domingo, 5 de febreiro de 2017

EU solicita que o concello asesore e axude aos veciños afectados pola clausula solo

O pasado venres, o voceiro do Grupo Municipal de Esquerda Unida, Juan Lamelas, rexistrou unha iniciativa dirixida a Xunta de Goberno Local na que se solicita que o Concello estableza un dispositivo extraordinario de asesoramento á cidadanía para informar aos veciños se as súas hipotecas conteñen cláusulas solo e, si procede, asesoralos nos pasos a seguir para recuperar o diñeiro inxustamente pagado á entidade de aforro co que subscribiron as hipotecas das súas vivendas. Así mesmo, os esquerdistas queren implicar á Deputación Provincial para que colabore cos servizos municipais.

Escrito dirixido á Xunta de Goberno Local do Concello do Grove

O solo hipotecario é unha cláusula que establece un interese mínimo a pagar na nosa hipoteca aínda que o índice ao que estea referenciado o préstamo hipotecario (normalmente Euribor a 12 meses) cotice en valores inferiores ao devandito límite. É, noutras palabras, o interese máis baixo que pagaremos nunca pola nosa hipoteca. A cláusula solo a atoparemos entre as condicións do contrato da hipoteca, aínda que posiblemente non aparecerá baixo este nome.

A cláusula solo impide aos clientes que a cota da súa hipoteca se reduza cando descende o índice de referencia do seu préstamo hipotecario, xa que aplica un interese mínimo a pagar sempre que o Euribor estea por baixo do valor que marque a cláusula. O solo hipotecario non afecta ás hipotecas fixas, xa que o interese neste tipo de préstamos hipotecarios non está referenciado a ningún índice, polo que non varía e as cotas sempre son as mesmas.

É un abuso máis da banca cara aos usuarios, que a nosa organización veu manifestando, e onde nos felicitamos da última decisión do Tribunal Europeo neste sentido, concedendo a retroactividade total nas cláusulas solo.

Desta forma, contradí ao Alto Tribunal español e ao ditame de xullo, que só concedía a devolución retroactiva do cobrado en exceso até a devandita data, e asume as teses defendidas pola Comisión Europea. Neste sentido, estimou que limitar a retroactividade da devolución do cobrado en exceso a maio de 2013, data da primeira sentenza do Tribunal Supremo sobre este asunto, oponse ao dereito comunitario, o que na práctica equivale a recoñecer a retroactividade total desde a firma do préstamo.

Segundo a sentenza, "A declaración xudicial do carácter abusivo dunha cláusula debe ter como consecuencia o restablecemento da situación na que se atoparía o consumidor de non existir dita cláusula. Por conseguinte, a declaración do carácter abusivo das cláusulas solo debe permitir a restitución das vantaxes obtidas indebidamente polo profesional en detrimento do consumidor".

Unha noticia moi esperada polo conxunto de consumidores, onde segundo as asociacións que traballan na defensa dos seus dereitos, coinciden en aconsellar aos usuarios que para recuperar o seu diñeiro, antes de dar o paso de acudir aos tribunais hai que dirixirse ao banco e reclamar as cantidades.

Pero é moi posible que a entidade se negue ou que ofreza  asinar un acordo trampa polo que só devolvería unha parte. Podéndose caer nun erro xeral do "máis vale paxaro en man que cento voando", entrando por tanto noutro abuso por parte de quen teñen máis medios para a negociación.

Por iso, enténdese como moi importante para garantir os dereitos dos consumidores que estes estean desde o primeiro minuto ben asesorados.

Entendemos que os Concellos como administracións máis próximas aos cidadáns non poden mostrarse  neutrais ante este abuso e deben poñerse á beira dos consumidores neste sentido para salvagardar os seus dereitos ante esta sentenza do Tribunal Europeo.

Por todo o exposto,

SOLICITA

1.           Que o Concello estableza un dispositivo extraordinario de asesoramento á cidadanía para informar aos posibles afectados se a súa hipoteca contén cláusulas solo e, se procede, os pasos a seguir para recuperar o diñeiro inxustamente pagado á entidade de aforro coa que subscribiu a hipoteca da súa vivenda.

2.           Que se  inste á Deputación Provincial para que asesore e colabore cos servizos municipais que se cren na provincia.



Prensa:

Lamelas exige asesoramiento municipal sobre cláusulas suelo [ver noticia web]

sábado, 4 de febreiro de 2017

Esquerda Unida ante a situación do voluntariado da Festa do Marisco

O Grove, 3 de febreiro de 2017.- A raíz das informacións publicadas na prensa no día de hoxe (venres), así como da reunión que o goberno mantivo con traballadores da última edición da Festa do Marisco, Esquerda Unida quere comunicar á opinión pública, ao igual que fixo no seno do Consello Local de Turismo, o seu parecer sobre a situación creada trala apertura dun expediente por parte da Inspección de Traballo ao Concello do Grove, así como que se coñezan as iniciativas e advertencias que dende a agrupación de esquerdas viñeron realizando ao longo dos anos cos distintos gobernos municipais.

Segundo explican desde a agrupación que representan no Concello os edís Juan Lamelas e José Antonio Otero, “desde o noso Grupo Municipal levamos anos avisando de que o voluntariado da Festa do Marisco supón unha fraude á Seguridade Social ao ser postos de traballo encubertos, ademais de supoñer un menoscabo aos dereitos dos traballadores” polo que desde Esquerda Unida “propuxemos en numerosas ocasións, aos gobernos dos distintos mandatos, a eliminación da figura do voluntario na Festa do Marisco e a súa substitución por persoal contratado coa súa correspondente alta na Seguridade Social”. Unha petición que sempre caeu en saco roto ata o pasado ano, cando lograron que se reflectise nos Orzamentos Municipais 2016 tralas negociacións mantidas co goberno, e que finalmente o equipo liderado por José A. Cacabelos incumpriu ao alegar dificultades no proceso.

Os esquerdistas explican que “levamos esperando polo informe da selección dos voluntarios desde o 21 de outubro, data na que o solicitamos por primeira vez, e coincide que esta mesma semana volvemos a solicitalo en Pleno e a pesares de que xa tiñan planificada unha reunión cos traballadores non se nos dixo nada ao respecto”. Por este motivo dende Esquerda Unida consideran que “o proceder do goberno municipal neste asunto está deixando moito que desexar”. Así, desde a agrupación están tratando a posibilidade de pedir responsabilidades políticas ao concelleiro de persoal así como á concelleira de turismo e ao Alcalde. “Non só procederon de xeito incorrecto, se non que se encargaron de publicar nos medios de comunicación que ían cometer fraude á Seguridade Social, ao anunciar primeiro que farían contratos por acordo político con EU, e logo anunciar que recuaban e onde ía haber unha relación laboral habería un voluntario”.
A situación xerada causou preocupación en parte do persoal que traballou na Festa, polo que os concelleiros de EU mantiveron estes días xuntanzas con distintos traballadores, os cales lles trasladaron os seus casos particulares. “O Concello, ao ser responsable dunha mala praxe laboral, debe axudar a resolver os prexuízos que se lle puideron causar a algunhas das persoas que accederon a participar na Festa nunhas condicións e que agora atópanse con outras ben distintas”, sentencian dende EU.

Orzamentos 2017

Esta situación non lle virá nada ben ás intencións do Alcalde de negociar os orzamentos municipais para este ano. As contratacións da Festa do Marisco foi un dos puntos que o goberno aceptou incorporar aos orzamentos do ano pasado a proposta de Esquerda Unida, e non só non o cumpriron, se non que parece que podería chegar a converterse nun problema de gran envergadura para o Concello do Grove de non concretarse o acordo entre Concello e Inspección de Traballo. A isto hai que sumarlle a defensa que fai Cacabelos da figura do voluntariado na Festa. Segundo os esquerdistas “que o Alcalde defenda máis que nunca a figura do voluntariado na Festa do Marisco en contra do acordado con Esquerda Unida –e do criterio da Inspección de Traballo– non é unha boa maneira de ir a unha negociación con nós”.

Consello Político Local

Esquerda Unida O Grove

mércores, 1 de febreiro de 2017

Rogos e preguntas do Grupo Municipal de EU no Pleno de xaneiro

Os edís do Grupo Municipal de Esquerda Unida pediron explicación sobre diferentes asuntos municipais e realizaron unha serie de peticións de actuacións no transcurso do pleno deste mes de xaneiro.

Así, os esquerdistas quixeron coñecer de boca do goberno cal foi o motivo polo que foron rexeitadas as subvencións para a instalación dun ascensor na Casa do Concello e dun montacargas na Casa da Cultura e si se ía insistir para lograr a subvención ou se realizaría a obra por outras vías.
A subvención foi rexeitada por problemas técnicos, esa foi o único argumento utilizado pola concelleira de Obras, que non quixo dar explicacións máis pormenorizadas. Así mesmo asegurou que seguirán traballando para acadar estas obras.

Unha cuestión que preocupa aos veciños do barrio de Meloxo, e que Juan Lamelas e José Antonio Otero trasladaron a pleno,  foi a obra de reforma do lavadoiro existente na zona e que leva máis dun ano pechado por deterioro. Unha pregunta que xa fora realizada polos edís de EU en marzo do ano pasado e que tivo repetición en outros plenos por parte doutros compañeiros de corporación así como en diferentes xuntanzas que o Grupo Municipal mantivo co Goberno. A día de hoxe seguen sen comezar as obras de reforma e polo visto, segundo indicacións tamén da Concelleira de Obras, están agardando polo permiso de Patrimonio.

Os esquerdistas tamén se preocuparon pola seguridade dos viandantes da rúa Luis Seoane, pois dende que se realizaron obras de asfaltado hai varios meses, seguen sen estar pintados os pasos de peóns a un lado e o outro da intersección coa Luís Casais. As disculpas ofrecidas pola concelleira delegada foi que a climatoloxía impideu o pintado dos mesmos, resposta que non convenceu a ningún dos presentes, pois este foi un dos invernos máis secos dos últimos anos.

Outra das zonas nas que os edís de Esquerda Unida se centraron foi a rúa da Bouzas onde solicitaron que, aproveitando os cambios de ciruculación realizados no Monte da Vila e arredores, se delimitara un carril de peóns para garantir a seguridade dos veciños e sobre todo dos numerosos estudantes que a diario se desprazan ao Instituto por esa rúa. Unha petición que foi realizada en reiteradas ocasións polo Grupo Municipal de EU.
A concelleira de obras indicou que están agardando por uns bolardos para realizar a delimitación correspondente.

O parque Canino da Toxa foi outro dos asuntos que os edís esquerdistas trasladaron á sesión plenaria pois tras solicitar, hai preto dun ano, que se instalaran indicadores e penais coas normas de uso, o goberno fixo caso omiso. 
Dende a concellería recoñeceron o erro e aseguraron que os colocarían na maior brevidade posible.

Lamelas e Otero preguntaron tamén pola situación dun camiño que bordea o campo de golf dende a urbanización próxima á ponte da Toxa. Un camiño que era utilizado habitualmente por numerosos atletas e que que hai unhas semanas foi pechado ao transito. Os edís preguntaron si era de titularidade pública e que de ser así se esixira a apertura e se depuraran responsabilidades. 
O Alcalde asegurou non saber quen pechara o mesmo e que trasladaría a petición a Costas, pois son eles os titulares do camiño.

Outra das solicitudes fixo referencia ás casetas de socorristas da praia da Lanzada, concretamente á máis próxima á zona do Sanatorio, pois se atopa nun lamentable estado de abandono. Os esquerdistas aseguran que o pasado verán este posto ocasionou algún que outro susto por desprendementos da súa estrutura e que os socorristas non se atreven a subir á zona alta de vixilancia por medo a sufrir danos. Por ese motivo solicitaron que se arranxase e se fixese unha revisión do resto para solucionar os problemas que poidan ter co propósito de ofrecer seguridade aos traballadores e usuarios.
Dende o goberno indicaron que traballarán na mellora destes postos.

Continuando coa batería de peticións, os esquerdistas trasladaron a queixa de varios usuarios da Casa da Cultura, pois aseguran lles é imposible realizar as tarefas con normalidade ante a deficiente conexión a internet
A concelleira de Cultura recoñeceu ter constancia das queixas e que están traballando na mellora da conexión.

Dirixida á concelleira de Cultura foi tamén a petición de seguridade na planta baixa da Casa do Concello, pois foron varios os artistas que expoñen nas salas deste edificio os que trasladaron a súa preocupación pola falta de vixianza cando exhiben as súas obras.
Dende a concellería aseguraron que son coñecedores da preocupación e que procurarán unha solución o máis axiña posible.

Por último, os concelleiros volveron solicitar que se lles trasladase a documentación relativa ao proceso de selección dos voluntarios da Festa do Marisco, pois hai máis de tres meses que rexistraron a petición e a día de hoxe non contan coa mesma.

[ver/descargar Rogos e Preguntas no seu contexto orixinal]

Prensa:

Un año de espera por el lavadero de Meloxo y los letreros para perros [ver noticia web]