sábado, 7 de maio de 2016

Esquerda Unida solicita unha xuntanza de voceiros para tratar as peonalizacións das rúas do casco urbano


Os esquerdistas, favorables á peonalización, queren coñecer os proxectos para as rúas Luis Seoane e Castelao, o desvío alternativo do tráfico e as alternativas de aparcadoiro que manexa o executivo local.

Rúa Castelao (Catorse) cortada ao tráfico polas obras
O Grove, 6 de maio de 2016. O Grupo Municipal de Esquerda Unida solicitou por rexistro unha xuntanza de voceiros para abordar o tema da peonalización de rúas do casco urbano. Logo das novas en prensa nas que se indicaba que o Concello ten previsto peonalizar en breve a Rúa Luis Seoane e no mes de outubro a Rúa Castelao, concretamente o tramo coñecido como a Catorse, Juan Lamelas e José Antonio Otero solicitaron unha reunión co Alcalde para coñecer de primeira man cal é o proxecto que executará o goberno municipal, a alternativa que ten previsto para a perda de máis de 50 aparcadoiros e a nova circulación que  se propón tralo peche ao tráfico destas dúas rúas.

A pesar de mostrarse favorables á peonalización das citadas rúas, xa que ademais de supoñer unha seguridade para os viandantes pode ocasionar un incremento económico para os negocios alí instalados, os edís esquerdistas consideran que antes de pechalas ao transito de vehículos é preciso contar cun proxecto que mostre as alternativas de circulación e estacionamento, cuestión que nestes intres descoñecen por completo si existe. Tampouco teñen claro si o goberno tratou o asunto con veciños e comerciantes, principais implicados xa que serán os maiores beneficiados ou prexudicados por estas actuacións.

Por ese motivo, os edís esquerdistas agardan que Alcalde atenda á petición realizada por rexistro e convoque aos voceiros dos grupos municipais para abordar este tema, que consideran de crucial importancia, xa que se trata de pechar ao tráfico unha das arterias principais do concello.

Así mesmo, cabe recordar que Esquerda Unida xa se mostrou contrario e criticou no  anterior mandato ao goberno tripartito pola supresión de aparcadoiros realizada en rúas como A Praza de Arriba, Alcalde Xacobe Barral (antiga Cándido Acuña), Vilavella ou o Corgo, xa que naquel entón foron eliminadas máis de 30 prazas de aparcadoiros sen contar cunha alternativa. Situación que finalmente derivou no aluguer, de forma sospeitosa e irregular, dunha finca privada na zona de Beiramar. 

Prensa

EU solicita unha xuntanza de voceiros para abordar o novo mapa do tráfico [ver noticia web]


EU pide una reunión para abordar la peatonalización deCastelao y Luis Seoane [ver noticia web]

Esquerda Unida apoya las peatonalizaciones pero pide que se garanticen los aparcamientos [ver noticia web]


EU pide una reunión de portavoces para hablar sobre las peatonaliaciones [ver imaxe da noticia completa]
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario