O grupo municipal de Esquerda Unida elevará ao pleno
do vindeiro día 2 de novembro unha moción na que pedirá o apoio da corporación
á manifestación que a Plataforma SOS Sanidade Pública ten convocada para o
vindeiro 14 de novembro en Santiago de Compostela baixo o lema "Salvemos a
Atención Primaria”. Así mesmo, pídese ao goberno municipal que poña autobuses a
disposición das veciñas e veciños que queira acudir á manifestación.
Esquerda Unida considera de suma importancia a
implicación do conxunto da sociedade meca nesta convocatoria pois, dende hai
mais de dous anos, o Grove está a sufrir de primeira man a falta de
facultativos no Centro de Saúde, chegando a situacións estremas como as vividas
a pasada fin de semana, onde non houbo médico de urxencias, e as veciñas e
veciños que precisaron do servizo tiveron que desprazarse a Pontevedra ou ao
concello de Sanxenxo.
MOCIÓN COMPLETA
EN DEFENSA DA ATENCIÓN PRIMARIA E
DE APOIO Á MANIFESTACIÓN DA PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA O 14 DE NOVEMBRO EN
SANTIAGO
Antes
da pandemia da Covid-19 a Atención Primaria xa atravesaba unha profunda crise
estrutural, con déficit de profesionais pola falta de adecuación dos cadros de
persoal ás necesidades da poboación, a non renovación de xubilacións, baixas e
vacacións e as demoras e masificación na asistencia, como consecuencia dos
recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos gobernos do Partido Popular.
Na actualidade, os orzamentos na Atención Primaria apenas supoñen o 12% do
orzamento sanitario total, que é evidentemente insuficiente e é urxente
incrementalo.
Durante
a pandemia, en Atención Primaria priorizouse a atención telefónica sobre a
presencial o que impediu o acceso dos doentes aos centros sanitarios e
reduciuse o aforo das salas de agarda obrigándoos a facer cola fóra dos centros
de saúde. Suspendeuse a realización de probas e controles de saúde periódicos,
sobre todo en pacientes con patoloxías crónicas. Estas medidas para evitar a
transmisión, están tendo consecuencias negativas na calidade da atención que
reciben as e os cidadáns, entre elas o atraso no diagnóstico de patoloxías como
as tumorais.
Hoxe
temos agardas de máis de 10-12 días para recibir atención médica de forma
telefónica no Centro de saúde, que poden chegar a un mes para unha consulta
presencial, o que non é comprendido pola cidadanía e orixina nela un sentimento
de abandono e desprotección por parte do Sistema Sanitario Público.
O contacto e a relación
médico-paciente constitúe o alicerce fundamental da Atención Primaria, polo que
manter esta modalidade de consulta telefónica ou telemática como base da
atención sanitaria supón unha enorme limitación da accesibilidade, racionalidade
e calidade do modelo sanitario. Isto xera malestar social e profesional que vai
en aumento, cun deterioro da imaxe do Sistema Sanitario Público.
Durante
os meses de confinamento, as traballadoras e os traballadores da Sanidade
Publica recibiron o recoñecemento e a gratitude da cidadanía ao labor
desenvolvido en durísimas condicións. Este recoñecemento abría a esperanza de
que, tras o estado da alarma sanitaria, o SERGAS impulsaría medidas e reformas
para mellorar e fortalecer esta primeira liña asistencial, tal como recomendan
as sociedades científicas, axentes sociais e sindicais. Lamentablemente a
realidade é ben distinta e a cidadanía atopamos a mesma precariedade anterior
acrecentada por unha atención baseada en primar consultas telefónicas sobre as
presenciais e con restricións de acceso ao Centro de Saúde.
Hai
que recuperar a atención presencial e o acceso aos centros o antes posible,
para evitar un maior deterioro do propio sistema e empeorar os datos de saúde
da poboación.
As
barreiras de acceso á Atención Primaria favorece a privatización, coa
correspondente fuxida das persoas con maior capacidade económica aos seguros
privados (na actualidade xa supón un 20% da poboación) e a desprotección das
persoas con menos recursos, en consecuencia un aumento da falta de equidade.
Para
reverter esta situación, é necesario:
- A
apertura dos Centros de Saúde, con consultas 100% presenciais como única
maneira de garantir a igualdade de oportunidades á poboación, nun entorno
seguro que manteña as medidas hixiénicas e sanitarias: máscaras e distancia de
seguridade.
- Reapertura
de todos os Consultorios existentes e que foron pechados pola pandemia da
Covid-19.
- Mellorar
a accesibilidade acabando coas listas de espera, co desdobramento das consultas
e o incremento de persoal para a súa atención. Limitando as consultas
telefónicas ou telemáticas a actividades complementarias, que non limiten ou
interfiran a necesaria relación persoal e presencial entre traballadores e
traballadoras da Atención Primaria e a poboación, e que non sigan discriminando
aínda máis ás persoas maiores ou con dificultades de acceso no manexo das novas
tecnoloxías.
- Incrementar
de maneira urxente o orzamento sanitario destinado á Atención Primaria. O
obxectivo sería acadar o 25% en 5 anos.
- Contratar
e acabar coa precariedade laboral do persoal, poñendo en marcha un “Plan de
Mellora da Atención Primaria” que volva a avaliar os equipos multidisciplinares
para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación.
Dende
a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia consideran que: É urxente un cambio de política
sanitaria da Xunta que poña en marcha medidas extraordinarias e urxentes, polo
que esixen ao SERGAS e ao Goberno Galego:
- A
recuperación da accesibilidade aos centros asistenciais. Atención 100%
Presencial XA!!
- Incremento
do cadro de persoal, nos Centros de Saúde de Galicia.
- Repoñer
a Xerencia de Atención Primaria que eliminaron, como forma de organización
específica da área e orzamento propio e non dependente do hospital de
referencia.
A
Xunta de Galicia do Sr. Núñez Feijóo é a única responsable do deterioro da
Atención Primaria en beneficio da sanidade privada. Se non facemos unha forte
presión social e profesional para conseguir cambios de calado, a nova realidade
pos-pandemia pode deteriorar aínda máis a situación que vimos padecendo dende
hai moito tempo.
A
plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, tralo traballo que están a realizar as Plataformas en
Defensa da Sanidade Pública nos ámbitos locais, convocan unha Manifestación o
domingo 14 de novembro, ás 12 h., en Santiago de Compostela, baixo o lema : “SALVEMOS
A ATENCIÓN PRIMARIA”, para reverter esta situación.
Por todo o
anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á
consideración do pleno a aprobación da seguinte
- Pleno
do Concello do Grove mostra o seu apoio á manifestación que a plataforma SOS
Sanidade Pública de Galicia convoca para o vindeiro domingo 14 de novembro, ás
12 horas en Santiago de Compostela baixo o lema: “SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMAIRA”.
- Instar
ao goberno municipal a poñer a disposición das veciñas e veciños do Grove uns
autobuses gratuítos para asistir á citada manifestación, xestionando o propio
concello as reservas das prazas.