Praza de Arriba, que tivo que ser modificado debido a excesiva elevación que tiña. (xullo 2019)
Ø Preguntamos polo custo total do skate park do Corgo logo de ter ollado numerosas obras que estaban a provocar uns gastos a maiores da concesión de obra. (xullo 2019 e novembro 2019)
Ø Instamos a solicitar á Xunta de Galicia as medidas de seguridade precisas (muro división, bolardos...) na saída da gasolineira de Ardia, para evitar incidentes mortais como o que sucedera neses días. (outubro 2019)
Ø Denunciamos a problemática que estaban sufrindo a veciñanza e negocios da rúa Alexandre Bóveda coa obra de humanización da zona. Preguntamos a que atendía o retraso da obra e pedimos celeridade na execución da mesma. Requirimos o arranxo do firme xa que resultaba intransitable. (novembro 2019, xaneiro e febreiro 2020)
Ø Preguntamos en que situación estaba a obra de construción do centro social de Reboredo, programada para o 2019, pero no seu lugar o terreo estaba acumulando maleza que resultaba molesta para os veciños. (xaneiro 2020)
Ø Preguntamos cando se ía acometer a obra de mellora do subministro de auga e depuración da rúa Cantabria no Sineiro, pois fora prometida en campaña electoral ante a grave situación na que se atopaban as tubaxes. (xaneiro 2020)
Ø Preguntamos polos motivos do retraso das obras do ascensor da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rei, que provocou que o edifico estivese pechado máis de tres meses e que perigasen as diferentes actividades programadas para o Nadal. (xaneiro 2020)
Ø Volvemos pedir solucións para o camiño de Hortos, pois é un tramo estreito, sen beirarrúas e con escasa iluminación, no que o firme xa está repisando e polo que ademais de circular numerosos vehículos, tamén o facían autobuses, converténdose nun traxecto perigoso tanto para viandantes como para vehículos. (xuño 2020 e xullo 2021)
Ø Pedimos que se procurase ante a Deputación de Pontevedra a ampliación da estrada que transcorre dende a Siradella ata a Atlántida xa que estaba resultando un tramo perigoso para os usuarios, máxime cando se favorece o transito de vehículos pesados por esa zona. (xullo 2020)
Ø Preguntamos se a obra de desdobre de Beiramar ía incluír carril bici. (outubro e novembro 2020)
Ø Preguntamos que se estaba facendo para dar unha solución á veciñanza da estrada de Meloxo ante as roturas da tubaxe de subministro de auga, pois o repisado do asfaltado indica que a tubaxe sufrirá máis roturas se non se toman medidas. Así mesmo preguntamos por que ningunha concelleira ou concelleiro se dirixiu á veciñanza para explicar as medidas que se ían tomar. (marzo, abril e xullo 2021)
Ø Preguntamos pola obra de adaptación do club de Mecos, pois estaba parada dende había tempo e tiñamos constancia da existencia de problemas de liquidez. (maio 2021)
Ø Preguntamos o motivo polo que os servizos municipais tiveron que desatascar por dúas veces a as tubaxes do recentemente inaugurado desdobre de Beiramar, pois entendíamos que ao ser unha obra nova non tiña que ter eses problemas. (maio 2021)
Ø Preguntamos o motivo polo que na rúa Luís A. Mestre continuaban unha vallas delimitando unha zona na que se producira unha rotura de tubaxe, cando xa estaba reparada a avaría. (xullo 2021)
Ø Preguntamos pola documentación do PXOM solicitada por rexistro. (xullo 2019)
Ø Preguntamos o motivo polo que non se nos trasladou a documentación do PXOM aos concelleiros ao mesmo tempo que se subiu a web. Denunciamos que esa documentación web non estaba completa e que existían planos sen actualizar. (xaneiro 2020)
Ø Volvemos pedir unha reunión para tratar os cambios nos planos do PXOM e coñecer como afectaba a sentenza gañada a costas sobre os núcleos rurais, no plan. (xaneiro e febreiro 2020)
Ø Preguntamos se a contratación dunha persoa para a asistencia xurídica en recurso contencioso administrativo contra a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar tiña relación coa sentenza que o Concello do Grove gañara en relación aos núcleos costeiros. (xullo 2020)
Ø Preguntamos polas consecuencias da sentenza en firme do TSX sobre os núcleos costeiros que deixaba sen efecto a resolución do 2019 no se favorecía ao Concello e reducía a liña de servidume. (marzo 2021)
Ø Preguntamos en que situación se atopaba o PXOM xa que o Alcalde anunciara que iría a pleno nese mesmo mes. (marzo 2021)
Seguridade Cidadá, Emerxencias, Mobilidade Urbana,...
Ø Se traballase nun regulamento de uso dos patinetes eléctricos. (setembro e outubro 2019, setembro e outubro 2020, marzo e abril 2021)
Ø Pedimos que volvera ao anterior sentido de circulación o carril que cruza dende a rúa Rosalía ata a Avenida Portugal ao carón do Bar Alexandro debido ao gran número de accidentes que se sucederon no lugar dende que se instaurou este sentido de circulación. (setembro e outubro 2019, setembro e novembro 2020)
Ø Requirimos o pintado do paso de peóns na rúa Irmáns Otero Goday (setembro 2019)
Ø Solicitamos o pintado da praza de estacionamento para persoas con mobilidade reducida do aparcamento de Entrehortas así como a vixilancia do uso correcto do mesmo. Así mesmo, pedimos que se vixiasen con máis regularidade o uso correcto de todas as prazas reservadas para estas persoas en todo o concello. (setembro 2019)
Ø Pedimos que se instara á Xunta de Galicia á instalación dun muro ou bolardos na saída da gasolineira para evitar accidentes mortais como o que se producira semanas antes. (outubro 2019)
Ø Preguntamos se se estaban tramitando as multas de tráfico logo de finalizar o contrato coa empresa que xestionaba as mesmas. (novembro 2019)
Ø Preguntamos pola documentación do Plan de Mobilidade Sustentable (PMUS) solicitada por rexistro, xa que non nos fora entregara. Así mesmo, preguntamos cando comezaban as mesas de traballo acordadas. (novembro 2019, xaneiro e xullo 2020, marzo, abril, xuño e xullo 2021)
Ø Preguntamos en que situación se atopaban as reunións sindicais en torno as traballadoras e traballadores do servizo da Policía Local e pedimos unha xuntanza para coñecer todos os pormenores. (xaneiro 2020)
Ø Pedimos que se revisasen os pasos elevados instalados no tramo dende a Avenida Portugal ata Porto Meloxo, ao existir uns desniveis moi pronunciados que provocaban que nin por debaixo da velocidade da vía se puidesen sortear con suavidade. (febreiro 2020)
Ø Volvemos pedir solucións para a tramos de Entrehortas xa que resultaba perigoso para o transito de peóns. (xuño 2020 e xullo 2021)
Ø Preguntamos a que atendía o cambio de xefe da Policía Local, realizado por decreto de Alcaldía. (xullo 2020)
Ø Pedimos que se realizase un novo pintado da recen inaugurada rúa Alexandre Bóveda, con outro tipo de pintura ou cores, pois as liñas que estaban marcadas apenas se vían, podendo provocar accidentes. (xullo 2020)
Ø Preguntamos en que situación se atopaba a expedición de tarxetas de cores para identificar os usuarios das diferentes rúas peonís, tal e como marca a ordenanza municipal que entrou en vigor no 2018. (xullo 2020)
Ø Pedimos unha solución para o camiño escolar seguro no se transito por Conchases ao existir unha zona de perigo derivado da obra dun edificio, paralizada dende hai moitos anos. (marzo, abril, maio 2021)
Ø Alertamos das consecuencias que traería o peche ao transito de vehículos dende Conricado cara a zona do pavillón , xa que entendíamos que ao non ter aberta a rúa entre Borreiros e o Campo de Fútbol, esta acción sobresaturará a rúa Pombal e tamén a rúa Entrehortas. (abril 2021)
Ø Pedimos solucións para as veciñas e veciños de Conricado que, tralo peche dun dos sentidos de circulación no tramo que se dirixía ao Monte da Vila, teñen problemas co servizo de gas e cos seus propios vehículos cando lle unen o remolque, pois non poden saír pola rúa Entrehortas debido as dimensións dos vehículos e teñen que facelo en dirección prohibida, expoñéndose a recibir unha multa. (maio 2021)
Ø Solicitamos un espello na zona da nova rotonda de Beiramar que permita unha mellor visibilidade aos vehículos que se incorporan dende o paseo con relación aos que acceden dende Castelao. (xuño 2021)
Turismo
Ø Solicítase o arranxo/reposición dos paneis informativos do noso concello. Moreiras, Illa da Toxa, paseo Lordelo, paseo marítimo... (xullo 2019, xullo 2020 e marzo 2021)
Ø Pedimos que se instase a Emgrobes a retirar a caseta de información da Lanzada, ou cando menos a que retirasen o cartel de “Información”, pois eran moitos os visitantes que paraban pensando que o punto informativo estaba operativo. (xullo 2019)
Ø Preguntamos pola documentación solicitada en referencia aos gastos detallados da viaxe e presentación da Festa do Marisco realizada en Holanda. (xullo 2019)
Ø Preguntamos se se contemplaba a instalación de infografías coas medidas anti-Covid nos diferentes areais do noso concello. (xuño 2020)
Ø Pedimos que se actualizase ou retirase a web de turismogrove, xa que seguía ofrecendo información errónea e enganosa, ao indicar que contábamos con areais co distintivo da Bandeira Azul. Este rogo reiterámolo todos os anos dende o 2016. Ademais, preguntamos en que situación se atopaba a renovada web que a anterior concelleira de turismo anunciou hai anos e da que non se sabe nada. (xullo 2020)
Ø Pedimos que se nos remitisen as contas da Festa do Marisco do 2019. (xullo e setembro 2020 e marzo e abril 2021)
Ø Preguntamos en que situación se atopaba a bonificación das taxas de terrazas aprobada, tras moción, no pleno anterior. Ademais, quixemos saber o motivo polo que existían negocios que continuaban coas terrazas ampliadas cando este permiso era só mentres duraba o Estado de Alarma, o cal xa rematara. (xullo e setembro 2020)
Ø Preguntamos por que motivo continuaba activa unha terraza que dende o Concello se denunciara por incumprir a ordenanza municipal en canto a estética. (xullo e setembro 2020)
Ø Preguntamos o motivo polo que non se convocaba o Consello Local de Turismo cando, en setembro do 2020, se comprometera a facelo con máis asiduidade. (marzo 2021)
Ø Preguntamos que se estivera facendo a favor do sector turístico durante ese tempo, se tiñan algo preparado de cara á Semana Santa ou se estaban traballando de cara ao verán e a Festa do Marisco e insistimos na necesidade de traballar conxuntamente. (marzo 2021)
Ø Preguntamos sobre as solicitudes que se estaban tramitando no concello para a actividade de campings, anunciadas na prensa polo Alcalde, e cales desas acadaron licenza definitiva. Así mesmo, quixemos coñecer cal era o método que ía utilizar para frear este tipo de actividade, cando a lei a permite e el mesmo instou á veciñanza de San Vicente a iniciar os trámites para crear este servizo nos seus terreos. (marzo e abril 2021)
Ø Preguntamos que criterios tomou e o motivo polo que, saltándose a Ordenanza Municipal de Terrazas, o Alcalde decidiría, dependendo das zonas, que tipo de terrazas se podían montar no noso concello. (marzo 2021)
Ø Pedimos que se instase a Policía Local a revisar as diferentes terrazas para que cumprisen coas medidas sanitarias vixentes, pois algunha estaba incumprindo e ocasionaba enfados entre os que si o facían. (marzo e xullo 2021)
Ø Preguntamos a que atenden os permisos arbitrarios de terrazas no noso concello, pois existen locais aos que se lles permite montar estas en estacionamentos públicos e a outras non. Tamén temos constancia de terrazas sen permiso e pedimos que se actúe sobre elas. (xuño 2021)
Ø Solicitamos unha xuntanza de voceiros para pronunciarnos en contra das medidas restritivas aplicadas á hostalería local por parte da Xunta de Galicia e sobre a situación que se está a vivir no Centro de Saúde do Grove. (xullo 2021)
Ø Pedimos que, de celebrarse a edición 2021 da Festa do Marisco, se incorporasen as propostas de accesibilidade e seguridade que EU realizou xa no 2019. (xullo 2021)
Ø Preguntamos se o concello xa solucionou o problema que impedía recibir a madeira precisa para reparar os sendeiros e accesos de discapacitados das praias. Así mesmo quixemos coñecer se finalmente se acadou acordo con algún propietario de fincas próximas aos areais para habilitar como aparcamentos, tal e como anunciaran. (xullo 2021)
Igualdade, Servizos Sociais, Sanidade,...
Ø Denunciamos que se anunciase a instalación dun Punto Morado durante as Festas do Carme, cando en realidade se instalou unha simple mesa informativa con monitores. Advertimos que o punto tiña que contar con persoal cualificado (Técnica de Igualdade, sanitaria, psicóloga, voluntarios con formación...). (xullo 2019)
Ø Solicitamos unha xuntanza para analizar a situación do Centro de Saúde do Grove e traballar conxuntamente para reclamar melloras e solucións á falta de facultativos. (xullo e novembro 2019)
Ø Preguntamos se se fixera solicitude da subvención para a contratación de persoal que sufrira violencia de xénero. (xullo 2020)
Ø Preguntamos en que situación se atopaba o servizo de Vellos Tempos, que pasos se estaban dando para a reactivación do servizo, protocolos e cantos usuarios/as poderían acceder ao mesmo coas restricións. Así mesmo denunciamos que non se lle informase as familias do cambio de data previsto para o inicio do servizo e que non se atenda a asociación de mulleres Rurais de Adro Vello ante a petición dunha xuntanza co concelleiro de servizos sociais. (xullo 2020)
Ø Preguntamos o motivo polo que non estaban convocados os pregos para a concesión da Cafetería da Terceira Idade e por que se lle achacaba o retraso á anterior adxudicataria cando o remate da súa concesión estaba anunciado co tempo suficiente. (xullo 2020)
Ø Preguntamos o paradeiro das máscaras de protección facial que en setembro do 2019 doara unha empresa de Sanxenxo co propósito de repartir entre a rapazada do Grove e que non foron entregadas. (marzo, abril e maio 2021)
Ø Preguntamos en que situación estaban as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, pois tiñamos constancia de que moitas delas estaban aínda sen vacinar, e que medidas estaba tomando o concello. (abril 2021)
Ø Pedimos información sobre o expediente de contratación da cafetería da Terceira Idade, aprobado por decreto de Alcadía o 20 de abril. (abril 2021)
Ø Preguntamos pola tardanza en abrir Vellos Tempos, logo de terse comprometido a que comezase o 1 de xuño, que iniciará o servizo o 1 de xullo. Tamén nos interesamos en coñecer o motivo polo que se convocaba aos familiares para indicarlles se son aptos ou non a participar no servizo, un día antes de poñerse en funcionamento. (xuño 2021)
Ø Preguntamos pola situación na que se atopa o contrato do Servizo de Axuda no Fogar e cando se volve licitar o mesmo. (xullo 2021)
Ø Preguntamos en que situación se atopaba a contratación da Dinamizadora do CIM e a Psicóloga do SPAD. (xullo 2021)
Mantemento dos espazos públicos
Ø Requirimos o arranxo inmediato dos elementos de xogo dos diferentes parques infantís, pois supoñían un perigo ao atoparse deteriorados ou rotos. (xullo 2019)
Ø Preguntamos sobre o estado no que se atopaba a instalación dun punto de luz na rúa que transcorre ao carón do bar Alexandro. (outubro 2019 e novembro 2020)
Ø Solicitamos que procurasen solucións para a inundacións que se producían no Camiño do Rasoeiro. (novembro 2019)
Ø Solicitamos o asfaltado do camiño que transcorre dende a Carretera do Conde ata a rúa Ostreira, pois era un traxecto inseguro para o transito, sobre todo para as persoas maiores. (novembro 2019)
Ø Solicitamos se procurase unha solución para o problemas de ruídos que producía unha arqueta situada na estrada da praza de arriba, xa que non permitía durmir á veciñanza. (novembro 2019)
Ø Pedimos que se lle solicitase á Deputación a mellora da iluminación no tramo que transcorre dende a Igrexa de San Vicente ata o Carreiro. (xaneiro 2020)
Ø Preguntamos que estaba sucedendo co alumeado público, pois en Balea, Reboredo e outras zonas do casco urbano os farois estaban funcionando a primeiras horas da tarde e apagadas durante a noite. (xaneiro 2020)
Ø Pedimos a solución para a senda peonil que transcorre ata pola zona da Lanzada ata o restaurante Samar ao atoparse en mal estado. (xuño 2020)
Ø Pedimos a reparación dunhas escaleiras de baixada ao mar na zona do paseo de Lordelo que se atopaban esnaquizadas, así como o arranxo dos bloques do muro de contención na zona do Con das Señoritas. (xullo 2020)
Ø Preguntamos que sucedía cos permisos para a activación do pivote da Castelao mediante os teléfonos, pois varios usuarios da rúa nos indican que non se lles activaba o acceso por falta de espazo na memoria do equipo. (outubro 2020)
Ø Pedimos unha actuación de reposición, mantemento e conservación dos paneis e elementos distribuídos polo Monte Central da Toxa, pois atópanse esnaquizados e deteriorados polo abandono total por parte do Concello. (marzo 2021)
Ø Pedimos o arranxo da pasarela do paseo de madeira de Porto Meloxo que levaba esnaquizado dende había moito tempo. (marzo e abril 2021)
Ø Pedimos unha solución para a rotura do muro ao carón da Igrexa de San Martiño, que levaba meses derrubado como consecuencia dun accidente. (marzo e xullo 2021)
Cultura, Patrimonio, Educación, Idioma
Ø Preguntamos cando comezarían as clases da Escola de Música, tendo en conta que non se adxudicara o servizo, cando polo xeral deberían ter comezado a finais de setembro. (outubro e novembro 2019)
Ø Preguntamos por que unha asociación cultural seguía pendente do cobro dunha factura pola actuación realizada durante a Festa do Marisco do 2017. (outubro 2019)
Ø Preguntamos o motivo polo que dende o concello non se tramitara convite da Asociación de Mulleres Rurais Adro Vello para o Encontro de Palilleiras. (outubro 2020)
Ø Denunciamos que durante a Festa do Marisco se instalasen os carteis indicadores de saída da cidade en castelán e que se traducise o topónimo da Illa da Toxa, incumprindo a ordenanza municipal de impulso da lingua galega. Solicitamos que non volvese suceder algo similar. (outubro 2019)
Ø Preguntamos por que o perfil de facebook de Turismo estaba realizando as publicacións primeiro en castelán e logo en galego, cando a ordenanza municipal indica o contrario. (novembro 2019)
Ø Pedimos que non se prexudicase a partida orzamentaria dedicada ao Festival de Comparsas para mellorar os premios do Martes de Entroido, como parece que sucedeu, tras ver como a empresa de son do festival era de moita menor calidade que en anos anteriores. (febreiro 2020)
Ø Preguntamos o motivo polo que non se nos convidou á visita do Conselleiro de Cultura á zona de Adro Vello. (febreiro 2020)
Ø Volvemos pedir o arranxo e limpeza das fontes e lavadoiros do noso concello, xa que moitos deles se atopaban nun estado de abandono total; fonte de Estonllo, lavadoiro dos Paus, fonte do Naval... (xuño 2020, marzo, xuño e xullo 2021)
Ø Preguntamos que formato se usou para a contratación da Escola de Música, pois non víramos o concurso do mesmo. (setembro 2020)
Ø Preguntamos en que punto se atopaba o nomeamento de BIC para a zona do litoral de San Vicente do Mar aprobado en pleno a proposta do Náutico de SV. (novembro 2020)
Ø Preguntamos en que punto se atopaba o nomeamento de Conxunto Histórico para a zona de Moreiras-Estonllo, aprobado en pleno a proposta dos Amigos da Salgadeira de Moreiras. (novembro 2020)
Ø Preguntamos que estaba facendo o concello para a recuperación do Xacemento de Adro Vello. (novembro 2020)
Ø Preguntamos que se estaba facendo para a recuperación da ruta dos muiños entre a Siradella e Moreiras. (novembro 2020)
Ø Preguntamos que tramites se estaban levando adiante por parte do concello para a recuperación/mantemento da Torre de Escuredo. (novembro 2020)
Ø Preguntamos o motivo polo que non se nos convidou á visita realizada pola familia Lueiro Rey á exposición que se estaba realizando na Casa da Cultura. (marzo 2021)
Ø Preguntamos o motivo polo que estaba pechada a Axencia de Lectura de San Vicente e por que estaba paralizada o procedemento da bolsa de emprego para a Auxiliar de Cultura dende o 2019. (marzo e xullo 2021)
Ø Preguntamos novamente pola documentación do expediente da Torre de Escuredo, solicitada por rexistro en xaneiro de 2021. (abril, maio, xuño e xullo 2021)
Ø Interesámonos pola posta en funcionamento da Mesa de Cultura e Patrimonio, pois quedaba pendente de contactar cos membros que ían formar parte da mesma, e segue sen convocarse. (maio, xuño e xullo 2021)
Ø Preguntamos en que situación se atopaba a mesa de negociacións creada en torno a Adro Vello e que se estaba facendo na zona, pois parece que só se actuou cando saíron os osos á luz. (xuño 2021)
Deporte, Actividade Física...
Ø Preguntamos o motivo polo que non se avisara con tempo aos clubs deportivos usuarios do pavillón da celebración do Encontro de Palilleiras, provocando problemas nas súas axendas. (outubro 2019)
Ø Preguntamos cal era o motivo polo que os clubs deportivos usuarios do pavillón municipal non contaban con horarios definitivos de uso da instalación para os seus adestramentos a esas alturas da tempada. (outubro 2019)
Ø Preguntamos o motivo polo que as Pistas de Padel se atopaban bloqueadas os sábados e domingos dende as 16 a 23 h., cando os partidos de liga se celebraban de 18.30 a 20.30 horas, e tamén por que estiveran bloqueadas un sábado que non tiñan competición. Ademais, pedimos explicación á existencia de reservas de pistas con máis de 8 días cando a aplicación non permitía realizalas e o motivo polo que non había monitores en todos os horarios cando había moita xente agardando para recibir clases. (outubro 2019)
Ø Preguntamos cando se ía convocar o Consello Local do Deporte para o nomeamento dos novos membros do mesmo. (outubro e novembro 2019, xaneiro, xullo e setembro 2020 e marzo 2021)
Ø Preguntamos pola situación das Pistas de Padel, ao ter constancia de que non había ningún monitor contratado e si un autónomo, que os usuarios con pistas contratadas se atoparon coas portas pechadas, que non había clases de padel e que a escola deportiva non comezara cando contaban con 50 inscritos. (novembro 2019)
Ø Preguntamos o motivo polo que non se fixera o reparto das subvencións deportivas e como ían xustificar as mesmas xa que a data limite xa pasara. (novembro 2019)
Ø Preguntamos se o concello estaba ao tanto das problemáticas que estaban xurdindo entre os clubs usurarios do campo de fútbol Monte da Vila e se ía tomar cartas no asunto. (novembro 2019)
Ø Preguntamos o motivo polo que continuaba pechada a terceira pista e os vestiarios das Pistas de Padel, pois tralo remate do Estado de Alarma, as restricións permitían esas aperturas. Así mesmo quixemos saber por que non se lle permitía ao club de padel local realizar a reserva de pistas con certa antelación, tal e como facían con anterioridade. (xuño e xullo 2020)
Ø Preguntamos por que motivo os monitores das Pistas de Padel tiñan que darse de alta como autónomos para poder acceder ao posto de traballo. (xuño, xullo, setembro e outubro 2020)
Ø Preguntamos polas subvencións deportivas, pois houbo modificacións nas bases sen informar aos clubs, resultando máis complicada a xustificación das mesmas. Ademais, os prazos marcados polas bases para a súa xustificación provocaban que non dera tempo a cumprilos. (novembro 2020)
Ordenanzas, Concello, Outros,...
Ø Preguntamos polo estado da Ordenanza de Contaminación Acústica que quedara paralizada logo dunha reclamación do noso Grupo Municipal durante o anterior mandato. Preguntamos se seguía contratada a empresa encargada da redacción da ordenanza, dos mapas de ruído e das medición acústicas por 500 € ao mes e solicitamos información sobre o traballo que levaba realizado. (outubro 2019)
Ø Preguntamos en que estado se atopaba a redacción da Carta de Servizos aprobada en pleno no ano 2016 a instancias de Esquerda Unida. (outubro 2019 e maio 2021)
Ø Denunciamos que o perfil de facebook de emprego do Concello estaba publicitando ofertas que fomentaban a precariedade laboral e esiximos que non se volvese compartir nada que incumprira os dereitos laborais. (novembro 2019)
Ø Preguntamos o motivo polo cal no rexistro municipal a través da sede electrónica non se enviaba a documentación solicitada, en cambio a través da xanela si. (novembro 2019)
Ø Preguntamos que pasaba co Plan de Inundacións, que fora a pleno en febreiro de 2017 e retirado da orde do día ao detectarse erros, e cando se tiña pensado presentar para a súa aprobación. (xaneiro 2020)
Ø Preguntamos o motivo polo que abandonou a Interventora municipal, pois en pouco tempo xa é o segundo funcionario deste posto que renuncia ao cargo. (xuño 2020)
Ø Pedimos a convocatoria dunha xuntanza de voceiros dos grupos municipais co comité de empresa do Casino La Toja, co propósito de coñecer a crúa realidade que estaban vivindo e poder tomar cartas no asunto na medida das posibilidades. (xullo 2020)
Ø Preguntamos en que situación se atopaba a aplicación do marketplace Mercanogrove, e cantos comercios se adheriran á plataforma. (xullo e setembro 2020)
Ø Pedimos información sobre a campaña de bonos Mercanogrove e preguntamos que traballo se estaba facendo para promocionar a mesma, pois non víamos ningunha difusión da mesma. Preguntamos se se estaba traballando nunha campaña similar dirixida á hostalería. (marzo 2021)
Ø Preguntamos en que situación se atopaban os Orzamentos municipais, pois o Alcalde anunciara ían a debate no pleno dese mes. (marzo 2021)
Ø Preguntamos polo documento do inventario municipal, que viñera a pleno en 2016 pero fora retirado da orde do día ao detectarse numerosos erros. Quixemos saber en que situación se atopaba, se se actualizara e se ía volver a pleno para a súa aprobación. (maio 2021)
Ø Pedimos que se ampliase o limite de adquisicións de bonos de Mercanogrove (estaba en 2 por persoa), para que se puidesen vender todos os que se ofertaron, pois quedaba pouco tempo para o remate da campaña e máis da metade estaban sen vender. (maio 2021)
Ø Pedimos e insistimos na creación do Consello Económico e Social, co propósito de traballar a recuperación económica e social derivada da pandemia, pero sobre todo para abordar a situación que se aveciña co tema Thenaissie Provoté, coa redución de carga de traballo en Garavilla, ou cos rumores de marcha de Atunlo. (maio 2021)
Ningún comentario:
Publicar un comentario