O Grove, 3 de febreiro de 2017.- A raíz das informacións publicadas na prensa no día de hoxe (venres), así
como da reunión que o goberno mantivo con traballadores da última edición da
Festa do Marisco, Esquerda Unida quere comunicar á opinión pública, ao igual
que fixo no seno do Consello Local de Turismo, o seu parecer sobre a situación creada
trala apertura dun expediente por parte da Inspección de Traballo ao Concello
do Grove, así como que se coñezan as iniciativas e advertencias que dende a
agrupación de esquerdas viñeron realizando ao longo dos anos cos distintos
gobernos municipais.
Segundo explican desde a agrupación que representan no
Concello os edís Juan Lamelas e José Antonio Otero, “desde o noso Grupo Municipal levamos anos avisando de que o
voluntariado da Festa do Marisco supón unha fraude á Seguridade Social ao ser
postos de traballo encubertos, ademais de supoñer un menoscabo aos dereitos dos
traballadores” polo que desde Esquerda Unida “propuxemos en numerosas ocasións, aos gobernos dos distintos mandatos,
a eliminación da figura do voluntario na Festa do Marisco e a súa substitución
por persoal contratado coa súa correspondente alta na Seguridade Social”.
Unha petición que sempre caeu en saco roto ata o pasado ano, cando lograron que
se reflectise nos Orzamentos Municipais 2016 tralas negociacións mantidas co
goberno, e que finalmente o equipo liderado por José A. Cacabelos incumpriu ao
alegar dificultades no proceso.
Os esquerdistas explican que “levamos esperando polo informe da selección dos voluntarios desde o 21
de outubro, data na que o solicitamos por primeira vez, e coincide que esta
mesma semana volvemos a solicitalo en Pleno e a pesares de que xa tiñan
planificada unha reunión cos traballadores non se nos dixo nada ao respecto”.
Por este motivo dende Esquerda Unida consideran que “o proceder do goberno municipal neste asunto está deixando moito que
desexar”. Así, desde a agrupación están tratando a posibilidade de pedir
responsabilidades políticas ao concelleiro de persoal así como á
concelleira de turismo e ao Alcalde. “Non
só procederon de xeito incorrecto, se non que se encargaron de publicar nos
medios de comunicación que ían cometer fraude á Seguridade Social, ao anunciar
primeiro que farían contratos por acordo político con EU, e logo anunciar que
recuaban e onde ía haber unha relación laboral habería un voluntario”.
A situación xerada causou preocupación en parte do
persoal que traballou na Festa, polo que os concelleiros de EU mantiveron estes
días xuntanzas con distintos traballadores, os cales lles trasladaron os seus
casos particulares. “O Concello, ao ser
responsable dunha mala praxe laboral, debe axudar a resolver os prexuízos que
se lle puideron causar a algunhas das persoas que accederon a participar na
Festa nunhas condicións e que agora atópanse con outras ben distintas”,
sentencian dende EU.
Orzamentos 2017
Esta situación non lle virá nada ben ás intencións do
Alcalde de negociar os orzamentos municipais para este ano. As contratacións da
Festa do Marisco foi un dos puntos que o goberno aceptou incorporar aos
orzamentos do ano pasado a proposta de Esquerda Unida, e non só non o
cumpriron, se non que parece que podería chegar a converterse nun problema de
gran envergadura para o Concello do Grove de non concretarse o acordo entre
Concello e Inspección de Traballo. A isto hai que sumarlle a defensa que fai
Cacabelos da figura do voluntariado na Festa. Segundo os esquerdistas “que o Alcalde defenda máis que nunca a
figura do voluntariado na Festa do Marisco en contra do acordado con Esquerda
Unida –e do criterio da Inspección de Traballo– non é unha boa maneira de ir a
unha negociación con nós”.
Consello Político Local
Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario