Na carpa pódense ver butacas
rotas, lonas esnaquizadas e restos de comida polo chan. Os esquerdistas, que
denuncian os actos vandálicos, solicitan vixilancia e volven esixir que se poña
en funcionamento o servizo nocturno da Policía Local.
O Grove, 14 de
novembro de 2017. A agrupación local de Esquerda Unida ven de denunciar
publicamente a permisividade que o concello ofrece aos vándalos para usar e
esnaquizar o mobiliario público. Aos actos vandálicos sucedidos nos últimos
meses en diferentes rúas locais agora súmanselle os estragos ocasionados na
carpa auditorio instalada na praza do Corgo e que pon de manifesto que o Grove
precisa dun servizo nocturno de Policía Local, situación que levan reclamando
os esquerdistas dende o comezo do mandato. [ver outras novas relacionadas]
Butacas rotas, a lona do escenario esnaquizado, restos de
comida e bebida... son unha mostra do estado no que se atopa a carpa auditorio.
Os esquerdistas, que aportan fotos, denuncian calquera tipo de acto vandálico
contra o patrimonio público, pero advirten que o goberno municipal ten responsabilidade
no sucedido, “pois a carpa é accesible ao non quedar totalmente pechada, ninguén
controla o acceso e a falta de Policía Local pola noite permite que calquera
poida facer un botellón, unha festa, ou simplemente abrigarse do frío dentro da
carpa e con elo, que os que decidan ocasionar estragos o poidan facer con total
impunidade, tal e como sucedeu estes días”.
Por ese motivo, Esquerda Unida solicita que o goberno faga a
súa labor e vixíe o acceso a “unha carpa que lle está ocasionando un gasto ao
concello e aos veciños do Grove” e esixen que “dunha vez por todas poña a
funcionar o servizo nocturno da Policía Local para evitar que actos como os
sucedidos se volvan a repetir”.
Coordinadora
Local de Esquerda Unida
O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario