sábado, 25 de novembro de 2017

Esquerda Unida solicita que a Escola Infantil do Monte da Vila sexa a nova Casa da Xuventude

Edificio da EEI Monte da Vila (Foto: Todogrove.es)
O Grupo Municipal de EU someterá a debate, no pleno de novembro, unha moción na que solicitan que o inmoble que ata este ano albergaba a Escola Infantil no Monte da Vila sexa usado como Casa da Xuventude.  Un espazo que acolla as actividades e servizos adecuados ás necesidades da mocidade do Grove. A proposta, que leva emparellada a creación dun Plan Integral da Mocidade, tratarase no punto de mocións de urxencia ao non estar incluída na orde do día do pleno. 


Moción íntegra 


CREACIÓN DUNHA CASA DA XUVENTUDE E UN PLAN INTEGRAL DA MOCIDADE NO CONCELLO DO GROVE

venres, 24 de novembro de 2017

25N - Fronte á violencia patriarcal: igualdade radical


25 de Novembro de 2017
Día Internacional contra a Violencia Machista 
  
Fronte á violencia patriarcal: igualdade radical  

A violencia machista é unha vulneración dos dereitos humanos das mulleres, que afecta á sociedade en todas as súas estruturas. O número de vítimas asasinadas en Galicia va construíndo un relato vergoñento: dende 2010 as cifras de feminicidio elévanse a 54. Mentres contamos mulleres asasinadas, comprobamos con asombro que algunhas institucións lanzan campañas que, lonxe de pular pola igualdade, reflicten e repiten conductas patriarcais nas que se impón a desigualdade. 

Ano tras ano lembramos que os datos falan por si mesmos e sitúan as declaracións institucionais e as leis aprobadas en constatacións do desinterese continuo por parte da administración en dotar de medios estes acordos para facer efectivo o seu cumprimento. 

A violencia machista perpetrada nos asasinatos de mulleres é a expresión violenta máis visible, pero existen múltiples violencias non tan evidentes que de seguro responden a unha insoportable cultura patriarcal. A educación en igualdade é un dos piares imprescindibles para traballar cara a erradicación desta lacra

Non podemos consentir que existan escravas traficadas para consumo sexual dos homes. A prostitución é unha forma lexitimadora da violencia machista onde se aluga o uso do corpo de mulleres e nenas, lexitimando con iso á consideración da muller como un ser inferior susceptible de ser usado e comprado. As agresións sexuais non só aumentan senón que, nalgúns casos, pasaron de ser actos criminais individuais a formas grupais cada vez máis presentes nas nosas festas e noutros acontecementos masivos. Exemplo disto é o que está a acontecer estes días co xuízo das presuntas violacións dos “sanfermins”, e a exposición mediática na que á vítima se presenta como responsable da agresión na que se cuestioana a súa conduta só por ser muller.

A notoria expansión que está adquirindo a demanda de aluguer dos ventres de mulleres, non só ten un significado ostentoso de diferenza de clase e xenófobo, senón tamén de que o patriarcado, cada vez con menos escrúpulos, pretende comerciar legalmente cos nosos corpos, valéndose da necesidade e amparándose na desigualdade.

Tentar lexislar a custodia compartida imposta sen acordo das partes e obviando a situación de vulnerabilidade e violencia á que poden estar sometidas as mulleres e os menores é unha irresponsabilidade.

A fenda salarial existente entre mulleres e homes en traballos de igual valor é a fórmula que o Estado opresor ten para manifestar que seguimos sendo cidadás de segunda clase, condicionando a nosa autonomía económica para manternos subordinadas. 

Precisamos políticas transversais, contundencia e decisión política para aumentar os recursos económicos e humanos destinados ao desenvolvemento de políticas de igualdade activas, integrais e participativas.


xoves, 16 de novembro de 2017

Esquerda Unida insta ao goberno a usar os 1,5 millóns restantes do crédito do Auditorio para amortizar débeda

Os esquerdistas critican que se asinase o crédito de 4.500.000 €, un día antes de que se coñecese a cantidade concedida pola subvención da Deputación. Piden que Cacabelos demostre “honradez” e amortice débeda en lugar de usar os 1,5M de forma electoralista co PGD como el mesmo afirmou en pleno. 

O Grove, 16 de novembro de 2017.- Logo de coñecer que o pasado luns o goberno municipal asinara o crédito de 4.500.000 € destinados á construción do Auditorio no Monte da Vila e a apertura dunha rúa por detrás da Casa da Cultura, e que tan só un día despois a Deputación de Pontevedra anunciara que o Concello do Grove contaría coa subvención máxima (1.500.000 €) do Plan de Reequilibro Territorial destinado á mesma fin, Esquerda Unida critica que Cacabelos “non agardase a coñecer a contía da subvención para solicitar un crédito menor e non provocar un endebedamento moi próximo ao 75%”.

Para Esquerda Unida, “isto é un claro exemplo de que Cacabelos quere utilizar uns cartos que foron solicitados para o auditorio para outras finalidades distintas de xeito electoralista e pouco ético”. Os esquerdistas remítense ao pleno da aprobación da solicitude de subvención, no que pediron ao goberno que a cantidade do crédito para o Auditorio que fora concedida se destinase a amortizar a débeda do citado crédito. Unha cuestión “á que se negou de maneira rotunda Cacabelos, anunciando que usaría eses cartos para facer obras en diferentes rúas co consentimento exclusivo do PGD”, indican dende a agrupación de esquerdas.

Así, Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal está endebedando o futuro do Concello do Grove, “de forma premeditada e cunha fin electoralista, xa que con este crédito o endebedamento sitúase no 73% dun máximo do 75%”. Entenden que Cacabelos “era coñecedor desta liña de subvencións e a pesar diso forzou aos partidos da oposición para aprobar un crédito moi superior ao preciso e así contar cuns cartos para un uso non lícito” e afirman que “estivo enganando aos partidos da oposición, ás asociación culturais e aos veciños en xeral para obter un financiamento que de outro xeito veríase obrigado a xustificar e negociar por separado”. Deste xeito, o alcalde disporá de 1,5 millóns, máis 400.000 € do Plan Concellos que se ían destinar ao auditorio pero son incompatibles con esta subvención.

Por ese motivo, os esquerdistas instan a Cacabelos a que demostre a súa “honradez” e destine o 1,5 m sobrantes dos crédito a amortizar débeda. 

Coordinadora Local de Esquerda Unida
O Grove

martes, 14 de novembro de 2017

Esquerda Unida denuncia que a falta de patrulla nocturna facilite actos vandálicos na carpa auditorio




Na carpa pódense ver butacas rotas, lonas esnaquizadas e restos de comida polo chan. Os esquerdistas, que denuncian os actos vandálicos, solicitan vixilancia e volven esixir que se poña en funcionamento o servizo nocturno da Policía Local.



O Grove, 14 de novembro de 2017. A agrupación local de Esquerda Unida ven de denunciar publicamente a permisividade que o concello ofrece aos vándalos para usar e esnaquizar o mobiliario público. Aos actos vandálicos sucedidos nos últimos meses en diferentes rúas locais agora súmanselle os estragos ocasionados na carpa auditorio instalada na praza do Corgo e que pon de manifesto que o Grove precisa dun servizo nocturno de Policía Local, situación que levan reclamando os esquerdistas dende o comezo do mandato. [ver outras novas relacionadas]



Butacas rotas, a lona do escenario esnaquizado, restos de comida e bebida... son unha mostra do estado no que se atopa a carpa auditorio. Os esquerdistas, que aportan fotos, denuncian calquera tipo de acto vandálico contra o patrimonio público, pero advirten que o goberno municipal ten responsabilidade no sucedido, “pois a carpa é accesible ao non quedar totalmente pechada, ninguén controla o acceso e a falta de Policía Local pola noite permite que calquera poida facer un botellón, unha festa, ou simplemente abrigarse do frío dentro da carpa e con elo, que os que decidan ocasionar estragos o poidan facer con total impunidade, tal e como sucedeu estes días”.



Por ese motivo, Esquerda Unida solicita que o goberno faga a súa labor e vixíe o acceso a “unha carpa que lle está ocasionando un gasto ao concello e aos veciños do Grove” e esixen que “dunha vez por todas poña a funcionar o servizo nocturno da Policía Local para evitar que actos como os sucedidos se volvan a repetir”.

Coordinadora Local de Esquerda Unida

O Grove


luns, 6 de novembro de 2017

Esquerda Unida nomea a José Antonio Otero novo coordinador local no Grove

Na asemblea celebrada o sábado no Grove, a agrupación esquerdista renovou os seus órganos de dirección local. José A. Otero, que releva a Juan Lamelas como coordinador, asegurou que asume o cargo “con gran ilusión e ganas de poñerse a traballar”.
O Grove, 6 de novembro de 2017.- Dando cumprimento aos estatutos emanados da XII Asemblea Nacional de Esquerda Unida, celebrada no mes de xuño, a agrupación local do Grove celebrou o pasado sábado a súa asemblea na que se renovaron os seus órganos de dirección internos e se elixiu o novo coordinador local.
A asemblea contou coa participación dun 70% da militancia, que tras un rico debate aprobou por unanimidade o informe de xestión presentado por Juan Lamelas, coordinador saínte e voceiro do grupo municipal. Por unanimidade foi tamén elixida a nova coordinadora local –máximo órgano de dirección– que decidiu nomear a José Antonio Otero, actual concelleiro da corporación municipal xunto a Lamelas, como novo coordinador da agrupación esquerdista do Grove.
Arroupado pola militancia, Otero asegurou que asume o cargo “con gran ilusión e ganas de poñerse a traballar”. Na nova coordinadora local continuarán tanto Lamelas como outros militantes que xa viñan formando parte da dirección e “incorpóranse novos compañeiros e compañeiras que veñen a enriquecer o traballo que levará adiante a agrupación”.
O desenvolvemento da asemblea e a aprobación por unanimidade dos documentos e propostas presentadas vén a sinalar a gran cohesión interna existente na formación grovense e a confianza da militancia na liña de traballo que vén desenvolvendo tanto a agrupación como o seu grupo municipal.
Tras as votación e a intervención de José Antonio Otero como novo coordinador local, a mesa presidencial abriu quenda de intervencións onde os asistentes puxeron xa tarefas á nova dirección, sobre todo no referente á mellora da comunicación e a ampliar o coñecemento de veciñas e veciños do Grove das propostas e posturas de Esquerda Unida nos distintos asuntos da vida municipal.
Membros da nova coordinadora:
1.   José Antonio Otero González
2.   Juan Lamelas Alfonso
3.   José Antonio Gondar Triñanes
4.   Ana Viso Vázquez
5.   José Antonio Taboada Magdalena
6.   Ana Cristina Domínguez Domínguez
7.   David Gondar Prieto
8.   Sonia Gondar Gondar




Coordinadora local de Esquerda Unida

O Grove

mércores, 1 de novembro de 2017

O Pleno aproba a moción de EU por unha política agroforestal en defensa do interese público

O Pleno do mes de outubro aprobou por maioría –unicamente o PP se abstivo– a moción presentada polo Grupo Municipal de Esquerda Unida solicitando unha política agroforestal en defensa do interese público.

Moción completa:

POR UNHA POLÍTICA AGROFORESTAL EN DEFENSA DO INTERESE PÚBLICO