domingo, 5 de febreiro de 2017

EU solicita que o concello asesore e axude aos veciños afectados pola clausula solo

O pasado venres, o voceiro do Grupo Municipal de Esquerda Unida, Juan Lamelas, rexistrou unha iniciativa dirixida a Xunta de Goberno Local na que se solicita que o Concello estableza un dispositivo extraordinario de asesoramento á cidadanía para informar aos veciños se as súas hipotecas conteñen cláusulas solo e, si procede, asesoralos nos pasos a seguir para recuperar o diñeiro inxustamente pagado á entidade de aforro co que subscribiron as hipotecas das súas vivendas. Así mesmo, os esquerdistas queren implicar á Deputación Provincial para que colabore cos servizos municipais.

Escrito dirixido á Xunta de Goberno Local do Concello do Grove

O solo hipotecario é unha cláusula que establece un interese mínimo a pagar na nosa hipoteca aínda que o índice ao que estea referenciado o préstamo hipotecario (normalmente Euribor a 12 meses) cotice en valores inferiores ao devandito límite. É, noutras palabras, o interese máis baixo que pagaremos nunca pola nosa hipoteca. A cláusula solo a atoparemos entre as condicións do contrato da hipoteca, aínda que posiblemente non aparecerá baixo este nome.

A cláusula solo impide aos clientes que a cota da súa hipoteca se reduza cando descende o índice de referencia do seu préstamo hipotecario, xa que aplica un interese mínimo a pagar sempre que o Euribor estea por baixo do valor que marque a cláusula. O solo hipotecario non afecta ás hipotecas fixas, xa que o interese neste tipo de préstamos hipotecarios non está referenciado a ningún índice, polo que non varía e as cotas sempre son as mesmas.

É un abuso máis da banca cara aos usuarios, que a nosa organización veu manifestando, e onde nos felicitamos da última decisión do Tribunal Europeo neste sentido, concedendo a retroactividade total nas cláusulas solo.

Desta forma, contradí ao Alto Tribunal español e ao ditame de xullo, que só concedía a devolución retroactiva do cobrado en exceso até a devandita data, e asume as teses defendidas pola Comisión Europea. Neste sentido, estimou que limitar a retroactividade da devolución do cobrado en exceso a maio de 2013, data da primeira sentenza do Tribunal Supremo sobre este asunto, oponse ao dereito comunitario, o que na práctica equivale a recoñecer a retroactividade total desde a firma do préstamo.

Segundo a sentenza, "A declaración xudicial do carácter abusivo dunha cláusula debe ter como consecuencia o restablecemento da situación na que se atoparía o consumidor de non existir dita cláusula. Por conseguinte, a declaración do carácter abusivo das cláusulas solo debe permitir a restitución das vantaxes obtidas indebidamente polo profesional en detrimento do consumidor".

Unha noticia moi esperada polo conxunto de consumidores, onde segundo as asociacións que traballan na defensa dos seus dereitos, coinciden en aconsellar aos usuarios que para recuperar o seu diñeiro, antes de dar o paso de acudir aos tribunais hai que dirixirse ao banco e reclamar as cantidades.

Pero é moi posible que a entidade se negue ou que ofreza  asinar un acordo trampa polo que só devolvería unha parte. Podéndose caer nun erro xeral do "máis vale paxaro en man que cento voando", entrando por tanto noutro abuso por parte de quen teñen máis medios para a negociación.

Por iso, enténdese como moi importante para garantir os dereitos dos consumidores que estes estean desde o primeiro minuto ben asesorados.

Entendemos que os Concellos como administracións máis próximas aos cidadáns non poden mostrarse  neutrais ante este abuso e deben poñerse á beira dos consumidores neste sentido para salvagardar os seus dereitos ante esta sentenza do Tribunal Europeo.

Por todo o exposto,

SOLICITA

1.           Que o Concello estableza un dispositivo extraordinario de asesoramento á cidadanía para informar aos posibles afectados se a súa hipoteca contén cláusulas solo e, se procede, os pasos a seguir para recuperar o diñeiro inxustamente pagado á entidade de aforro coa que subscribiu a hipoteca da súa vivenda.

2.           Que se  inste á Deputación Provincial para que asesore e colabore cos servizos municipais que se cren na provincia.



Prensa:

Lamelas exige asesoramiento municipal sobre cláusulas suelo [ver noticia web]

Ningún comentario:

Publicar un comentario