Pide que o goberno explique de onde xurde e como se calculará ese suposto cobro que o Concello quere aplicar aos que queden en situación de disconformidade co planeamento
Denuncia o deseño á carta das ordenanzas, que o goberno está adaptando ás peticións de arquitectos, aparelladores e, o máis preocupante, construtores
Insta á veciñanza a introducir por Rexistro queixas e suxestións, pois trátase da única canle na que poden deixar constancia formal das mesmas
O Grove, 1 de decembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida volve denunciar a tramitación chapuceira, dubidosa e sometida a constantes cambios que o goberno local está a realizar en relación co PXOM. A formación considera preocupante que, cando apenas pasou un mes desde que o Concello fixo pública a súa proposta planimétrica, xa hai constancia de numerosos erros relacionados coa aliñación de viais, camiños e rúas. Especial preocupación suscita a taxa anunciada polo alcalde para as edificacións que queden en situación de disconformidade co planeamento. Toda unha sopresa da que nada se tiña dito ata este momento, e sobre a que EU esixe información clara e detallada.
A pesar de que no último pleno foron numerosas as dúbidas e preguntas relacionadas co PXOM que Esquerda Unida puxo sobre a mesa, a sesión rematou sen que o alcalde aportase respostas claras ás mesmas. Unha actitude esquiva que EU contempla con preocupación e que, entende, dá mostra da inaceptable falta de concreción da que aínda adoece o Plan Xeral de Ordenación Municipal proposto polo goberno local.
Esquerda Unida denuncia os constantes cambios de datas, retrasos e rectificacións, e lembra que a oposición leva meses agardando unha suposta xuntanza para falar das ordenanzas de acompañamento que unha e outra vez o alcalde adía e volve adiar. A formación amosa a súa precupación ante o feito de que esas ordenanzas estean a ser adaptadas ás recomendacións e suxestións de arquitectos, aparelladores e construtores, de xeito totalmente opaco e de costas á cidadanía e aos grupos da corporación.
“Non hai datas, non hai información clara de como se tramitan as dúbidas, as queixas, ou as alegacións da veciñanza”, lamenta o responsable local de EU, que considera que o e-mail ou as xuntanzas individuais no despacho do alcalde en absoluto son a canle adecuada para iso. José Antonio Otero lembra ademais a precaria situación da oficina municipal de urbanismo, e insta á veciñanza a introducir por Rexistro calquera aportación en relación co PXOM; pois trátase da única canle a través da que poden deixar constancia oficial, dada a chapuceira e improvisada tramitación que está a levar adiante o goberno local.
Esquerda Unida lembra que, a pesar da súa obriga legal de facelo e do compromiso explícito do alcalde ao respecto, a día de hoxe as alegacións continúan sen contestar. Algo que incide aínda máis na sensación de desinformación, improvisación e na absoluta falta de garantías en relación a este planeamento urbanístico.
A formación ten constancia de que xa se teñen evidenciado diversos erros en relación á nova proposta planimétrica, sobre a que ao parecer están a realizarse novas modificacións, por exemplo relacionadas co novo vial que está previsto abrir entre As Bouzas e Castelao. Cambios en relación aos cales EU reclama información; ao igual que no que se refire ás propostas de aparelladores, arquitectos e construtores a unhas ordenanzas que o goberno local está a deseñar de xeito opaco e de costas á oposición.