xoves, 28 de xuño de 2018

EU lamenta os axustes e problemas de prazos provocados ao auditorio pola terquedade do alcalde

A licitación da obra comezará máis dun ano despois de que o goberno local anunciase a posta en marcha do proxecto de construción desta infraestrutura cultural

“Esperamos que o Concello do Grove non teña a desgraza de ter que devolver millón e medio de euros. Se chega a producirse, será pola terquedade do goberno municipal: por embarcarse nun proxecto sen ter claros os terreos”

Critica a manipulación do alcalde para facerse cun millón e medio de euros de libre disposición co beneplácito do Partido Galeguista Demócrata

O Grove, 27 de xuño de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida lamenta a manipulación que o alcalde ven facendo respecto da postura desta formación en relación ao auditorio que o Concello proxecta para o Monte da Vila. Unha infraestrutura cultural que a formación esquerdista ve pertinente; pero que, sen embargo, adoece dende o momento no que foi anunciada, hai xa máis dun ano, dunha moi deficiente xestión. Así llo fixo saber o concelleiro Juan Lamelas ao grupo de goberno municipal no último pleno. Unha sesión na que EU optou por absterse na votación deste proxecto, coa finalidade de facer notar a mala praxe municipal a este respecto.

“Esperamos que non aconteza, pero se finalmente O Grove ten a desgraza de ter que devolver millón e medio de euros por non poder cumprir cos prazos da subvención da Deputación será por culpa da terquedade do alcalde”. Son palabras de Juan Lamelas, que lembra que esas presas do rexedor local teñen obrigado a reformular o proxecto do auditorio, que no seu día foi deseñado e presentado ao público sen ter en conta as características e a delimitación real dos terreos.

Foi precisamente esa inxustificada presa do grupo de goberno a que levou á paralización da construción do auditorio durante máis dun ano. Tamén a que obrigou a reformular o proxecto e a mermar o número de butacas. E a que, en último caso, ten deixado ao Concello do Grove entre a espada e a parede ante a necesidade de cumprir cuns axustadísimos prazos de execución se quere evitar verse na tesitura de ter que devolver a subvención que o goberno provincial aporta a esta obra.

O voceiro do grupo municipal de EU quixo destacar a demagoxia e a actitude manipuladora con que o alcalde actuou dende o minuto cero. “Hai aproximadamente un ano o goberno municipal contrataba un vehículo con megafonía para anunciar a celebración dunha sesión plenaria e puña a funcionar a cámara web para retransmitir esa sesión. Convocaba a asociacións culturais para intervir nunha sesión plenaria na que dicía que se ía aprobar o auditorio. Algo que era mentira. Unha sesión plenaria na que se nos quixo botar aos leóns aos grupos que mantiñamos un criterio distinto ao do goberno municipal respecto ao endebedamento do Concello. Hoxe, cando si se vai votar o proxecto de construción do auditorio, vemos dúas persoas no público”, indicaba Lamelas durante a sesión desta semana.

O voceiro de EU destaca o feito de que “o tempo veu dar a razón” ao plantexamento desta formación. E é que o alcalde “mentiu” hai un ano cando quixo forzar á oposición a aprobar un crédito bancario de 4,5 millóns, asegurando que se trataba dunha operación indispensable para sacar adiante a infraestrutura cultural. “O que defendíamos daquela era a necesidade de buscar financiamento alternativo doutras administración para que o Concello non asumise en solitario o custe do auditorio. Un financiamento que daquela o alcalde vía imposible e que, finalmente, si chegou. 

“Tamén se mentiu no pleno no que se solicitou a subvención de 1,5 millóns, dicindo que era necesario ter o crédito antes para poder optar a ela. É vostede un mentireiro, señor Cacabelos, e non teño apuro en dicilo porque os feitos constátano”, indica Lamelas. “Daquela dixémoslle ao alcalde que non pedise 4,5 millóns, facendo que o Concello cargase co custe da obra, que buscase financiamento alternativo. E o Concello endebedouse en 4,5 millóns cando podían ter sido 2. Pero, grazas a aquel crédito, aprobado co beneplácito do Partido Galeguista Demócrata, agora o goberno local dispón dun millón e medio de euros de libre disposición”, indica o voceiro de EU.

venres, 15 de xuño de 2018

EU critica que se acometa a humanización de Alexandre Bóveda sen contar antes cun plan de mobilidade para o conxunto do casco urbano


Alerta do colapso que pode producirse nas rúas da contorna ao derivar cara a elas o fluxo de tráfico

Denuncia a falta de credibilidade do goberno local; que despois de meses falando da elaboración por parte da Policía Local dun mapa de circulación anuncia o encargo dunhas novas directrices de ordenación do tráfico á Universidade de Vigo

O Grove, 14 de xuño de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida lamenta que, unha vez máis, o goberno local poña o carro antes que os bois. A pesar de tratarse dunha medida que indubidablemente terá un impacto significativo sobre o mapa do tráfico do conxunto do casco urbano, a humanización da rúa Alexandre Bóveda ten comezado sen que o Concello dispoña antes do necesario Plan de Mobilidade. Unha falta de planificación que podería derivar no colapso da rede de viais adxacentes; na súa maior parte estreitos; e polos que transcorren tamén, cabe lembrar, os Camiños Escolares Seguros que conducen ao CEIP Rosalía de Castro.

Antes de peonalizar rúas ou modificar sentidos de circulación parece lóxico pensar nas implicacións que esas medidas terán dende un punto de vista global. Pero non semella do mesmo parecer o goberno local do PSOE, que nun novo alarde de improvisación pon en marcha a humanización de Alexandre Bóveda sen contar previamente cunhas directrices que garantan un ordenamento axeitado do tráfico no conxunto do municipio.

Xa no pasado pleno o voceiro de EU, Juan Lamelas, advertiu ao alcalde da urxente necesidade de que O Grove dispoña dun Plan de Mobilidade Urbana; máis aínda, habida conta das importantes modificacións que xa se teñen introducido e das que, segundo os anuncios do consistorio, están por vir.

Moi lonxe de criticar as peonalizacións e outras actuacións de humanización dos espazos públicos, Esquerda Unida reclama reflexión e traballo previo, e apunta o temerario de realizar cambios tan significativos como cambios de sentido sen ponderar previamente as consecuencias. Nesa liña, EU lembra que o Concello aínda non convocou as comisión de traballo e seguemento do Plan de Mobilidade. Para máis inri, a pesar de que o alcalde anunciara en repetidas ocasións que a Policía Local era quen estaba a encargarse da análise e redeseño do mapa do tráfico grovense, o rexedor sorprende agora anunciando o encargo dunha nova diagnose á Universidade de Vigo. E faino exactamente ao mesmo tempo que comezan as obras para extender a humanización da Catorse ata os Conchases. Unha vez máis, política de feitos consumados e a salto de mata.

Os cambios en Alexandre Bóveda moi probablemente implicarán un aumento da densidade do tráfico en rúas como Sol, Raposeira, Hortos ou Rejo; así como no cruce da Avenida de Portugal coas da Igrexa e Rosalía de Castro. Unha operación que, efectuada sen a necesaria análise previa, podería resultar totalmente contraproducente. Ademais de perigosa, habida conta da proximidade do colexio de primaria Rosalía de Castro, e dos Camiños Escolares Seguros.

Prensa:
EU lamenta las peatonalizaciones sin disponer de un plan de movilidad [noticia web]

Advierten de los perjuicios para los "Camiños Escolares" y calles como Sol, Raposeira y Hortos [noticia web]

EU critica que se humanice Alexandre Bóveda sin un plan de movilidad del casco urbano [noticia web]

O Grove inicia la humanización de la calle Alexandre Bóveda. EU alerta del colapso de tráfico que causará en viales cercanos [noticia web]