sábado, 28 de novembro de 2020

O Grove mostra o seu apoio e solidarízase co pobo saharauí

O pleno do Grove mostrou por unanimidade o seu apoio e solidariedade co pobo saharauí ante a agresión marroquí que viola as fronteiras e os acordos de paz establecidos en 1991 e que tamén representa unha ruptura do cesamento do fogo. 

Así mesmo, O Grove apoia dereito do pobo saharauí á celebración dun referendo de autodeterminación recoñecido pola ONU en varias resolución dos Consello de Seguridade.

A moción foi presentada polo Grupo Municipal de Esquerda e defendida polo seu voceiro, que asegurou que a pesar de ser unha moción que excede os límites municipais O Grove como pobo solidario e con vínculos co Sáhara -moitos veciñas e veciños teñen acollido durante moitos anos en época estival a nenas e nenos dos campamentos de refuxiados saharauís- non podía pasar por alto esta situación e debía mostrar o seu apoio e defender o dereito a decidir o seu futuro.


MOCIÓN INTEGRA DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA

MOCIÓN ANTE O CONFLITO NA ZONA DESMILITARIZADA DO SUR DO SÁHARA E A AGRESIÓN MILITAR MARROQUINA NO GUERGUERAT

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Neste ano 2020 veñen de cumprise 45 anos do abandono ao pobo saharaui e da ocupación ilegal de Marrocos nos territorios do Sáhara Occidental. 45 anos no que este pobo ten sufrido os rigores do deserto, o espolio dos seus recursos naturais pola potencia ocupante e o desleixo da Comunidade Internacional, incapaz en máis de catro décadas de dar cumprimento aos acordos da ONU para permitir a liberdade e independencia do pobo saharauí no seu territorio.

A noite do 13 ao 14 de novembro, tropas regulares da Forzas Armadas Reais (FAR) de Marrocos penetraron na zona desmilitarizada do extremo sur do Sáhara para reprimir unha mobilización pacífica de mulleres e homes saharauís no Gerguerat. En realidade, Marrocos ven de realizar tres fendas no muro que construíu hai décadas de máis de 2700 km para realizar unha incursión militar en territorio saharauí coa escusa de dar por rematada a concentración que protestaba polos incumprimentos marroquís no tocante ao paso do Guerguerat e o uso fraudulento de milleiros de camións entre a franxa que separa a aduana marroquí e a fronteira con Mauritania, un paso fronteirizo ilegal e que nos últimos meses estaba a ser militarizado polo goberno marroquí, feito que xerou unha protesta pacífica da poboación saharauí ante unha agresión territorial intolerable.

Esta acción militar ilegal e contraria aos acordos da ONU realizada por tropas marroquís foi a causante dun intercambio de disparos por primeira vez en décadas entre as forzas da Fronte Polisaria e das FAR de Marrocos. A estas alturas descoñécese o número de vítimas pero é evidente a gravidade dos feitos que poden dar ao traste cun alto o fogo que persistía, non sen complicacións, dende 1991.

Non obstante, a única solución a este conflito non é a guerra, senón a organización sen máis demora dun referendo de autodeterminación que pregunte ao pobo saharauí se quere a independencia ou a súa integración en Marrocos. Iso é o que se acordou en varias resolucións das Nacións Unidas e debe cumprirse. O pobo saharauí ten dereito a iso, pero este referendo esta vez non pode agardar.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

O Pleno do Concello do Grove:

  1. Expresa o seu apoio e solidariedade co pobo saharauí ante a agresión marroquí que viola as fronteiras e os Acordos de Paz establecidos en 1991 e que tamén representa unha ruptura do cesamento do fogo, ademais de apoiar o seu dereito de autodeterminación a recoñecida pola ONU na resolución 690 do Consello de Seguridade de 29 de abril de 1991.
  2. Instar ao goberno de España, como antiga metrópole colonial e administradora de iure, a establecer un traballo diplomático para evitar a guerra sen que esta signifique a renuncia do pobo saharauí á defensa da integridade do seu territorio e os dereitos humanos da poboación afectada pola ocupación marroquí.
  3. Así mesmo, insta a que esas accións diplomáticas de máis alto nivel vaian encamiñadas a acordar unha data firme de celebración do referendo de autodeterminación do Sáhara Occidental en cumprimento dos acordos internacionais.

O Concello adherirase á Rede de Entidades Local para desenrolar o ODS da axenda 2030


O Pleno aprobou por unanimidade a moción de Esquerda Unida que instaba ao Concello do Grove a adherirse  á "REDE DE ENTIDADES LOCAIS PARA DESENVOLVEMENTO DOS OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE DA AXENDA 2030" da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Esta adhesión permitirá:

  • Promover o coñecemento, sensibilización e implantación dos ODS da Axenda 2030 nas entidades locais españolas, mediante o fortalecemento institucional e a implicación dos diferentes actores locais.
  • Fortalecer e lexitimar o papel estratéxico que xogan as autoridades locais no desenvolvemento da Axenda 2030 en España para conseguir a mellor incidencia política, promovendo o traballo en rede e a procura de alianzas que impulsen políticas de cohesión a nivel local e unha adecuada articulación multinivel (central, autonómica e local) e multi-actor para a construción e implementación da Axenda 2030 en nivel local.
  • Actuar como foro de intercambio e experiencias entre os Gobernos Locais que integran a Rede. - Ofrecer servizos de asesoramento e asistencia para os seus membros, formación de técnicos e a mutua cooperación entre as autoridades das entidades locais na localización dos ODS da Axenda 2030 en España.
  • Traballar cos Gobernos Locais liñas de actuación concretas tras a crise provocada pola Covid-19 para dar unha resposta ao territorio aliñada coa Axenda 2030. 

 

MOCIÓN COMPLETA:

MOCIÓN PARA ADHERIRSE Á "REDE DE ENTIDADES LOCAIS PARA DESENROLAR OS OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLES DA AXENDA 2030" DA FEMP

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Axenda 2030 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 25 de setembro de 2015, converteuse na axenda internacional máis ambiciosa da humanidade. Por primeira vez, unha estratexia destas dimensións asúmese desde unha perspectiva holística: social, cultural, económica e medio ambiental.

O pasado 25 de setembro cumpríanse 5 anos desde que se adoptase a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), un fito fundamental no que o noso país comprometíase a afrontar os grandes retos do noso tempo, poñer fin á pobreza, reducir a desigualdade, lograr a igualdade de xénero, atallar a emerxencia climática ou garantir o traballo decente.

Cumprir 5 anos supón valorar o traballo realizado por moitos dos actores durante todos estes anos, pero tamén afrontar que só temos unha década por diante e que necesitamos profundar nas nosas accións se queremos cumprir coa Axenda 2030. É o momento de pasar das palabras aos feitos e reafirmar o noso compromiso con políticas decididas que nos leven a alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Detrás da Axenda 2030 e de todos e cada un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible está precisamente mellorar a vida da xente do noso país, poñendo os grandes problemas sobre a mesa e sobre todo a vontade política para poñerlles fin.

O Concello do Grove é membro da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

A FEMP foi incluída polo Goberno español no Plan de Acción de España para a implementación da Axenda 2030, como institución panca no impulso da Axenda 2030.

O pasado 21 de setembro de 2019, no XII Pleno da FEMP, renovouse e reforzou politicamente o liderado e compromiso de aterrar os ODS nas cidades e territorios, a través da Declaración específica en favor da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

A Xunta de Goberno da FEMP aprobou o 26 de novembro de 2019 a creación da "Rede de Entidades locais para desenvolver os ODS da Axenda 2030".

Dita Rede -sen personalidade xurídica propia diferente á FEMP- constituirase cos Gobernos Locais que se comprometan a implementar os ODS da Axenda 2030 de forma transversal nas políticas públicas municipais. O seu principal obxectivo será favorecer a coordinación de actuacións entre os Gobernos Locais permitindo alcanzar mellores resultados na implementación da Axenda 2030 nos municipios e provincias, a través da localización e desenvolvemento dos ODS no ámbito local.

A Rede será o instrumento que ofrecerá ferramentas aos Gobernos Locais para que logren os seus obxectivos, de acordo coa implementación da Axenda 2030 en España. E, ademais, ofrecerá aos Gobernos Locais pautas, información e propostas de actuación para facer fronte á crise provocada pola COVID-19, tendo moi presente unha das principais premisas da Axenda 2030: non deixar a ninguén atrás.

Pero este camiño só o lograremos percorrer se contamos co traballo fundamental dos Concellos, cuxa labor é clave para a localización da Axenda 2030 e o seu traballo diario é o que maior impacto ten sobre o día a día da xente. Temos a misión de levar a Axenda a cada rúa, a cada barrio e a cada praza porque os ODS son o mellor instrumento para mellorar o noso país. Significa apostar por uns servizos públicos de calidade, por unha educación e sanidade debidamente financiadas, por cidades e vilas sostibles que teñan todos os servizos que necesitan, pola mobilidade sostible e pola protección da nosa contorna natural. E supón tamén promover o consumo local, apoiar aos produtores das nosas rexións, traballar por uns servizos sociais sólidos en cada lugar e garantir, en definitiva, que avanzamos cara un país máis xusto e sostible.

Os Obxectivos da Rede son os seguintes:

·     Promover o coñecemento, sensibilización e implantación dos ODS da Axenda 2030 nas entidades locais españolas, mediante o fortalecemento institucional e a implicación dos diferentes actores locais.

·  Fortalecer e lexitimar o papel estratéxico que xogan as autoridades locais no desenvolvemento da Axenda 2030 en España para conseguir a mellor incidencia política, promovendo o traballo en rede e a procura de alianzas que impulsen políticas de cohesión a nivel local e unha adecuada articulación multinivel (central, autonómica e local) e multi-actor para a construción e implementación da Axenda 2030 en nivel local.

·   Actuar como foro de intercambio e experiencias entre os Gobernos Locais que integran a Rede. - Ofrecer servizos de asesoramento e asistencia para os seus membros, formación de técnicos e a mutua cooperación entre as autoridades das entidades locais na localización dos ODS da Axenda 2030 en España.

·     Traballar cos Gobernos Locais liñas de actuación concretas tras a crise provocada pola Covid-19 para dar unha resposta ao territorio aliñada coa Axenda 2030.

Entendemos que o noso Concello debe ser parte activa desta rede dentro da FEMP.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO


PRIMEIRO.- Que o Concello do Grove se adhira á "REDE DE ENTIDADES LOCAIS PARA DESENVOLVEMENTO DOS OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE DA AXENDA 2030" da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

SEGUNDO.- Instar á Alcaldía para realizar os trámites oportunos para a devandita adhesión.

TERCEIRO.- Instar ó goberno local a iniciar os traballos para aprobar un Plan de Actuación ou Estratexia Local, no que se elabore unha análise de situación e un plan de localización e implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.