Amosando publicacións coa etiqueta CCOO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CCOO. Amosar todas as publicacións

29 abril 2018

EU chama a participar nas mobilizacións do 1ª de maio para reclamar a recuperación de emprego de calidade



A pesar de que a economía galega leva catro anos medrando, a pobreza tense cronificado e a inmensa maioría dos contratos son temporais

O emprego medra, pero a costa dunha crecente precarización das condicións dos traballadores e, aínda máis, das traballadoras

O Grove, 28 de abril de 2018.- As agrupacións locais de Esquerda Unida en Vilagarcía e O Grove fan un chamamento para que a cidadanía acuda de forma masiva ás mobilizacións convocadas para o próximo Día Internacional do Traballo. A formación advirte da crecente precariedade que se ten apoderado do mercado laboral. E é que, a pesar de que as cifras do paro aparentan unha recuperación do mercado de traballo, cun número cada vez menor de desempregados; a realidade é que ese descenso da cifra de parados se produce a costa dun empeoramento das condicións laborais.

Ás 12 do mediodía do vindeiro martes, 1º de maio, arrincará da Praza de Ravella, en Vilagarcía, a manifestación convocada polos sindicatos CCOO e UGT. Mellor emprego, maiores salarios, pensións dignas e máis igualdade. Esas serán as reivindicacións que presidirán unha marcha que, tal e como destaca Esquerda Unida, resulta absolutamente necesaria neste momento.

Como adoita acontecer nestas datas pre-estivais, o último informe do paro publicado pola Consellaría de Traballo da Xunta de Galicia revela un descenso do número de desempregados. Porén, as cifras son enganosas, pois a realidade é que dos 75.688 contratos rexistrados no mes de marzo no conxunto da Comunidade, unicamente 8.021 foron indefinidos, fronte a 66.463 temporais, 634 de prácticas ou formación, e 569 doutras tipoloxías.

Nos últimos anos tense producido, ademais, unha crecente feminización do desemprego. Dos 9.298 desempregados rexistrados na comarca do Salnés en marzo, 5.092 son mulleres, fronte a 4.206 homes.

A pesar de que aos gobernos do Partido Popular se lles encha a boca falando da recuperación económica rexistrada nos últimos anos (a economía galega medrou un 3,1% no 2017, e agárdase que o faga un 2,5% neste 2018), a pobreza tense cronificado, e acada niveis moi superiores aos existentes antes da crise. 67.500 fogares galegos teñen a todos os seus membros activos en paro, e 34.700 carecen por completo de ingresos. Ademais, o 28,8% dos menores de 18 anos en Galicia está en risco de pobreza e exclusión. O 24,5% viven en fogares cunha renda por debaixo do 60% da media nacional; e o 26,5% das unidades familiares con cativos non dispoñen de solvencia para afrontar gastos imprevistos. En conclusión, o

emprego medra, pero a custa dunha crecente precariedade e do aumento do   número de persoas en risco de pobreza.

Esquerda Unida entende que, nun momento de recuperación económica como o actual, é de xustiza que esa tendencia positiva alcance tamén á clase traballadora.

Por elo, a formación avoga por conseguir que a negociación colectiva reflicta unha mellora substancial dos salarios en xeral, e dos máis baixos en particular. Con cláusulas de garantía que protexan o poder adquisitivo fronte a un aumento excesivo dos prezos dos produtos de consumo como o que está a producirse na actualidade.

En consonancia co que tamén reclaman os sindicatos, EU esixe ademais un aumento dos compromisos empresariais en relación coa estabilidade e a calidade do emprego; a redución das desigualdades; a protección da saúde; e o investimento produtivo.

Área de Comunicación
Esquerda Unida Vilagarcía e O Grove

14 abril 2018

EU chama a participar nas mobilizacións a favor das pensións



O grupo municipal rexistra unha moción para pedir á corporación que apoie a campaña reivindicativa emprendida polos sindicatos Comisións Obreiras e UGT

O Grove, 12 de abril de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida quere que cidadanía e corporación se impliquen nas reivindicacións polo mantemento dun sistema público de pensións. A formación á que representan Juan Lamelas e José Antonio Otero fai un chamamento á participación na concentración convocada para o vindeiro domingo, 15 de abril, ás 12 do mediodía, na Praza do Concello. E pide aos demás partidos políticos, vía moción, que apoien a campaña iniciada polos sindicatos Comisións Obreiras e UGT.

De forma sutil pero constante repítense argumentos que presentan unha, supostamente, inevitable inviabilidade do sistema de pensións. Arguméntase un fenómeno coñecido e previsible como o aumento das persoas de idade avanzada, xunto con outros que se presentan como incuestionables pero que non necesariamente o son: a menor entrada de poboación estranxeira, a baixa natalidade ou a existencia dun mercado de traballo que ofrece empregos escasos e pouco remunerados.

Os poderes públicos deben apostar por garantir desde o sistema público pensións suficientes como ferramenta fundamental para manter e reforzar a cohesión social. Así o destaca o texto presentado polo vocero do grupo municipal de EU, Juan Lamelas. Que incide en que ”as cotizacións á seguridade social non son, como se repite para tentar deostalas, un imposto que pagan os empresarios. Senón salario das traballadoras e traballadores que se entrega ao Estado para financiar as prestacións actuais e definir os dereitos á pensión futura dos actuais cotizantes”.

“O problema non está no sistema, cuxas necesidades futuras son coñecidas e previsibles. Está, entre outras causas, na vontade de reducir o seu nivel de cobertura”, destaca a formación esquerdista. Que aposta por favorecer a cohesión social; así como por favorecer a posta en marcha de “medidas efectivas de redistribución da riqueza, que garantan pensións suficientes”.

EU entende que “a fórmula actual de revalorización, que se limita a garantir un incremento, ás claras insuficiente, do 0,25  % anual”debe ser revisada en aras de garantir o poder adquisitivo dos pensionistas. E pide o apoio da corporación para trasladar ao executivo central, aos grupos parlamentarios e aos interlocutores sociais, a necesidade de recuperar os mecanismos de goberno participado do sistema público de pensións a través do diálogo social e no marco configurado no Pacto de Toledo.

Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove