xoves, 28 de xullo de 2016

Rogos e Preguntas do pleno do mes de xullo


Na sesión plenaria deste mes, saíron aprobadas todas as propostas da orde do día. Máis a moción que presentou o Grupo Municipal de Esquerda Unida solicitando da Xunta de Galicia a retirada do proxecto de Decreto para a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade autónoma de Galicia, foi REXEITADA, pois tan só contou con 4 apoios (2 de EU e 2 do BNG). O PSOE e PGD (9) abstivéronse e o PP (4) opúxose, co que o Alcalde tivo que facer uso do voto de calidade, que sorprendentemente, e ao contrario do que o seu partido fixo no Parlamento galego (onde foron precisamente os socialistas os que levaron unha iniciativa para solicitar o mesmo), votou en contra.

Nos Rogos e preguntas, os concelleiros de Esquerda Unida solicitaron que o Goberno realizase un mantemento continuo do Parque Canino da Toxa, pois mostra un estado de abandono totqal, no que a maleza invade boa parte do espazo. Pediron tamén que se instalase o cartel indicador e o das normas de uso, asunto que non foi atendido a pesar de que a concelleira o prometera no pleno de maio tras un rogo realizado tamén por Esquerda Unida. Así mesmo, instaron ao goberno a realizar a limpeza de maleza nos diferentes solares municipais e espazos públicos –en moitas zonas a maleza está invadindo os beirais e zonas de transito de peóns– xa que se está mostrando unha imaxe lamentable aos turistas que nos visitan estes días.

Os esquedistas solicitaron que se actúase nunha praga de cucarachas, que segundo indicacións dos veciños, prolifera na rúa Castelao, a altura das oficinas de Correos. Que se adecuara o estanque de Beiramar, a altura da cafetería Acuarela, foi outra das peticións realizadas. Os edís esquerdistas preguntaron polo paradoiro da escultura "Baticaso", do galego Ignacio Fernández, que no seu día fora retirada da rúa Pratería.

Outra das peticións que realizaron os edís foi no paseo de Lordelo a Rons, pois no inicio do mesmo –pola parte do Corgo– existe unha árbore que invade todo o ancho do paseo e obriga aos viandantes e ciclo-turistas a agocharse ou no peor dos casos ter que baixar á estrada para continuar o seu camiño, polo que pediron que se actuase para solucionar o problema.

Dende o Grupo Municipal de Esquerda Unida tamén se solicitou que se dotase de seguridade ou de carteis de advertencia o coñecido como Camiño da Serpe –entre a praia da Lavaxeira e Moreiras–. Este camiño, que dende que se instalou a ponte no Esteiro, é moi transitado e conta no seu trazado con zonas escorregadizas e pasos estreitos e perigosos, o que xa provocou o primeiro incidente logo de que un rapaz se precipitase ás rochas a semana pasada cando circulaba na súa bicicleta.

En canto a turismo, os esquerdistas criticaron a falta dun avance da programación da Festa do Marisco en pleno mes de xullo e preguntaron si se estaba a promover o evento gastronómico entre os nosos visitantes. A razón polo que cada ano se modifica a situación das praias caninas foi outra das cuestións que levaron a consulta, xa que está a crear certo descontrol entre os usuarios, máxime cando na web turística do concello non se pode coñecer a súa situación actual ao non funciona o enlace. Precisamente neste asunto, o da web turística, é onde incidiron máis os concelleiros de Esquerda Unida que, a pesar de que se está a crear unha nova web, criticaron a falta de actualización da mesma, pois se segue anunciando que o Grove conta con 6 praias con bandeiras azuis, cando o goberno local renunciou a elas e non existen os distintivos nos areais, o que pode provocar denuncias por publicidade enganosa.

Por último, os esquerdistas preguntaron pola situación na que se atopa o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pois non volveron ter noticias do mesmo dende a reunión á que foron convocados hai máis de tres meses.

[ver/descargar Rogos e Preguntas no seu contexto orixinal]
[ver/descargar moción retirada decreto vivendas uso turístico]