luns, 15 de febreiro de 2021

EU pide que se instalen puntos de recarga para vehículos eléctricos

No pleno do mes de xaneiro debaterase sobre a necesidade de que O Grove conte cunha rede de puntos de recarga para vehículos eléctricos. Así o solicitaremos dende Esquerda Unida por medio dunha moción na que instaremos ao goberno municipal a poñer en marcha dous puntos de recarga na Avenida Beiramar, a altura da confraría. Uns puntos que xa contan coa preinstalación dende hai dous anos, pois foron incluídos no proxecto da obra de desdobre do tramo que transcorre entre as dúas rotondas, pero que nunca se puxeron en funcionamento.

Así mesmo, entendemos que para lograr con eficacia un cambio positivo na mobilidade sustentable, o vehículo eléctrico é fundamental. O problema é que a implementación dos VE está sendo moi lenta, entre outros aspectos, pola falta de puntos de recarga. É por iso que dende Esquerda Unida, amparándonos nas liñas estratéxicas das sínteses do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable do concello do Grove, pediremos que se executen con celeridade as liñas relacionadas cos vehículos eléctricos.

Para iso, aparte dos dous puntos fronte a Confraría, solicitaremos que se inclúa algún punto na actual obra de desdobre de Beiramar; que se estude a instalación de máis puntos de recarga VE no resto do concello, incluíndoos en futuras licitacións, e nas praias máis concorridas; que se traballe nun regulamento que potencie a instalación destes puntos nas novas edificacións; que a renovación dos vehículos municipais se efectúe apostando pola electrificación dos mesmos; e que se apliquen bonificacións no imposto de circulación aos usuarios con vehículos eléctricos e a gas.

 Unhas medidas que entendemos incentivarán a compra deste tipo de transporte menos contaminante e nos permitirá poder cumprir cos obxectivos da axenda 2030.

LER MOCIÓN COMPLETA:


MOCIÓN PARA A IMPLANTACIÓN DE PUNTOS DE RECARGA PARA VEHÍCULOS ELÉCTRICOS NO CONCELLO DO GROVE

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Europa está inmersa nun proceso de descarbonización que ten como obxectivo chegar a 2050 logrando un nivel neto de cero emisións. Para iso, moitos países levan anos poñendo o foco no que supón unha das principais fontes de intoxicación do aire: o tráfico. A descarbonización da mobilidade implica, entre outras medidas, non só reducir senón tamén electrificar o transporte.

Na maioría das principais cidades europeas xa hai importantes restricións para entrar con vehículos de combustión. Cidades como Barcelona ou Madrid xa contan con restricións a vehículos sen etiqueta ambiental da DGT. Unhas medidas enmarcadas dentro do Plan estatal para a redución da contaminación no tempo establecido pola Unión Europea no Acordo de París.

Neste escenario, o vehículo eléctrico é fundamental para lograr con eficacia un cambio positivo na mobilidade sustentable. A electrificación do tráfico supón unha apertura cara novos horizontes para as empresas nun mercado innovador que está crecendo de maneira exponencial. Entre os países que xa aplicaron modelos sustentables e eléctricos na súa mobilidade destaca Noruega, onde xa sae máis a conta ter un vehículo eléctrico que un de combustión. Neste país a venda de coches eléctricos supón o 49,9% do mercado automobilístico. Séguelle Suecia e Países Baixos, onde as axudas para a compra e implementación dunha infraestrutura, os servizos de recarga, fabricación, e a produción de vehículos eléctricos foi crucial.

En España, segundo indica a Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (ANFAC), a implementación dos vehículos eléctricos avanza a ritmo máis lento do esperado. Namentres Europa avanza nunha media de entre 4 e 5 puntos na electrificación do parque de automóbiles, en España ese aumento só é de entre 1,6 e 2,5 puntos. Esta circunstancia ven achacada ao escaso desenrolo de infraestruturas de recarga, na que España tan só é quen de avanzar en décimas e segue nas últimas posicións do ranking europeo, tan só por riba de Portugal, Italia, República Checa e Hungría, tal e como indica ANFAC no seu informe do terceiro trimestre do 2020.

Os vehículos eléctricos contan cunha autonomía de entre 150 e 300 km sen recarga, na maioría dos casos suficiente para os desprazamentos diarios nas vilas e cidades. Sen embargo, hai varias causas polas que a cidadanía segue sen apostar pola adquisición dun vehículo eléctrico:

·         Un maior custo na adquisición

·    Custe da instalación do cargador nun aparcadoiro privado, e en moitos casos contar con ese espazo.

·  Maior tempo de recarga respecto ao subministro do carburante tradicional (gasolina, gasois, GLP)

·         A escaseza ou nula dispoñibilidade de puntos de recarga rápida na vía pública.

A día de hoxe, existen axudas das administracións centrais e autonómicas destinadas á adquisición e renovación dos vehículos, e en ocasións para a colocación de cargadores, tanto privados como públicos. Por outro lado, moitos concellos xa están ofrecendo incentivos, incluíndo nas súas ordenanzas reducións dos impostos de circulación para os vehículos eléctricos ou exención de pago nas prazas de aparcadoiro reguladas.

Sen embargo, é importante solucionar o inconveniente da inexistencia de puntos de recarga (rápida e ultrarápida) na vía pública que faciliten o uso dos vehículos eléctricos no día a día e dean unha opción de carga para aquelas persoas que non dispoñen dun aparcadoiro privado.

Unhas circunstancias que no noso concello con patentes, pois son numerosas vivendas e edificios que non contan con aparcamento privado e na vía pública tampouco existen puntos de recarga, co que a implantación resulta moito máis complicada. 

Por outra banda, tampouco hai indicios de que dende a administración local se estea traballando en mellorar esa implantación, pois o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, no que se comezou a traballar hai máis de dous anos, contempla nas súas sínteses de medidas, entre outras cuestións, coa instalación de puntos de recarga distribuídos polo concello. A día de hoxe non se instalou nin o primeiro.

Cabe recordar que existe unha rúa que foi reformada hai dous anos para desdobrala e na que o proxecto contemplaba a instalación de dous puntos de recarga. Dous anos despois esa infraestrutura non está funcionando e, a pesar de que dende Esquerda Unida interpelamos en varias ocasións para que se puxera en marcha o servizo, non se ven indicios de que nin a curto, nin a longo prazo O Grove vaia contar con puntos de recarga.

 Nos últimos anos realizáronse obras de acondicionamento, humanización e/ou modificación de diferentes rúas do casco urbano e en ningunha delas se contemplou a posibilidade de habilitar estes puntos de recarga, Alexandre Bóveda é un bo exemplo, pero tamén nos serve o actual desdobre de Beiramar ou a humanización do Sineiro, pois nos seus proxectos non está estipulado deixar preparada a rede eléctrica precisa para poñer en marcha este servizo.

Dende Esquerda Unida vemos necesaria a mellora do balance enerxético e medioambiental, e iso pasa por favorecer a utilización de vehículos menos contaminantes, co que a instalación dos puntos de recarga é unha das medidas máis importantes para esta implantación. Así mesmo, outorga un atractivo turístico para un sector que está en aumento e que programa os seus desprazamentos en función da autonomía dos seus vehículos e dos puntos de recarga existentes na súa ruta.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

1.      Instar ao goberno municipal a iniciar o proceso para poñer en funcionamento o punto de recarga para 2 vehículos eléctricos en Beiramar (Fronte a Confraría) para a cal xa existe a preinstalación logo da obra de desdobre.

2.      Instar ao goberno municipal a incluír puntos de recarga de vehículos eléctricos no tramo da actual obra de desdobre de Beiramar, preferiblemente na zona de Confín.

3.      En base ao punto 6.1.1 da liña estratéxica 6 das Sínteses do PMUS, instar ao goberno municipal a:

a)   Estudar e procurar a instalación de máis puntos de recarga VE na rede viaria do noso concello e incluír estes nos futuros proxectos de obras.

b)   Estudar e procurar a instalación de puntos de recarga nos estacionamentos das praias máis concorridas.

c)    Traballar nunha nova regulamentación que potencie a instalación de puntos de recarga nas novas edificacións.

4.      En base ao punto 6.1.2 da liña estratéxica 6 das Sínteses do PMUS, instar ao goberno municipal a que as futuras renovacións da flota de vehículos dos distintos servizos municipais e/ou novas adquisicións se realicen apostando pola tecnoloxía euro VI e que preferiblemente sexan vehículos eléctricos ou de gas. 

5.      En base ao punto 6.1.3 da liña estratéxica 6 das Sínteses do PMUS, instar ao goberno municipal a que se estude e aplique con celeridade a inclusión de reducións, bonificacións e/ou eliminación temporal do imposto de circulación para os vehículos eléctricos e a gas co propósito de incentivar a súa compra.  

xoves, 11 de febreiro de 2021

EU pide a constitución dunha Mesa Local pola Cultura e o Patrimonio

O Grupo Municipal de Esquerda Unida solicitará no pleno do mes de xaneiro a constitución dunha mesa local pola Cultura e o Patrimonio na que participen os partidos políticos, técnicos, asociacións culturais e demais axentes relacionados co mundo da cultura e o patrimonio.

A meta desta mesa é traballar de forma conxunta para recuperar, salvagardar, promover e divulgar o patrimonio cultural, etnográfico, arquitectónico,... do noso concello. Un foro de debate e deliberación do que saia unha folla de ruta no traballo a curto e longo prazo.

Nestes meses están xurdindo diferentes iniciativas colectivas e individuais relacionadas co noso patrimonio arquitectónico e arqueolóxico e dende Esquerda Unida consideramos que a única maneira de abordar estes e outros asuntos relacionados coa cultura e o patrimonio local pasa por facelo de maneira conxunta, cun traballo organizado e unha meta común, e iso pasa por unha mesa de traballo.


MOCIÓN INTEGRA

MOCIÓN PARA A CONSTITUCIÓN DA MESA LOCAL POLA CULTURA E O PATRIMONIO NO CONCELLO DO GROVE

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Grove sempre foi unha vila cunha gran inquedanza arredor da cultura e que dende sempre se empapou do bo saber, tanto de propios como de alleos, que dunha maneira ou outra deixaron ou están deixando o seu selo de identidade nesta vila, xa sexa con textos, pinturas, músicas ou a nivel arquitectónico e patrimonial coma poden ser xacementos arqueolóxicos, casas terreas mariñeiras, casas modernistas ou castelos que vemos que co paso do tempo estamos deixando morrer, perdendo así a nosa identidade propia.

Pero dende Esquerda Unida consideramos que non está todo perdido e que temos moito que gañar sumando esforzos na dirección correcta e seguir traballando para deixarlle ós nosos fillos e netos un Grove mellor.

Para iso, entendemos que o mellor modo é que políticos, técnicos e a sociedade se senten nun foro de debate e deliberación co propósito de recuperar, salvagardar, promover e divulgar o patrimonio cultural, etnográfico, arquitectónico,...

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

Instar ao goberno municipal a que no prazo de 1 mes se constitúa a Mesa Local pola Cultura e o Patrimonio, integrada por técnicos/as municipais, membros da corporación, colectivos culturais e sociais e demais axentes culturais e patrimoniais que teñan como meta a defensa, divulgación, recuperación e protección da cultura e o patrimonio do noso concello