sábado, 23 de xaneiro de 2021

EU pide a Xunta que ás traballadoras de axuda a domicilio se inclúan no grupo prioritario de vacinación

<a href='https://www.freepik.es/fotos/mujer'>Foto de Mujer creado por freepik - www.freepik.es</a>

O grupo municipal de Esquerda Unida presentará no pleno do vindeiro luns unha moción, pola vía de urxencia, na que se insta a Xunta de Galicia a incluír ás traballadoras do servizo de axuda a domicilio como grupo prioritario no plan de vacinación fronte á Covid-19.

O Plan Galego de Vacinación iniciouse a principios do 2021 coa vacinación de persoas residentes e traballadoras dos centros de maiores, continuando polo grupo de persoal sanitario considerado de primeira liña.

Esquerda Unida entende que as traballadoras de axuda a domicilio teñen que ser incluídas de xeito prioritario e inmediato no plan de vacinación. Estas traballadoras, que na súa maioría o fan de xeito precario, visitan un elevado número de domicilios diariamente, expóndose a ser infectadas ou a ser vector da enfermidade, motivos suficientes para incluílas no grupo prioritario.

Por ese motivo, Esquerda Unida pedirá no pleno o apoio unánime para pedir a Xunta de Galicia que as traballadoras de axuda a domicilio sexan vacinadas o máis axiña posible.

Moción completa:

PARA INCLUIR COMO GRUPO PRIORITARIO ÁS TRABALLADORAS DE AXUDA A DOMICILIO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Plan Galego de Vacinación fronte ao Sars-COV2 iniciouse a principios de 2021 coa vacinación das persoas residentes e traballadoras dos centros de maiores, continuando, tras a segunda recepción de vacinas, polo grupo de persoal sanitario considerado de primeira liña. Esquerda Unida entende que a Xunta de Galicia debera incluír de xeito prioritario ás traballadoras de axuda a domicilio no plan de vacinación coma obxectivos inmediatos das seguintes vacinas.

A situación de envellecemento e dependencia está a facer que cada vez máis galegas e galegos precisen axuda para realizaren actividades básicas nos domicilios. Este papel está a ser cuberto en moitos casos por traballadoras subcontratadas polos concellos que visitan diversos domicilios de persoas vulnerables ao día.

É precisamente a precariedade coa que traballan e a cantidade elevada de domicilios que fan diariamente o principal motivo polo que deberan ser unha prioridade na vacinación, tal e como xa se fixo en outras Comunidades como Aragón.

A exposición destas persoas ten un alto risco de infección ao mesmo tempo que de ser un vector da enfermidade, con visitas diarias e domicilios, principalmente de persoas maiores susceptibles de contaxiarse facilmente de Covid-19, motivos suficientes para incluílas como grupo prioritario.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

O Pleno do Concello do Grove insta á Xunta de Galicia a:

-      Que inclúa como grupo prioritario no plan de vacinación, das seguintes vacinas, ás traballadoras de axuda a domicilio.

venres, 22 de xaneiro de 2021

EU insta a Augas de Galicia a realizar o cambio da tubaxe que subministra a auga a O Grove

Unha das roturas da tubaxe na Lanzada. Captura vídeo Todogrove

O grupo municipal de Esquerda Unida someterá ao pleno, deste vindeiro luns 25 de xaneiro, unha moción na que insta a Augas de Galicia e á Xunta de Galicia a redactar e presentar, o máis axiña posible, o proxecto de substitución da rede de abastecemento que subministra a auga potable ao Concello do Grove así como a que a administración autonómica comece a devandita obra neste 2021, asumindo o custo total da mesma.

A actual rede de abastecemento, que foi instalada a finais dos anos 80 ,atópase xa no fin da súa vida útil, si ben a maior gravidade xurde no tramo que chega ao Concello do Grove dende Vilalonga, pois a tubaxe atopase somerxida no mar e o deterioro que sufre e aínda maior debido a corrosión das augas mariñas. Isto provocou numerosas avarías nos últimos anos, a maioría no tramo da Lanzada, o que provoca que a súa reparación sexa toda unha odisea, pois hai que agardar a que baixe a marea para poder darlle solución, o que supón que a veciñanza do Grove poida ver restrinxido o subministro de auga.

Esta obra é unha prioridade para o Concello do Grove e a Mancomunidade do Salnés, e xa no 2016 o daquela presidente do ente supramunicipal ten acadado o compromiso con Augas de Galicia para a substitución da tubaxe. Pero a pesar dese compromiso e do anunciado no 2018, no que prometían o proxecto e orzamento para comezar a obra no 2019, a día de hoxe a obra segue sen proxecto e sen vistas de que se execute a curto prazo.

Por ese motivo, dende Esquerda Unida agardan que o Pleno aprobe por unanimidade a solicitude a Augas de Galicia e á Xunta de Galicia para que o cambio da tubaxe sexa unha realidade neste ano.

Moción íntegra:

PARA INSTAR A AUGAS DE GALICIA A AFRONTAR A SUBSTITUCIÓN DA TUBAXE QUE SUBMINISTRA A AUGA POTABLE A O GROVE

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Grove, ao igual que a maior parte da comarca do Salnés, recibe o subministro de auga potable dos depósitos situados en Treviscoso  (Vilanova de Arousa). As tubaxes foron instaladas a finais dos 80, co que o período de vida útil das mesmas está a piques de caducar se non o fixo xa. O problema máis grave xurde no tramo que chega a O Grove dende Vilalonga, pois ven somerxido no mar, co que a vida útil deste tramo viuse reducido de forma considerable debido a corrosión das augas mariñas.

As rupturas que ten sufrido a tubaxe neste tramo son numerosas nos últimos 5-6 anos, sobre todo no seu paso pola Lanzada. Tan só no 2020 contabilizáronse ao menos 5 avarías no noso límite municipal, algunha das cales se produciron en época estival. Traballar na súa reparación é toda unha odisea, pois é preciso agardar á baixamar para realizar as tarefas precisas, o que pode provocar que O Grove permaneza varias horas con restricións de auga ou mesmamente sen a totalidade do subministro, dependendo da época do ano.

Cando menos dende o 2016, o cambio da tubaxe que transcorre por debaixo do mar por unha nova canalización por terra é unha prioridade para O Grove e a Mancomunidade do Salnés. Son numerosas as publicacións onde o daquela presidente do ente supramunicipal, Gonzalo Durán, consideraba esencial esta obra e solicitaba a Augas de Galicia a súa prioritaria execución.

Tal e como consta nas publicacións de varios medios de comunicación, en marzo do 2016, unha reunión entre Augas de Galicia e a Mancomunidade do Salnés finalizaba co compromiso do ente dependente da Xunta de Galicia para mellorar a conexión de auga co Grove. A obra estimábase naquel entón en preto dos 1,8 millóns de euros. Dous anos despois, en abril de 2018, Augas de Galicia, que non cumprira co anunciado no 2016, volvía adquirir un compromiso co noso concello, esta vez para a redacción do proxecto da obra co propósito de concretar o orzamento real da execución do cambio da tubaxe. Poucos meses despois, Augas de Galicia dirixíase novamente á Mancomunidade do Salnés para indicarlle que o proxecto estaría rematado a finais de ano e que as obras darían comezo no 2019, para iso, os Orzamentos da Xunta de Galicia para ese 2019 incluirían unha partida orzamentaria para a instalación da nova tubaxe. Finalmente non houbo proxecto e os Orzamentos 2019 non incluíron nin un só euro para tal obra.

Van aló preto de 6 anos dende ese primeiro compromiso de Augas de Galicia coa Mancomunidade do Salnés para a substitución da tubaxe que subministra a auga potable as veciñas e veciños do Grove e case 3 anos do compromiso para redactar o proxecto e incluír nos orzamentos da Xunta a partida precisa para esta obra. A día de hoxe non está redactado o proxecto e ningún dos orzamentos pasados (2019 e 2020) nin o actual (2021) contemplaron nin contemplan partida algunha para afrontar unha obra esencial e primordial para a comarca, pero sobre todo para O Grove.

Dende Esquerda Unida arrincamos o compromiso da actual presidenta da Mancomunidade do Salnés para que a obra da nova canalización de auga potable para O Grove sexa unha prioridade absoluta para o organismo supramunicipal, ao igual que o foi para o anterior presidente na súa etapa. E queremos que tamén sexa unha prioridade para Augas de Galicia e a Xunta de Galicia, pero sobre todo queremos que sexa unha realidade e para iso é preciso que dunha vez por todas redacten o proxecto de execución e destinen o orzamento preciso para asumir a obra, que nos consideramos ten que ser do 100%, xa que é competencia desta administración.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

O Pleno do Concello do Grove insta a Augas de Galicia e a Xunta de Galicia a:

1-   Redactar e presentar o máis axiña posible o proxecto de substitución da rede de abastecemento que subministra a auga potable ao concello do Grove, derivando por terra a canalización que se atopa nestes momentos soterrada baixo o mar.

2-   Comezar neste 2021 a devandita obra e a asumir o 100% do custo da mesma.