luns, 6 de novembro de 2017

Esquerda Unida nomea a José Antonio Otero novo coordinador local no Grove

Na asemblea celebrada o sábado no Grove, a agrupación esquerdista renovou os seus órganos de dirección local. José A. Otero, que releva a Juan Lamelas como coordinador, asegurou que asume o cargo “con gran ilusión e ganas de poñerse a traballar”.
O Grove, 6 de novembro de 2017.- Dando cumprimento aos estatutos emanados da XII Asemblea Nacional de Esquerda Unida, celebrada no mes de xuño, a agrupación local do Grove celebrou o pasado sábado a súa asemblea na que se renovaron os seus órganos de dirección internos e se elixiu o novo coordinador local.
A asemblea contou coa participación dun 70% da militancia, que tras un rico debate aprobou por unanimidade o informe de xestión presentado por Juan Lamelas, coordinador saínte e voceiro do grupo municipal. Por unanimidade foi tamén elixida a nova coordinadora local –máximo órgano de dirección– que decidiu nomear a José Antonio Otero, actual concelleiro da corporación municipal xunto a Lamelas, como novo coordinador da agrupación esquerdista do Grove.
Arroupado pola militancia, Otero asegurou que asume o cargo “con gran ilusión e ganas de poñerse a traballar”. Na nova coordinadora local continuarán tanto Lamelas como outros militantes que xa viñan formando parte da dirección e “incorpóranse novos compañeiros e compañeiras que veñen a enriquecer o traballo que levará adiante a agrupación”.
O desenvolvemento da asemblea e a aprobación por unanimidade dos documentos e propostas presentadas vén a sinalar a gran cohesión interna existente na formación grovense e a confianza da militancia na liña de traballo que vén desenvolvendo tanto a agrupación como o seu grupo municipal.
Tras as votación e a intervención de José Antonio Otero como novo coordinador local, a mesa presidencial abriu quenda de intervencións onde os asistentes puxeron xa tarefas á nova dirección, sobre todo no referente á mellora da comunicación e a ampliar o coñecemento de veciñas e veciños do Grove das propostas e posturas de Esquerda Unida nos distintos asuntos da vida municipal.

Membros da nova coordinadora:
1.   José Antonio Otero González
2.   Juan Lamelas Alfonso
3.   José Antonio Gondar Triñanes
4.   Ana Viso Vázquez
5.   José Antonio Taboada Magdalena
6.   Ana Cristina Domínguez Domínguez
7.   David Gondar Prieto
8.   Sonia Gondar Gondar




Coordinadora local de Esquerda Unida

O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario