martes, 28 de outubro de 2014

EU solicita a retirada dos colectores de HUMANA ao considerar que fan negocio coa solidariedade

Nas sesión plenaria do mes de agosto, a agrupación local de Esquerda Unida levará a debate e someterá á súa aprobación unha Moción na que se solicitará a retirada dos colectores de HUMANA do noso concello.

Humana, que conta con 28 tendas en toda España, vende a roupa que as persoas deixan nos seus colectores de formagratuíta considerando que vai destinada a fins solidarios, pero todo máis lonxe da realidade, pois esta suposta ONG, que paga menos impostos por esa condición, quedase cun 85% da súa facturación, e conta con sedes nas rúas máis caras do estado. Ademais, Humana foi denunciada ante o defensor do pobo e ante a Fiscalía Xeral do Estado pola súa asociación coa seita TVIND e procesada en Dinamarca, onde ten a súa sede central, por manter a dita seita e non efectuar proxectos en prol dos máis desfavorecidos.  

No Grove, esta ONG dispón de varios colectores nas diferentes rúas do concello. É por iso, que Esquerda Unida proporá que o Concello do Grove anule calquera acordo que teña con Humana e esixa a retirada dos colectores de roupa. Así mesmo, solicitarase que sexa o propio Concello o que se faga cargo da recollida de roupa usada e a destine ás asociación humanitarias locais ou directamente ás familias máis desfavorecidas da vila.



 

sábado, 25 de outubro de 2014

EU mostra o seu apoio á ANPA de Rons e denuncia a falta de sensibilidade do PP cunha problemática que afecta a nenos de tan curta idade.



A agrupación local de Esquerda Unida critica ao Partido Popular, tanto dende a administración local como autonómica, pola falta de respecto e sensibilidade con nais, país, nenas e nenos do centro educativo infantil de Rons e mostra o seu apoio a ANPA nas denuncias e demandas que estes veñen facendo constantemente.

É vergonzoso que os gobernos do PP, tanto local como autonómico, lle estean dando largas a unha problemática que afecta a nenos de tan curta idade, que pasan nese centro educativo a maior parte do día ao longo de todo o ano. Dende a ANPA de Rons levan anos reclamando solución para a Escola de Róns, que evite as humidades e as filtracións de auga nas aulas de ensino. A Xunta de Galicia e o Goberno Local prometeron unha reforma integral do centro pero esta non chega, tal e como denunciou a propia ANPA estes días. De feito, os Orzamentos Autonómicos para o 2015 non mostran ningunha partida destinada a esta obra, o que demostra a pouca intención que ten a administración autonómica por dar solución a esta demanda.  É intolerable que o único compromiso en firme que puido acadar a ANPA fora un arranxo do teito para paliar as filtracións de auga e que este parcheo non superase a primeira proba.

Por iso, Esquerda Unida canalizará a demanda da ANPA a través do grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, que formularán unha emenda aos Orzamentos Autonómicos do 2015 para que se inclúa unha partida orzamentaria destinada á reforma integral da Escola Infantil de Róns.

Así mesmo, EU solicitará á Concelleira de Educación que dea solución inmediata e dunha vez por todas ás deficiencias que presenta a Escola Infantil de Rons para que, cando menos durante este inverno, os cativos poidan asistir sen ter que padecer goteiras e humidades.

 A Asemblea Local de Esquerda Unida

Prensa:
La Voz de Galicia: AGE levará ao Parlamento de Galicia as deficiencias da gardería de Rons 
Faro de Vigo: O grupo parlamentario de AGE pide á Xunta unha partida para arranxar a gardería de Rons
Diario de Arousa: EU pedirá, a través de AGE, partida nos orzamentos da Xunta para a gardería de Rons 

domingo, 14 de setembro de 2014

AGE anima a CRTVG a retransmitir os encontros da selección Galega de Fútbol Gaélico

O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, a través do deputado Juan Manuel Fajardo, proporá á CRTVG que retransmita os encontros amigables que as distintas categorías da Selección Galega de Fútbol Gaélico disputará no Grove ante os combinados irlandeses.

Foto Asociación Galega de Fútbol Gaélico

AGE anima a CRTVG a retransmitir o encontro da selección galega de fútbol gaélico para apoiar e fomentar o interese por este deporte.

O deputado Juan Manuel Fajardo destaca que se trata dun deporte no que se enxalzan valores como a fraternidade, igualdade e solidariedade.

O grupo parlamentar de Alternativa galega de Esquerda (AGE) presentou unha pregunta dirixida á comisión da CRTVG na que se propón a retransmisión do encontro da selección galega de fútbol gaélico co obxectivo de fomentar o interese por este deporte. O fútbol gaélico conta en Galicia dende a súa chegada no 2010, coa creación do primeiro equipo no país (Fillos de Breogán da Coruña), cunha importante implantación, e neste ano comeza a liga con máis de 14 equipos entre femininos e masculinos.

O deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo, destaca que se trata dun deporte que enxalza unha serie de valores, esquecidos na práctica de outros deportes excesivamente profesionalizados e competitivos, como a fraternidade, igualdade, solidariedade que está a facer que exista un forte crecemento dos seus practicantes e seguidores.

O vindeiro 4 de outubro, no Grove, a Selección Galega, recoñecida pola federación internacional deste deporte, vai disputar amigables nas distintas categorías cos combinados irlandeses. E por este motivo que o grupo parlamentar de AGE preguntará e animará a CRTVG a retransmitir este evento para dar pulo a este deporte no noso país. 

Fonte: Alternativa Galega de Esquerda

Prensa: 
Galicia Confidencial: Fútbol Gaélico na TVG?

xoves, 11 de setembro de 2014

Resposta ás acusación realizadas polo PSOE contra a nosa organización



O Grove, 10 de setembro de 2014.­ Desde a Asemblea Local de Esquerda Unida do Grove queremos amosar a nosa sorpresa e indignación polas acusacións realizadas pola Agrupación Local do PSdG­PSOE, liderada por José Antonio Cacabelos, ao noso grupo nun comunicado enviado aos medios de comunicación no día de onte.

As   xentes   de   esquerdas   do   Grove,   e   as   e   os   militantes   de   Esquerda   Unida   en particular, xa estamos afeitos ás mentiras do PSOE e do seu voceiro municipal, mais non agardábamos que se nos utilice agora como elemento de xustificación dunha postura respecto do PXOM que xa teñen tomada hai máis de un ano, tal e como nos deron a coñecer nunha reunión que si existiu realizada no mes de novembro do ano pasado na sede local do PSOE e na que tentaron que Esquerda Unida e BNG nos convertéramos en comparsas da súa política errática e de fantasía.

Desmentimos de xeito rotundo que teñan existido reunións entre a nosa organización e o noso concelleiro co goberno municipal para acordar absolutamente nada sobre o PXOM, e moito menos un apoio incondicional, como afirma este grupo político, que máis ben parecen unha comparsa, de xeito totalmente covarde, pois nin tan sequera se atreveron a nomearnos no comunicado.

Tenta o señor Cacabelos converterse en líder da oposición metendo ao BNG no seu xogo, cando son o grupo municipal con menos traballo realizado nestes tres anos e  medio de mandato, a pesares de contar con seis concelleiros. Tanto Esquerda Unida, como o BNG realizamos, con un só concelleiro cada un, un sen fin de propostas e iniciativas   máis   que   o  grupo   socialista,   que   parece   desaparecido   da   vida   política municipal salvo para tentar manchar a imaxe dos demais coa fin de tapar a súa ineptitude. As actas dos plenos están como testemuñas do que afirmamos.

Esquerda Unida esixe unha rectificación pública, que de seguro non haberá, por parte do PSdG­ PSOE. Nós estamos en política para defender os intereses dos veciños do Grove, non para tapar as vergoñas de ninguén.

Finalmente, informar de que o sentido do voto do noso concelleiro no pleno no que se debaterá a aprobación inicial do PXOM será decidida pola asemblea.
 
Asemblea Local de Esquerda Unida

venres, 29 de agosto de 2014

Esquerda Unida O Grove fai un chamamento a participar na Asemblea Aberta


Ante a situación de crise económica, política, social, ambiental, etc. chegou o momento de que as forzas políticas de esquerdas, os movementos sociais, sindicais e a cidadanía en xeral, tomemos a palabra e nos tornemos en protagonistas do cambio político co que rematar o secuestro da democracia no que nos teñen sumido o PP e o PSOE.

É preciso que a cidadanía decida como quere ser gobernada, e para iso é necesario iniciar un proceso constituínte no que se garanta o dereito a decidir. Temos que recuperar a Democracia.

Necesitamos un espazo de confluencia, no que caibamos todas e todos, arredor dun desexo común: acabar coas políticas ditadas polas elites e o poder económico e rescatar a democracia, secuestrada polo bipartidismo tamén no ámbito municipal.

Por isto, desde Esquerda Unida queremos facer un chamamento á cidadanía indignada a participar na Asemblea Aberta Cidadá que celebraremos o vindeiro día 3 de setembro na Sala das Cunchas do Concello do Grove ás 20:30 horas.

Temos o poder de decidir.
A túa opinión importa. Participa!!

mércores, 27 de agosto de 2014

A obsolescencia programada foi debatida na primeira sesión do CINEFORUM

Dentro do primeiro acto do ciclo de CINEFORUM NA RÚA, organizado por Esquerda Unida O Grove, este martes proxectouse o documental "COMPRAR TIRAR COMPRAR. A Historia secreta da obsolescencia programada", no que se analizaba como as empresas reduccen deliberadamente a vida dos produtos para incrementar o seu consumo e a mostra das desastrosas consecuencias medioambientais nas que deriva esta práctica. 

Trala emisión do documental, que finalmente se tivo que realizar na Sala das Cunchas da Casa do Concello debido as condicións metereolóxicas, tivemos un pequeno coloquio no que os asistentes expuxeron as súas opinións e inquedanzas respecto a obsolescencia programada.

Dende Esquerda Unida, agradecer aos asistentes a súa participación, tanto no visionado do documental como no posterior debate. Emprazamos a toda a veciñanza a participar nas vindeiras sesións do CINEFORUM NA RÚA nas que continuaremos abordando temas de actualidade.

sábado, 23 de agosto de 2014

Cineforum na rúa. Proxección do documental "Comprar Tirar Comprar"

Dende Esquerda Unida o Grove queremos convidar a toda a veciñanza a participar no ciclo de Cineforum na rúa que a nosa agrupación organizará. A primeira proxección terá lugar o vindeiro martes 26 de agosto ás 22 horas na rúa Hospital (En caso de mal tempo trasladarémonos á Sala das Cunchas da Casa do Concello).

Para a primeira proxección, decidimos emitir o documental de Televisión Española "Comprar Tirar Comprar. A historia secreta da obsolescencia programada", no que se analiza a práctica empresarial que consiste na reducción deliberada da vida dos produtos para incrementar o seu consumo e a mostra das desastrosas consecuencias medioambientais nas que deriva. Os asistentes terán a oportunidade de participar nun pequeno coloquio ao finalizar o documental.


sábado, 2 de agosto de 2014

Seguen a mentir

O Sr. Miguel Ángel Pérez é un mentireiro. Así llo transmitiu o noso concelleiro Juan Lamelas Alfonso no pasado pleno, e a piques estivo de custarlle a expulsión do mesmo, sen estar falto de razón, xa que agora volve a facer o mesmo ao igual que durante toda a lexislatura; MENTIR.

Esquerda Unida non se opón á construción dun Auditorio para o noso concello, pois é ben sabido que esta obra está contemplada no noso programa electoral. A nosa agrupación tan só mostrou o seu rexeitamento a unha petición de préstamo (250.000 €) para unha obra, que queda moi lonxe de ser un Auditorio, para a cal o goberno local non conta có financiamento total da mesma e que se pretende construír nun terreo que non é municipal, senón que pertence a Portos. Ademais, consideramos prioritaria a construción do Centro de Saúde e do Centro de Día, obras que este goberno botou abaixo nada máis comezar o seu mandato.

Esto explicámolo na sesión plenaria, tal e como publicamos poucos minutos antes nesta mesma web. Pero xa é sabido que o Sr. Pérez é dado a terxiversar as verbas dos membros da oposición para mentir e enganar aos nosos veciños. Esquerda Unida levará varias iniciativas ao Pleno do mes de xullo

El alcalde muestra su indignación con la actitud de los opositores
farodevigo.es|De Faro de Vigo

xoves, 31 de xullo de 2014

Esquerda Unida levará varias iniciativas ao Pleno do mes de xullo



Hoxe temos unha nova sesión plenaria no Concello do Grove.

O goberno local levará á aprobación unha solicitude de crédito de 400.000 €:
 - Dese total, non mostraremos o noso apoio aos 250.000 € destinados ao Centro de Interpretación de Carpintería de Ribeira (CICRI), o que ven sendo unha salón de actos que o tripartito nos quere vender como un Auditorio, e para o cal non existe un financiamento total da obra, polo que non admitiremos que o Concello aumente o seu endebedamento sen unha garantía de que a obra conta con investimento total. Así mesmo consideramos que a súa situación non é a máis idónea xa que se continúa saturando a fachada marítima do casco urbano do Grove, en concreto, a zona do Corgo pretendendo situar esta infraestrutura en solo portuario estragar un excelente escaparate do noso pobo cara os visitantes e unha zona de espallamento dos nosos veciños tanto nas festas como nos mercados semanais. Ademais, temos que ter en conta que se está a redactar o plan xeral de ordenación municipal no cal xa se debería ter prevista a planificación desta infraestrutura nunha situación máis idónea, como podería ser a Avenida Irmáns Otero Goday. Tamén queremos sinalar que no pasado, Esquerda Unida nos opuxemos contundentemente á situación da EDAR na mesma zona por motivos similares.

xoves, 10 de xullo de 2014

Esquerda Unida solicita a mellora das Praias para cans



Nas últimas semanas, o Concello do Grove decidiu modificar a situación das dúas praias caninas que, a petición da nosa agrupación, se crearon o ano pasado. Esta modificación realizouse sen un previo amaño das mesmas, sobre todo na referente á do Porto dos Padroneses (nas Laxes de Róns), na cal non se realizou unha limpeza previa nin conta cos servizos mínimos para atender á normativa de uso, xa que non hai instaladas papeleiras onde os usuarios poidan depositar os excrementos dos cans e outros restos orgánicos.

Por este motivo, o noso concelleiro, Xam Lamelas, realizou unha petición por escrito no rexistro municipal solicitando a mellora das condicións destes areais para que os usuarios poidan utilizalos en condicións. 

martes, 6 de maio de 2014

Alternativa Galega de Esquerda en Europa celebrou un acto en O Grove

O activista social e candidato ao Parlamento Europeo, Javier Couso; os deputados de AGE no Parlamento Galego, Eva Solla e Juan Fajardo; e o coordinador nacional de Anova-IN e Alcalde de Teo, Martiño Noriega, ofreceron o sábado, no salón das Cunchas da Casa do Concello, un acto público no que abordaron a actual situación social e expuxeron as alternativas políticas que a candidatura de Alternativa Galega de Esquerdas en Europa, liderada por Lidia Senra, ofrecen ao modelo europeo neoliberal. O acto foi conducido polo grovense, Luis Rei, e contou coa presenza da coordinadora nacional de Esquerda Unida e viceportavoz de AGE no Parlamento galego, Yolanda Díaz.

xoves, 1 de maio de 2014

Acto Público Alternativa Galega de Esquerda en Europa


 

É a hora do pobo!


O vindeiro sábado día 3 de maio celebraráse no Grove un acto público da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, que terá lugar na Sala das Cunchas da Casa do Concello ás 12 horas.

Contaremos con intervencións de peso, entre as cales destaca Javier Couso, activista social e candidato ao Parlamento Europeo por Izquierda Unida. Couso é traballador audiovisual, traballando actualmente na dirección dos documentais Una mosca en una botella de coca-cola e Lolo Rico: la mirada no inventada. Como activista social traballou en diversas causas, destacando por desgraza na Asociación de Amigos, Irmáns e Compañeiros de José Couso tralo asasinato por parte do exército dos Estados Unidos do cámara galego. Participa tamén como analista en diversos medios de comunicación, en programas como La Tuerka e Fort Apache, ou en cadeas como TeleSur, RT ou HispanTV.
Contaremos ademáis coa presenza de Martiño Noriega, coordinador nacional de Anova – Irmandade Noacionalista e alcalde do Concello de Teo, así como coa deputada galega do grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda e enfermeira viguesa Eva Solla.
No acto abordarase a situación social actual e as alternativas políticas ao modelo europeo neoliberal que ofrecemos desde a esquerda.

luns, 24 de febreiro de 2014

Esquerda Unida denuncia a situación de desgoberno e parálise na que se atopa o Concello do Grove

A agrupación local de Esquerda Unida ven de denunciar a situación de desgoberno no que se atopa o Concello do Grove. A ausencia dun secretario/a municipal impide que se poidan resolver asuntos importantes na vida diaria municipal -licencias e autorizacións urbanísticas, fraccionamentos de dévedas, solicitudes de vaos, conexións á rede de auga, debolucións...- ao non poderse convocar as xuntas de goberno local. Así mesmo, por este motivo tampouco se celebrará o pleno ordinario do mes de febreiro, no que o noso concelleiro Xam Lamelas pretendía someter a votación a posibilidade de sumarse á demanda Constitucional contra a Reforma da Lei de Administracións Locais.

sábado, 22 de febreiro de 2014

O Consello Local da Igualdade adhírese á Moción de EU contra a reforma da Lei do Aborto

Reunido o Consello Local de Igualdade do Concello do Grove en sesión
extraordinaria o mércores 19 de Febreiro, adoptou o seguinte acordo:

Respaldar e adherirse á Moción que solicita A RETIRADA DO ANTEPROXECTO DE LEI DE PROTECCIÓN DOS DEREITOS DO CONCIBIDO E DA MULLER EMBARAZADA proposta polo PP , que foi presentada por Esquerda Unida e aprobada pola maioria da Corporación do Concello do Grove na Sesión Plenaria Ordinaria do pasado mes de xaneiro.

O Consello Local da Igualdade do Concello do Grove OPONSE FRONTALMENTE a este Anteproxecto  que supón unha grave ameaza á libertade das mulleres pois elimina o dereito das mulleres a decidir sobre o seu embarazo.

Entendemos que este retroceso social de décadas, NON VAI A DISMINUIR O
NÚMERO DE ABORTOS, QUE TAMPOUCO SE VIRON INCREMENTADOS COA LEI DO 2010, só vai provocar que as mulleres que carezan de recursos teñan que abortar máis tarde e por tanto con máis riscos e en peores condicións, polo que estamos diante dunha discriminación por razón de sexo e de condición social que rexeitamos enérxicamente.

Consideramos que a prevención dos embarazos non desexados, cunha boa
formación afectivo-sexual da poboación, especialmente entre os máis xóvenes xa dende a escola, é o mellor proxecto para disminuir o número de abortos.

venres, 31 de xaneiro de 2014

Aprobadas as dúas mocións presentadas por EU ao pleno de xaneiro


Na sesión plenaria do mes de xaneiro, celebrada este xoves 30, Esquerda Unida presentou dúas mocións; a primeira esixindo unhas MEDIDAS PARA PREVIR A POBREZA ENERXÉTICA e a segunda pedindo a RETIRADA DO ANTEPROXECTO DE LEI DE PROTECCIÓN DOS DEREITOS DO CONCIBIDO E DA MULLER EMBARAZADA. As dúas mocións obtiveron o respaldo da corporación municipal, a primeira por unanimidade e a segunda con doce votos a favor, dous en contra e unha abstención.