O Grove, 19 de abril de 2023.- A finais do pasado mes, a Xunta de Galicia publicou as bases dunha liña de axudas destinadas á construción, reforma, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal, así como para a adquisición de material deportivo inventariable.
A convocatoria está aberta ata o 27 de abril e dende Esquerda Unida piden ao goberno local e, concretamente, ao concelleiro de Deportes, que non deixe pasar esta oportunidade pois, entenden, “sobra onde investilos, xa que todas as instalacións deportivas municipais precisan reformas, adecuacións e melloras”, indica o voceiro esquerdista, José Antonio Otero, que empraza ao executivo a “falar cos clubs deportivos ou pasarse polas instalacións deportivas e de seguro que saca un bo listado de propostas para presentar á subvención”.
Así, dende Esquerda Unida remarcan que, logo de ter mantido xuntanzas con varios dos clubs deportivos, comprobaron que todas as instalacións teñen deficiencias, comezando polo sistema de iluminación de todas elas, pois segue sen actualizarse a LED, o que provoca un consumo enorme, ademais dos insoportable ruído que emanan moitos dos focos e as incomodidades de ter que agardar preto de media hora para ter unha boa iluminación cada vez que se acenden ou sofren un apagón. A humidade e filtración de auga é outra das deficiencias que teñen a maioría das instalacións, segundo indican os esquerdistas, e poñen como exemplo o pavillón náutico e, sobre todo, o pavillón do colexio Conmeniño, que é impracticable na maioría dos días de choiva. Tamén ven deficiencia nos marcadores electrónicos pois, agás no pavillón novo, son inexistentes ou inutilizables no resto das instalacións deportivas municipais que o precisan. Por último, consideran que, en todas as instalacións deportivas, "existen pequenas e medianas reparacións ou necesidades que os propios clubs usuarios teñen posto en coñecemento da nosa organización e sabemos que dende hai tempo tamén no do concelleiro e, aínda seguen sen ser atendidas".
Os esquerdistas entenden que todas as deficiencias e necesidades das instalacións deportivas municipais, ou a gran maioría delas, poden ter solución a través da subvención que a Xunta de Galicia ten aberta durante este mes. Por ese motivo insisten en solicitar ao concelleiro de Deportes que non desperdicie a oportunidade e presente un proxecto para facerse con algún financiamento autonómico.