Dende Esquerda
Unida sumámonos ao grito de “Nin Unha Menos” este 25 de novembro do 2018. Non consentimos
nin unha asasinada máis, nin unha violada, acosada, discriminada, invisibilizada
ou marxinada por etnia, procedencia, idade, diversidade funcional, sexual ou
identidade de xénero. Esiximos que as institucións asuman a súa
responsabilidade na loita contra a Violencia de Xénero. Unhas institucións que
actuaron cunha visión parcial, cunha lexislación sen aplicación efectiva, con
diferenzas territoriais e sen os orzamentos, nin o persoal necesario para
cumprir as súas obrigas, eludindo á súa responsabilidade de protexer ás vítimas
e combater a normalización das violencias.
2018 é, de novo, un ano pragado de novas machistas
indignantes como a sentenza ditada contra
Juana Rivas ou, a do caso de La Manada, o alarmante aumento de casos de
violación grupal, a descarada e reiterada desidia, cando non aberta hostilidade
do poder xudicial, con casos tan vergoñentos como do titular do xulgado de
Violencia sobre a Muller número 7 de Madrid —Francisco Javier Martínez Derqui—insultando
a unha vítima de violencia de xénero. Fronte a iso, un Pacto de Estado insuficiente
e sen aplicación real, e un Informe Sombra ao
GREVIO (Grupo de Expertas na loita contra a violencia contra a muller do
Consello de Europa) que suspende rotundamente ao Estado español e a Xunta de Galicia
na loita contra a violencia machista.
Afortunadamente,
este 2018 tamén vivimos unha contundente resposta social do movemento feminista
organizado e plural, subversivo, anticapitalista, antirracista, ecoloxista e internacionalista, que mobiliza a millóns de
mulleres e que está a redefinir o sentido común da nosa sociedade. Debemos ter presente
a enorme importancia do feminismo nun momento no que temos que dar unha dura batalla
contra o neoliberalismo, o autoritarismo, a intolerancia e o fascismo, que
avanzan internacionalmente. Loitemos dende o feminismo todas xuntas para unha
sociedade xusta, libre de violencias e radicalmente democrática.
Por todo iso, dende
Esquerda Unida esiximos de xeito urxente:
- O cumprimento da LEI 11/2007, do 27 de
xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Que se
inclúa na presente lei como formas de violencia de xénero, os ventres de alugueiro e a prostitución.
Desenvolver políticas encamiñadas á abolición da prostitución, cun incremento
de recursos destinados ao desmantelamento das redes e a “industria” da
prostitución, a penalización do proxenetismo, campañas de información e sensibilización nas que se considere aos
homes clientes prostituidores como corresponsables, o desenvolvemento de medidas específicas de
integración e inserción laboral para as mulleres prostituídas se así o deciden,
e o rexeitamento de medidas simplemente prohibicionistas dirixidas á
persecución e criminalización das
vítimas, as mulleres prostituídas.
-Que aumente o orzamento destinado a
políticas de igualdade. Nos últimos tres anos, a Xunta de Galicia só fixo un ruín incremento dos
presupostos para igualdade, que só representa o 0,17% do orzamento aprobado
polo goberno do PP para o 2019 (17 millóns fronte a un total de 9.850 millóns
de €). Limitándose só o 0,14% do orzamento para a protección e apoio ás vítimas
de violencia de xénero, un 0,018% para a promoción do emprego da muller e un mísero
0,016% a apoio de Conciliación e Corresponsabilidade.
-Que
se poña en marcha o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. É inadmisible que despois
dun ano de traballo na subcomisión do
Congreso teñamos un pacto insuficiente, sen calendario nin orzamentos decentes;
que só a través do decreto 9/2018 do goberno do PSOE puxéronse en marcha 7 das
213 medidas, onde o orzamento desbloqueado para a xestión local non teña un
indicativo de que obxectivos ten nin como debe ser a súa implantación.
-Que as campañas promovidas dende as
distintas administracións para a violencia de xénero teñan unha perspectiva
feminista. Non consentimos
máis campañas orientadas a culpabilización das mulleres, o que teñamos que
estar vixiantes ante actitudes e accións violentas machistas ou cosificadas
como monumentos que “Hai que protexer”, como a campaña da Xunta do 25 N do
pasado ano. Eliminar a publicidade sexista que discrimina e atenta contra a
dignidade das mulleres en soportes publicitarios, publicacións ou transportes
públicos, así como, non permitir contratos públicos con medios de comunicación
nos que manteñan publicidade relacionada
coa prostitución ou pornografía, que deshumaniza e converte as mulleres en
mercadorías facilitando a proliferación de mafias e proxenetismo.
-Que
se ensine educación afectivo-sexual e contra a discriminación e violencia de
xénero. Este ensino ten que vir dende a
óptica feminista, dende a diversidade sexual e identidade de xénero en todas as
fases educativas.
-Que se desenvolvan plans de formación e
sensibilización contra a violencia de xénero de obrigado cumprimento ao persoal
ao servicio das administracións. Especialmente no ámbito social, sanitario, educativo, xurídico e ás
forzas e violencia machista se erradicará
dun xeito transversal, abordando todos os niveis e a todas as escalas, para que
dunha vez por todas poidamos recoñecernos nunha sociedade xusta e radicalmente
igualitaria.
-Demandamos unha xestión pública directa da rede de
servicios de violencia de xénero, como paso fundamental para garantir a mellora da calidade
asistencial e das condicións laborais do persoal que atende ás vítimas
rexeitando a constante externalización destes servizos.
Por todo o
anterior, dende Esquerda Unida esiximos unha estratexia estrutural que
loite en todos os ámbitos, con recursos
económicos, humanos, técnicos e materiais suficientes para que os obxectivos
non queden na sinatura de documentos institucionais, mentres temos unha
realidade inadmisible de violencias e desprotección para as mulleres.
Dende a nosa
organización apoiamos as mobilizacións organizadas en Galicia este 25 de
novembro para reivindicar unha sociedade libre de violencia de xénero.
ÁREA DA MULLER DE ESQUERDA UNIDA