Os esquerdistas
entenden que o Alcalde tivo tempo suficiente para negociar e habilitar
estacionamentos antes do comezo das obras. Tamén denuncian o que consideran un
novo incumprimento dos acordos cos edís esquerdistas.
O Grove, 25 de
agosto de 2017.-
Juan Lamelas e José Antonio Otero, edís de Esquerda Unida, mostran o seu
malestar coas formas utilizadas polo Alcalde con respecto ás obras de
peonalización que en breve comezarán no tramo da rúa Castelao popularmente
coñecido como Catorse, e que implicará o peche ao tráfico da rúa máis
emblemática da vila. Os esquerdistas denuncian que xa dende o mes de marzo,
cando trataban en xuntanzas o tema do auditorio, Cacabelos tenlles trasladado “que
se atopaba en negociacións cunha familia e co párroco local para tratar de
alugar ou mesmo mercar uns terreos Entre
Hortas co propósito de habilitalos para estacionamentos alternativos ao
peche da Catorse”. Por ese motivo os edís non entenden “como é que van a
comezar as obras e o Alcalde aínda non ten nada avanzado”. Recordan ademais,
que xa en maio de 2016 rexistraron unha solicitude para manter unha xuntanza de
voceiros para coñecer os proxectos de peonalizacións, a alternativa coa que
contaba o goberno para os aparcadoiros e a nova circulación que se propoñía
trala obra. Xuntanza esta que nunca se levou a cabo, segundo indican dende o
Grupo Municipal de Esquerda Unida.
Así
mesmo, Lamelas e Otero denuncian que o Alcalde volve a faltar a un compromiso
co seu Grupo Municipal, “pois teñen un acordo dende o ano pasado polo cal os
cartos destinados á obra da Catorse que non se utilizasen en caso de recibir
subvención se destinarían a complementar as obras acordadas, e executadas, de
Meloxo e A Graña”. Unha cuestión que, segundo indican, foi confirmada polo
Alcalde e a concelleira de Obras nunha xuntanza hai un mes, pero que agora
“polo que lemos na prensa, parece que eses cartos se van utilizar unicamente
para alugar ou mercar eses terreos destinados a aparcadoiros, pero a nós non
nos dixeron nada”.
En
definitiva, os edís de Esquerda Unida volven afirmar que o Alcalde e o seu
grupo de goberno “non teñen un plan de traballo para mellorar o futuro do Grove,
senón que actúan segundo as circunstancias do día a día sen dar solución aos
problemas reais”. Consideran que esta circunstancia “é cotiá e provoca que ao
igual que sucedeu co Auditorio, nesta obra volvan poñer o carro antes dos bois e se vexan na obriga de incumprir acordos cos
demais grupos municipais e cos propios veciños”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario