mércores, 1 de novembro de 2017

O Pleno aproba a moción de EU por unha política agroforestal en defensa do interese público

O Pleno do mes de outubro aprobou por maioría –unicamente o PP se abstivo– a moción presentada polo Grupo Municipal de Esquerda Unida solicitando unha política agroforestal en defensa do interese público.

Moción completa:

POR UNHA POLÍTICA AGROFORESTAL EN DEFENSA DO INTERESE PÚBLICO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Galicia con miles de hectáreas queimadas e lamentando catro vítimas mortais -dúas mulleres perderon a vida en Nigrán, un home faleceu en Carballeda de Avia e outro home morreu  en Vigo- acaba de padecer a maior catástrofe natural que ten sufrido a súa superficie forestal nos últimos anos.

A vaga de lumes estendeuse de norte a sur e de este a oeste do país: San Cristovo de Cea, Baños de Molgas, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Manzaneda,  Carballeda de Avia, e ata 23 concellos en Ourense; a reserva da biosfera de Os Ancares, Cervantes, Monforte, Pantón e Friol e ata 30 concellos en Lugo; Ponteareas, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Nigrán, Vigo, Pazos de Borbén, Salvaterra, Soutomaior, Mondariz, Gondomar, Baiona e As Neves, Ponteareas, Ponte Caldelas ou Mos entre outros en Pontevedra; así como Boiro, Neda ou  Negreira como exemplos de lumes na  provincia de A Coruña.

Ademais por mor dos lumes, deberon ser cortadas a autovía A-52, a nacional 525 , a VG-20,  a AG-57,  a PO- 250  e os túneles de O Folgoso.

A veciñanza dos múltiples concellos afectados coinciden en denunciar a falta de medios de extinción coas lapas nas portas das casas e non comprenden como a Xunta cesou no seu contrato a traballadores e traballadoras dos SPDCIF xusto cando as condicións atmosféricas indicaban a proximidade do furacán Ophelia, había unha humidade relativa inferior ao 30 % e as temperaturas superaban os 30 grados. Condicións ideais para que os incendios sexan practicamente incontrolables.

Aínda non hai un balance provisional de danos: casas destruídas, coches queimados,  maquinaria agrícola destruída, animais domésticos mortos, viñas e diversas plantacións inservibles e decenas de persoas sen emprego.

Pero o dano esténdese á paisaxe, ao aire que respiramos, á auga que bebemos,  á  caza,  á  pesca,  á  cultura,  á  etnografía,  ao  turismo  rural…,  unha  perda  económica, ecolóxica e social

Persoas falecidas, familias desaloxadas, innumerábeis lugares afectados  polos  incendios,  moitos  deles  Espazos  naturais  protexidos,  Parques naturais,  Reservas  da  Biosfera,  ecosistemas  de  gran  valor  económico  e medioambiental calcinados por falta de medios tanto materiais como humanos, e non tivemos  máis  desgrazas  persoais  e máis  perdas  materiais  grazas  a profesionalidade e a implicación das traballadoras e traballadores que integran os distintos colectivos forestais e a implicación da sociedade civil.

As perdas de vidas humanas, os custes económicos, ecolóxicos e sociais que os  lumes  producen  nos  nosos montes  xeran  a  indignación  da  sociedade  galega.  Esta  indignación  debe producir unha reacción por parte da Xunta de Galicia, levando a cabo políticas de protección dos espazos e de reordenación do espazo agroforestal galego.

O Sindicato Labrego, a Organización Galega de Comunidades de Montes, Frouma, Amigos da Terra e a Federación Ecoloxista Galega abandonaron no mes de xuño o Consello Forestal de Galicia polas continuas prácticas de entorpecemento á súa participación e en concreto pola presentación en rolda de prensa do Plan de Defensa contra Incendios (Pladiga 2017), antes de que este fora coñecido polas organizacións que participan no Consello Forestal.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do Pleno do Concello do Grove a seguinte,

PROPOSTA DE ACORDO

PRIMEIRO.- Instar  a  Xunta  de  Galicia  a;

1.   Democratizar o funcionamento do Consello  Forestal Galego.

2.   Buscar un Acordo Nacional Estratéxico  de  Xestión  do  Monte  Galego que conte co consenso dos grupos políticos, sindicatos, patronal, organizacións sociais e propietarios forestais que  marque  un  cambio na  política agro-forestal.

3.   Modificar -co consenso dos grupos políticos, sindicatos, patronal, organizacións sociais e propietarios forestais- o PLADIGA (Plano Forestal de Galicia e dos Planos de Loita Contra o Lume) centrando o mesmo na prevención no canto da extinción no período de alto risco e garantindo a protección dos núcleos poboacionais, parques naturais e reservas da biosfera.

4.   Instar ao Consello Xeral do Poder Xudicial para  que  dote  á  Fiscalía dos medios  técnicos, humanos e económicos necesarios para mellorar a investigación dos lumes.

5.   Elaborar  plans  de ordenación  dos  montes  que  contemplen  a ordenación  dos  cultivos  agrarios  e forestais  e á mobilización produtiva  das  terras,  evitando  o  aumento  da  superficie  ocupada  por especies  de medra  rápida.

6.   Poñer  en  marcha  de xeito urxente plans  de  restauración  e recuperación das zonas afectadas por incendios neste ano 2017 e nos últimos anos. 

7.   Converter o SPDCIF como servizo único e público de prevención e extinción de incendios forestais profesionalizado.

8.   Presentar un Plan de Fomento de implantación de  sectores  industriais  e empresariais que centren o seu traballo na transformación de produtos silvícolas e agropecuarios, na conservación de masas forestais e na prevención dos incendios.

SEGUNDO.- Instar ao goberno do Estado a derogar a Lei de Montes 43/2003, de 21 de novembro,  modificada o 21 de xullo de 2015, e a respectar o carácter singular dos montes en man común de Galicia.


TERCEIRO.- Dotar, de selo caso, ao Concello dun Observatorio Medio Ambiental, onde  se  propoña  unha  política  agro-forestal  sustentábel  e  economicamente rendíbel para a sociedade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario