venres, 14 de xuño de 2019

Esquerda Unida rexeita o depósito dos lodos do dragado do Lérez nas proximidades de Sálvora


A agrupación local de EU amosa o seu apoio á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa na súa manifestación en contra da decisión de Portos de Galicia.

Instan a Cacabelos a reunir ás concelleiras e concelleiros trala conformación da nova corporación para facer unha declaración institucional opoñéndose ao depósito dos lodos do dragado do Lérez na boca da ría.

O Grove, 12 de xuño de 2019.-  Trala noticia dos últimos días na que se indicaba que Portos de Galicia autorizaba a depositar os lodos, que se retirarán do dragado do río Lérez, nas proximidades da Illa de Sálvora, Esquerda Unida mostra o seu rexeitamento a esta medida que consideran prexudicial para os intereses da ría de Arousa.

Os esquerdistas non entenden que o órgano dependente da Xunta de Galicia tome esta medida logo de que as confrarías de Pontevedra se opuxeran ao depósito dos lodos preto de Tambo, que era a primeira opción. Entenden que si é prexudicial para a ría de Pontevedra, máis o será para a de Arousa que é unha das máis produtivas do estado e instan á Consellería do Mar a valorar, de forma consensual cos sectores implicados, unha alternativa que non prexudique aos sectores produtivos, ao medio ambiente e ás rías galegas.

Esquerda Unida mostra o seu apoio á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa nas súas reivindicacións e insta a Cacabelos a que a primeira medida que tome trala conformación da nova corporación e a toma de posesión como Alcalde, sexa a de convocar a todas as concelleiras e concelleiros para realizar unha declaración institucional apoiando as reivindicacións da PDRA, das confrarías e das asociacións de produtores da Ría de Arousa en contra desta decisión polo risco que este ataque ao noso medio natural supón para os recursos pesqueiros e a economía da zona.

Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

luns, 3 de xuño de 2019

Oposición construtiva e estar ao lado da veciñanza, comenda da militancia aos concelleiros e á organización.



A pasada semana, a coordinadora local reuniuse coa candidatura e a militancia para analizar os resultados emanados do proceso electoral do pasado 26 de maio e marcar a liña de traballo para o novo mandato. Dende Esquerda Unida queremos compartir as nosas conclusións;

Os resultados acadados pola nosa formación foron óptimos, logramos mellorar lixeiramente o número de apoios e mantemos as dúas actas que posuíamos.

Certamente o noso obxectivo era sumar máis actas, máxime cando no 2015 quedamos a escasos trinta e nove votos de obter a terceira. Desta volta, a pesar de baixar a participación (2,44 puntos menos) e termos subido lixeiramente en apoios, non logramos o aumento de representación, quedando novamente a escasos votos de acadar esa terceira acta.

Fomos a única forza da catro que formábamos a oposición que no tanto de perder apoios, logramos aumentalos. Isto non se produciu por inercia, senón polo traballo realizado estes catro anos como grupo referente da oposición, levando propostas e sendo fiscalizadores do traballo do goberno. Un traballo que, a pesar de consideralo bo, non logramos que chegara a toda a veciñanza –así nolo transmitiron–, polo que non podemos máis que considerar óptimos os resultados obtidos.

Por outro lado, dende Esquerda Unida entendemos o ascenso do PSOE derivado de tres factores. O primeiro debido á tendencia a alza producida polas eleccións xerais –sucedeu o mesmo no 90% dos concellos do estado–, en segundo lugar polo seu traballo de marketing e visualización dende o goberno, a pesar de que os feitos non son reais, e en terceiro lugar, polo descenso dos demais grupos da oposición. No caso do Partido Popular, que contaba con catro concelleiros e pasou a 3, non fixo oposición ningunha estes catro anos, polo que non só non foi quen de recuperar o electorado que perdera no 2015 a raíz do PXOM, senón que aumentou considerablemente esa perdida de votantes. O mesmo sucedeu con BNG e PGD. A partir de agora agárdanos un panorama complexo, pero non moi diferente ao vivido estes dous últimos anos, pois o PSOE xa contaba con maioría absoluta –co apoio cegado do PGD–.

A militancia e simpatizantes márcannos unha ruta pola que o grupo municipal e a organización se debe rexer estes catro anos; realizar un traballo de oposición construtiva, fiscalizadora e aportando propostas que melloren os servizos públicos e a calidade de vida da veciñanza; e estar máis na rúa, ao lado das veciñas e veciños, colectivos, asociacións... manter un contacto máis constante e ser a súa voz si así o requiren. Dende a agrupación local asumimos, como non pode ser doutro modo, ese mandato e porémonos a traballar dende xa.

Ao goberno pedímoslle transparencia, diálogo e traballo. O primeiro é que faciliten a documentación do PXOM á oposición e que lla mostren á cidadanía, tal e como anunciou en campaña. Tras isto que aprobe o documento urbanístico neste ano. Non ten escusas para levalo adiante, aínda que tampouco as tiña antes, pois ningún grupo da oposición puxo impedimentos na labor do goberno.

Instamos tamén ao goberno a poñer en marcha a construción do Centro de Día e o seu funcionamento cunha xestión pública, así como a cesión dos terreos á Xunta de Galicia para que se comprometan á construción do Centro de Saúde. Por outro lado este goberno debe pechar a negociación da RPT e sacar a oferta pública de emprego, cubrir os postos da policía local e poñer a funcionar o servizo 24 horas,... en definitiva, cuestións que a pesar de poder ter realizado sen ningún problema durante os pasados catro anos, deixou de lado e incluso acusou á oposición e outras administracións de ter paralizado.

A Coordinadora Local de Esquerda Unida O Grove