venres, 27 de xullo de 2018

EU insta á posta en marcha do servizo de guindastre que reclaman a veciñanza e os propietarios de vados

Nos últimos días volveron producirse queixas dos propietarios de vados permanentes, aos que non se lles están a dar solucións a pesar de aboar a correspondente taxa

O Concello fai ouvidos xordos a unha reclamación que está sobre a mesa dende o comezo do mandato, e que tamén solicita a Policía Local
Foto: Todogrove.es
O Grove, 26 de xullo de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida volve reclamar a inmediata posta en marcha do servizo municipal de guindastre. Unha carencia que a formación ven denunciando dende o comezo do mandato; e á que o goberno municipal se resiste a poñerlle solución, a pesar da existencia de informes favorables da Policía Local e das reiteradas queixas da veciñanza.

A pesar de aboar a correspondente taxa, se un vehículo estaciona indebidamente fronte a un vado permanente o propietario do mesmo pouco poderá facer aparte de agardar con paciencia. E é que aínda que existen informes da Policía Local que solicitan a posta en funcionamento do servizo municipal de guindastre, o goberno local do PSOE continúa deixando de lado unha cuestión que ven motivando as reiteradas queixas da cidadanía grovense.

Hai escasos días repetíanse os problemas no casco urbán. E é que, aparte de poñer a correspondente multa, pouco poden facer os axentes municipais ante un aviso de estacionamento fronte a unha saída de garaxe sinalizada cun vado. Unha situación que, loxicamente, xera un fondo malestar entre os usuarios de vados; que están a ver vulnerados os dereitos que, se supón, debera garantirlles o pago da nomeada sinalización.

A situación xa foi exposta no pleno polos concelleiros de Esquerda Unida en reiteradas ocasións. E o goberno local mesmo chegou a comprometer de palabra a posta en marcha do servizo e a actualización da correspondente taxa antes do 2017. Porén, o problema continúa sen solventarse.

Así as cousas, o grupo municipal de EU volve reclamar a incorporación á plantilla municipal dun condutor para o guindastre e a posta en marcha do servizo de forma inmediata, estable e regular. 

sábado, 21 de xullo de 2018

EU critica o desleixo do Concello no que a seguridade se refire, e denuncia que continúe sen poñerse en marcha a patrulla nocturna


Foto: Todogrove.es
Lamenta que, a pesar do aprobado en pleno, a Festa do Carme non contase con ningún tipo de protocolo ou punto de control das violencias machistas

O Grove, 20 de xullo de 2018.- Un ano máis, O Grove continúa sen contar con patrulla policial nocturna. A pesar de que o déficit de axentes no corpo municipal é un problema que afecta a O Grove dende hai anos; e que o goberno local ten recoñecido en numerosas ocasións; o grupo municipal de Esquerda Unida lamenta o absoluto desleixo do executivo do PSOE a este respecto. Unha despreocupación que, en vista das repetidas reclamacións (tanto por parte dos grupos da oposición como da veciñanza) ben pode calificarse, cando queda xa menos dun ano para as vindeiras eleccións municipais, como unha absoluta deixadez de funcións do responsable municipal de Seguridade. Desleixo que tamén evidencia a falta de iniciativa no que a control das violencias machistas se refire. E é que, a pesar de que o pleno aprobou por unanimidade unha moción que, entre outras medidas, contemplaba a creación de espazos seguros e puntos de atención ás mulleres en celebracións multitudinarias, este non foi posto en marcha nas últimas Festas do Carme. Festexos que, por outra banda, careceron por completo do protocolo de seguridade que terían requirido debido á elevada concentración de persoas.

Un verán máis, O Grove vese na obriga de adaptarse ao déficit de seguridade con que o municipio ven convivindo dende hai anos. Nin as intensas vagas de roubos rexistradas en meses pasados nin as repetidas reclamacións de veciños e formacións políticas ao respecto teñen callado na Concellería de Seguridade que dirixe José Cacabelos. Quen, a pesar dos reiterados compromisos verbais que, un ano tras outro, vai poñendo sobre a mesa, continúa sen tomar cartas no asunto e sen poñer en marcha a contratación de novos axentes que permitan a O Grove contar cun corpo de Policía Local dimensionado de xeito acorde ás súas necesidades.

Se o insuficiente número de axentes da Policía Local resulta preocupante durante o inverno, os problemas acentúanse co incremento poboacional e co conseguinte aumento do tráfico e dos eventos e aglomeracións propios da época estival. Situación que se agrava aínda máis durante a noite, cando O Grove queda absolutamente desprotexido.

Nas últimas fins de semana a movida noctura xa rexistrou algúns altercados, que ben poderían previrse coa presenza disuasoria dunha patrulla policial. Ademais, hai escasos días a prensa facíase eco dun estudo que sitúa a O Grove entre os municipios galegos cun maior risco e frecuencia de roubos en domicilios. Situación que, por outra banda, evidencian por si mesmos os numerosos asaltos que a poboación local padeceu en veráns anteriores.

Máis aló do xeral, o responsable local de EU mira cara a outros municipios da contorna para lamentar que, mentres outros Concellos avanzan e van mellorando a seguridade das mulleres e o control específico das violencias machistas en festas, celebracións e outros eventos multitudinarios, unha vez máis o goberno local do Grove esquece por completo o aprobado en pleno. Nese senso, José Antonio Otero sinala o exemplo de Cambados, que na Festa do Albariño porá en marcha un Punto Morado para  atender ás posibles vítimas deste tipo de agresións.


Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

sábado, 14 de xullo de 2018

O grupo municipal de EU insta a En Marea a apoiar sen fisuras no Parlamento a solicitude de desafección do Corgo


A solicitude de recuperación da praza e dos terreos nos que se asentan a Casa do Concello ou o mercado municipal foi aprobada por unanimidade do pleno en reiteradas ocasións

IMAXE DE ARQUIVO DA PRAZA DO CORGO - TODOGROVE.ES

O Grove, 13 de xullo de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida ten solicitado o apoio unánime e sen fisuras do grupo parlamentario de En Marea para conseguir que a tan demandada desafección do Corgo poida ser unha realidade. O asunto será tratado este venres na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, por iniciativa do PSOE. Un foro ao que a postura da formación esquerdista no Grove chegará da man do partido que lidera Luís Villares.

A desafección dos terreos do Corgo que, a pesar de non ter uso portuario, se atopan baixo a titularidade da Xunta de Galicia e polos que ano tras ano O Grove debe aboar a Portos miles de euros debátese hoxe no Parlamento de Galicia. Un asunto de importancia para o Grove, en relación ao cal Esquerda Unida entende debe adoptarse unha postura rotunda, unánime e sen fisuras.

Así as cousas, o grupo municipal de EU tense posto en contacto co grupo parlamentario de En Marea para solicitarlle o seu apoio a unha reclamación que, de saír adiante, suporía un importante aforro para as arcas municipais. E abriría tamén a porta a un aproveitamento máis racional e eficiente dun espazo que a día de hoxe presenta un estado lamentable debido á total falta de mantemento por parte de Portos.

Cabe lembrar que se trata do único espazo aberto, amplo e céntrico co que conta o municipio para a realización de eventos. Nel desenvólvense, como é sabido, o mercado semanal, a Festa do Carme e a do Marisco, e numerosos espectáculos e actuacións. Así as cousas, Esquerda Unida aposta por aunar forzas para que do Parlamento poida saír un posicionamento favorable a esta reclamación; que suporía un importante espaldarazo ás pretensións do Grove ante a Xunta de Galicia.

Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

domingo, 8 de xullo de 2018

José Antonio Otero convírtese no novo candidato de Esquerda Unida O Grove co aval maioritario da militancia


O proceso de primarias contou cunha participación do 81,30% dos afiliados, que de xeito unánime apoiaron a candidatura do coordinador local

José Antonio Otero
 O Grove, 7 de xullo de 2018.- José Antonio Otero será o candidato de Esquerda Unida á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais. Así o decidiu por esmagante maioría a militancia da formación no Grove; que de xeito unánime ten depositado a súa confianza no que desde o ano pasado é xa o coordinador local da formación.

Cunha participación do 81,30% no proceso de primarias convocado para designar ao que será o próximo candidato de EU á alcaldía do Grove; e o respaldo do 100% dos votantes; José Antonio Otero conta sen ningunha dúbida coa confianza maioritaria da militancia grovense para poñerse á fronte da próxima campaña electoral.

Deste xeito, consolídase co pleno acordo dos afiliados o cambio de ciclo que xa se iniciara a finais do ano pasado, cando a militancia aprobou en asemblea, e tamén de xeito unánime, o nomeamento de Otero como máximo responsable da dirección local do partido.

Ao igual que fixera daquela, o que é xa un dos representantes de Esquerda Unida na corporación local recolle o testemuño de Juan Lamelas con ilusión e ganas de sacar adiante proxectos útiles para a cidadanía grovense e o desenvolvemento do municipio.

O nomeamento de Otero como novo candidato tense producido do xeito máis natural no seo da formación; logo da delegación de responsabilidades pola que xa se optara o pasado novembro co pequeno paso atrás de Lamelas e a súa substitución por Otero á fronte da coordinadora local.

Trátase, de calquera xeito, dun pequeno cambio no timón absolutamente consensuado. E que, dados os postos de responsabilidade que Otero xa ostentaba, como concelleiro e coordinador, non implicará grandes cambios a nivel político nin no que afecta á liña de actuación da formación.

Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

venres, 6 de xullo de 2018

EU demanda unha web municipal de turismo ao día e que funcione como un verdadeiro elemento dinamizador


A formación reclama unha axeitada actualización da páxina, que segue publicitando praias con Bandeira Azul a pesar de que hai xa dous anos que O Grove prescindiu deses distintivos
Imaxe da web turismogrove.es co información das praias
  O Grove, 5 de xullo de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida esixe que o Concello poña ao día e actualice coa axeitada periodicidade a web de turismo municipal. Unha páxina que nen de lonxe está a funcionar como o elemento dinamizador que debera ser. E que ofrece información tremendamente desactualizada e errónea, dando unha imaxe de desleixo para nada acorde ás necesidades promocionais da vila e do seu tecido turístico.

Hai xa dous anos que Esquerda Unida abordou no pleno a necesidade dunha posta ao día e dunha xestión máis eficiente da web de turismo do Concello. E é que, a pesar de que a renovación desta páxina foi unha das medidas estrela que a edil responsable desta área propuxo aos representantes da hostelaría e das demais empresas vinculadas co turismo no Grove ao comezo do mandato, semella que aquela iniciativa caeu no esquecemento.

A web continúa informando aos visitantes da existencia de praias con Bandeira Azul. Un distintivo que non ondea nos areais mecos desde hai xa dous veráns. Pero non só, pois tampouco a información de eventos tan relevantes para a localidade como a Festa do Marisco se atopa ao día (neste caso, por ningures aparece o cartel da edición deste ano, nunha mostra inaceptable de desinterese e deixadez).

Así as cousas, o grupo municipal de EU califica de “vergoña” a xestión que o Concello está a realizar deste instrumento promocional; e volve incidir na necesidade de que o goberno local tome cartas no asunto e preste a atención debida a un elemento que debera servir de catapulta para a oferta de ocio e a totalidade dos recursos turísticos da vila. 
Sección da Festa do Marisco na web turismogrove.es
Cartel da edición 2017 na sección da Festa do Marisco
Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove