martes, 28 de maio de 2024

EU solicita campañas de concienciación e sancións para os propietarios de cans que non recollan os excrementos

 

Consideran que o comportamento irresponsable e incívico dunha minoría non pode prexudicar ao resto da veciñanza, polo que piden que se apliquen sancións aos propietarios de cans que non cumpran coas súas obrigas.

Instan tamén a habilitar sanecans nas zonas máis frecuentadas polos donos dos cans, co propósito de contribuír ao cumprimento das normas e manter as rúas limpas.

O Grove, 28 de maio de 2024.- O grupo municipal de Esquerda Unida demanda ao goberno municipal a posta en marcha de campañas de concienciación dirixida aos propietarios de cans para fomentar a recollida dos excrementos das súas mascotas, así como a imposición de sancións para aqueles que non cumpran con esta obriga. Nos últimos tempos, a situación nas beirarrúas de diversas zonas do municipio estase volvendo insostible, con numerosos excrementos que dificultan o paso dos veciños e visitantes.

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, considera que “si ben  a maioría dos veciños e veciñas están a cumprir rigorosamente coa recollida dos excrementos dos seus cans, hai cada vez máis persoas que non atenden ás súas obrigas, provocando que algunhas rúas e xardíns se convertan en auténticos campos de minas”.

Deste modo, Otero cree que “é fundamental que o Concello tome medidas urxentes para resolver este problema, xa que non só afecta á imaxe da nosa vila, senón que tamén supón un problema de saúde pública e convivencia cidadá". “Non é de recibo que o comportamento irresponsable e incívico dunha minoría prexudique a toda a veciñanza, polo que pedimos que se comece a impoñer multas a aqueles propietarios que non cumpran co deber de recoller os excrementos das súas mascotas”, asevera o voceiro de Esquerda Unida.

Ademais das campañas de concienciación e as conseguintes sancións, Esquerda Unida insta ao Concello a habilitar sanecans nas zonas máis frecuentadas polos donos de cans. Estes espazos específicos para as necesidades dos animais contribuirán a manter as rúas limpas e mellorar a calidade de vida de todos os habitantes do Grove.

Para Otero, a instalación de sanecans en puntos estratéxicos “é unha medida necesaria que xa se adoptou con éxito noutros municipios. Con estas infraestruturas, facilitamos que os donos de cans poidan cumprir coas súas obrigas de forma cómoda e rápida".

Esquerda Unida agarda que o goberno local atenda estas solicitudes e tome as medidas necesarias para garantir un concello máis limpo e saudable para toda a veciñanza.

martes, 7 de maio de 2024

Esquerda Unida critica o elevado Remanente de Tesouraría e proporá a súa utilización en diferentes melloras

Denuncian a nefasta xestión económica do goberno local ao revelar un remanente de 6 millóns, que supón a metade do orzamento municipal. Critican ese excedente namentres as infraestruturas e as necesidades do concello seguen sen atenderse.

Subliñan a necesidade de reorientar estes fondos para cubrir carencias. Comprométense a traballar para que ese diñeiro se invista en proxectos que impacten directamente na calidade de vida da veciñanza.

O Grove, 7 de maio de 2024.- Logo de coñecer o informe de liquidación do exercicio 2023, que arroxa un Remanente de Tesourería de preto de 6.000.000 € nun contexto onde o orzamento municipal é duns 12 millóns €, Esquerda Unida critica duramente a xestión económica do goberno do PSOE e considera lamentable que nun Concello “onde hai carencias evidentes en servizos básicos e necesidades sociais, nos atopemos con tal excedente financeiro”, denuncia o seu voceiro José Antonio Otero, que considera inadmisible que, “mentres as infraestruturas do noso concello e as necesidades dos veciños seguen sen atenderse, o goberno municipal acumule un remanente de tesourería que representa o 50% do orzamento”. 

Para Otero, esta situación pon de manifesto “unha clara falta de planificación de Cacabelos e o seu equipo, que no pasado exercicio deixou sen executar obras, non cubriu prazas ou non soubo investir os ingresos extra” e insta ao executivo local a reconsiderar as súas prioridades e realizar unha xestión eficaz dos recursos públicos. 

Ante esta situación, Esquerda Unida presentará unha serie de propostas para que estes fondos se invistan en melloras de infraestruturas e diferentes actuacións que beneficien directamente á cidadanía. “Non podemos permitir que eses cartos se perdan por falta de planificación e xestión. É hora de poñer en marcha proxectos que realmente cambien a vida das persoas”, engadiu Otero.

Así, o grupo municipal comprométese a traballar arreo para que a totalidade ou a maior parte dese remanente se destine a proxectos vitais como ao arranxo e renovación de edificios e espazos públicos, a mellora da mobilidade urbana e o impulso de iniciativas sociais que fomenten a inclusión e o benestar social.

Con estas medidas, Esquerda Unida busca non só criticar a xestión actual, senón ofrecer alternativas viables e responsables que melloren a calidade de vida da veciñanza do Grove. “Faremos propostas coherentes e construtivas para garantir que este diñeiro se invista de maneira eficaz e axeitada nas áreas onde máis se necesiten”, asevera Otero.

Do mesmo modo, aseguran que estarán vixiantes e seguirán fiscalizando a xestión municipal “para que non se volva producir unha situación na que se acade un remanente excesivo por unha nefasta xestión dos recursos que, en definitiva, repercute nunha peor calidade dos espazos públicos e dos servizos á veciñanza”