O Pleno aprobou no día de onte por unanimidade a moción presentada pola concelleira de Esquerda Unida, Cristina Domínguez, relativa ao 25 de novembro -Día Internacional Contra a Violencia de Xénero-.
A moción contemplaba un total de 11 propostas de acordo entre as que destacan a de instar ao goberno do estado a modificar a Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para incluír as violencias contra as mulleres fóra do ámbito da parella ou exparella, incorporar a violencia sexual, laboral, institucional, os ventres de aluguer e a prostitución; instar ao goberno do estado a desenvolver unha Lei Integral para a loita de trata de seres humanos; impulsar plans de igualdade con suficientes recursos humanos e materiais; implementar a educación afectivo-sexual e contra a discriminación e violencia de xénero dende a óptica feminista e a diversidade en todas as fases educativas; desenvolver plans de formación e sensibilización ao persoal sanitario, xurídico e as forzas e corpos de seguridade; fortalecer a rede pública de atención a vítimas; e profundar nas campañas de concienciación.
Moción completa:
25 DE NOVEMBRO 2020
DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Este
2020 está marcado pola pandemia da Covid-19 e a crise social e económica. Esta
situación, volve evidenciar as desigualdades de xénero que sosteñen a un
sistema que non protexe, nin ofrece vidas dignas e seguras ás mulleres. A
situación de confinamento, as limitacións á mobilidade e as consecuencias das
medidas tomadas para facer fronte ao coronavirus, intensificaron as violencias
machistas.
Moitas
mulleres atopáronse encerradas cos seus maltratadores nunha especial situación
de vulnerabilidade e incerteza. Durante o primeiras seis semanas de corentena
realizáronse máis de 4.000 detencións por violencia machista, ademais vemos un
aumento de máis do 50% do uso servizo telefónico do 016 e de máis dun 100% do
seu uso online. Segundo os datos do
Ministerio de Igualdade, as chamadas ao 016 incrementáronse no mes de abril un
60% con respecto a abril de 2019, e as consultas online incrementáronse ese mesmo mes case un
600% comparado con abril do ano anterior.
Así
mesmo, a pandemia do COVID-19 resaltou as diferentes fendas de xénero que
seguen existindo en todos os ámbitos da nosa sociedade. Durante este período,
as mulleres foron as protagonistas, tanto no ámbito sanitario —sendo elas a
inmensa maioría de persoas traballadoras— como no ámbito dos coidados, vivindo
situacións de precariedade e risco para a saúde para as empregadas do fogar e
atención domiciliaria.
Segundo
os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), as mulleres son maioritarias nos
postos de primeira liña de combate da epidemia. Elas representan o 51% do
persoal médico, o 84% de enfermería, o 72% en farmacia, o 82% en psicoloxía e
un 85% do persoal que traballa nas residencias de maiores e persoas dependentes
onde se deron as peores cifras de falecementos. Tamén son maioritarias noutros
servizos esenciais como son o comercio e a alimentación, a limpeza de hospitais
e representan a práctica totalidade das empregadas do fogar, dos coidados.
A
isto súmase a maior carga das mulleres nas tarefas de coidados. O 70% destas
tarefas son realizadas polas mulleres e neste contexto de coronavirus sufriron
unha maior sobrecarga tanto polas condicións laborais do teletraballo, como
polo coidado do fogar, menores e persoas dependentes. Esta sobrecarga de
traballo non se viu respondida con mecanismos de corresponsabilidade desde
todos os ámbitos: administracións, empresas e fogares. Especialmente afectadas
están as familias monoparentais, das que oito de cada dez teñen a unha muller á
fronte.
Doutra
banda, estímase que a nova crise económica vai afectar máis ás mulleres máis
vulnerables que, en moitos casos, dependen economicamente das súas parellas.
Fronte a esta situación, elaboráronse pactos pola recuperación económica en
todos os niveis da administración para incidir e compensar os efectos da
pandemia. Pero diversos expertos, expertas e organismos nacionais e
internacionais (Ministerio de Igualdade, ONU,
PNUD, etc.) están a alertar de que en épocas de crise o enfoque de
xénero é un dos puntos que as administracións tachan da súa axenda, mentres que
precisamente é nestas crises cando debemos reforzar a nosa mirada cara ás
mulleres e as nenas, para poder paliar o dano real causado a todos os niveis
das súas vidas.
E é
neste sentido onde é imprescindible aplicar a perspectiva de xénero como
ferramenta de análise que nos permite introducir cambios reais e concretos cara
á construción dunha sociedade igualitaria. Algo que debería estar presente en
calquera plan de reconstrución para evitar un retroceso nos dereitos
adquiridos.
A Comisión Europea recoñece que se non se
avanza en políticas de xénero costaranos 70 anos alcanzar unha igualdade de
salario entre homes e mulleres, 40 anos a correponsabilidade do traballo
doméstico e 20 anos alcanzar políticas de xénero.
As
crises anteriores incrementaron as desigualdades e discriminacións. A maioría
de mulleres atópanse nas posicións máis precarias e vulnerables tanto no
aspecto laboral coma no social. Esta crise non a imos a pagar nós, necesitamos
políticas que poñan a protección das persoas no centro, especialmente as máis
vulnerables e as que van sufrir as peores consecuencias.
Por
todo iso, é urxente a posta en marcha e profundización das actuacións do Pacto
de Estado contra a Violencia de Xénero para despregar xa medidas e políticas
igualitarias nesta situación de crise
multidimensional. E á súa vez, para iso é fundamental unha
reconsideración dos nosos servizos públicos que estando feridos de morte, non
poden atendernos nin garantir os nosos dereitos e protexer as nosas vidas. Necesitamos
unha aposta clara pola ampliación de recursos e reestruturación do público e o
común.
Pero
a esta situación de crise, súmanse outras que describen unha realidade
preocupante, como é a situación das e dos menores ante as violencias machistas.
Segundo os datos do Informe de Menores e Violencia de Xénero o 24% da mocidade
no noso país entre 14 e 18 anos foi testemuña de episodios de violencia
machista cara á súa nai e, deles, o 77% confesa que foi maltratado/a
directamente polo mesmo agresor, dos cales o 70% era o seu pai.
Estamos
a vivir un colapso duns servizos xurídicos, sociais e sanitarios precarizados e
recortados xa antes da crise do Coronavirus, que non poden pagar as vítimas de
violencias machistas. Debemos resolver de forma urxente o acceso, a ampliación
de tempo, dereitos e medidas de protección ás mulleres que conseguen a
acreditación de vítima de Violencia de Xénero. A vixencia de dous anos para
todas as actuacións (sen estimar tempos diferentes para diferentes actuacións)
non é suficiente para que unha muller refaga a súa vida e poida acceder aos
diferentes recursos que expón a lei, en canto a cuestións laborais, de
formación (como as oposicións) e outras medidas de apoio sociolaboral.
E
por último, consideramos urxente o recoñecemento de todas as violencias
machistas que afectan de forma incisiva na vida das mulleres e fomentan a
cultura da violación e a violencia.
Por todo o anteriormente exposto,
é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno
a aprobación da seguinte,
Proposta de acordo:
● PRIMEIRO: Instar ao Goberno de España a
que se modifique a Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra
a Violencia de Xénero ampliando a propia definición de violencia de xénero,
cumprindo co ratificado dentro o Convenio de Istambul en 2014. É dicir, que se
inclúan as violencias contra as mulleres fóra do ámbito da parella ou exparella, que se incorpore a violencia
sexual, laboral, institucional e tamén que se incorporen os ventres de aluguer
e a prostitución como violencia de xénero.
● SEGUNDO: Instar ao Goberno de España a que se desenvolva
unha Lei Integral para loitar contra Trata de Seres humanos, que ademais de
previr e perseguir esta secuela e ás redes de delincuentes que se lucran con esta «escravitude moderna»,
conteña un plan de integración para as miles de vítimas, a maior parte mulleres
e nenas, aínda sen cuantificar no Estado español, que é un dos principais
destinos europeos das migrantes captadas
polas redes para exercer a prostitución.
● TERCEIRO: Instar a que na comisión
sectorial de igualdade se amplíe o tempo de acreditación de vítima de violencia
de xénero para posibilitar a súa inclusión en procesos de incorporación
sociolaboral.
● CUARTO: Realizar un informe de impacto de xénero das propostas
recollidas nos plans de reconstrución para incluír os factores de corrección
necesarios para evitar aumentar os desequilibrios de xénero existentes.
● QUINTO: Impulsar plans de igualdade con
suficientes recursos humanos e materiais. Así como mellorar os datos para a
sensibilización social e a planificación e avaliación das políticas de
igualdade.
● SEXTO: Avaliar a posta en marcha do
Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero nas entidades locais e autonómicas
para garantir que se está utilizando de maneira adecuada e os obxectivos que se
están traballando.
● SÉTIMO: Implementar a educación
afectivo-sexual e contra a discriminación e violencia de xénero desde a óptica
feminista e desde a diversidade en todas as fases educativas.
● OITAVO: Reforzar as actuacións con
menores en contexto de violencia de xénero e as actuacións dos puntos de
encontro para adecuarse ao contexto.
● NOVENO: Desenvolver plans de formación
e sensibilización contra a violencia de xénero de obrigado cumprimento ao
persoal sanitario, educativo, xurídico e ás Forzas e Corpos de Seguridade, con
cursos mantidos no tempo, actualizados e avaliables.
● DÉCIMO: Fortalecer a rede pública de
atención ás vítimas internalizando os
servizos de atención directa, de acollida e a atención do teléfono de atención
á violencia para posibilitar empregos dignos como primeiro paso para a boa
atención, información e asistencia das vítimas de VX.
● UNDÉCIMO: Desenvolver e profundar nas
campañas de concienciación e información específicas para o contexto actual,
implicando ás contornas próximas ás mulleres que sofren a violencia para que as
apoien e comuniquen a situación ás administracións correspondentes.