venres, 24 de novembro de 2017

25N - Fronte á violencia patriarcal: igualdade radical


25 de Novembro de 2017
Día Internacional contra a Violencia Machista 
  
Fronte á violencia patriarcal: igualdade radical  

A violencia machista é unha vulneración dos dereitos humanos das mulleres, que afecta á sociedade en todas as súas estruturas. O número de vítimas asasinadas en Galicia va construíndo un relato vergoñento: dende 2010 as cifras de feminicidio elévanse a 54. Mentres contamos mulleres asasinadas, comprobamos con asombro que algunhas institucións lanzan campañas que, lonxe de pular pola igualdade, reflicten e repiten conductas patriarcais nas que se impón a desigualdade. 

Ano tras ano lembramos que os datos falan por si mesmos e sitúan as declaracións institucionais e as leis aprobadas en constatacións do desinterese continuo por parte da administración en dotar de medios estes acordos para facer efectivo o seu cumprimento. 

A violencia machista perpetrada nos asasinatos de mulleres é a expresión violenta máis visible, pero existen múltiples violencias non tan evidentes que de seguro responden a unha insoportable cultura patriarcal. A educación en igualdade é un dos piares imprescindibles para traballar cara a erradicación desta lacra

Non podemos consentir que existan escravas traficadas para consumo sexual dos homes. A prostitución é unha forma lexitimadora da violencia machista onde se aluga o uso do corpo de mulleres e nenas, lexitimando con iso á consideración da muller como un ser inferior susceptible de ser usado e comprado. As agresións sexuais non só aumentan senón que, nalgúns casos, pasaron de ser actos criminais individuais a formas grupais cada vez máis presentes nas nosas festas e noutros acontecementos masivos. Exemplo disto é o que está a acontecer estes días co xuízo das presuntas violacións dos “sanfermins”, e a exposición mediática na que á vítima se presenta como responsable da agresión na que se cuestioana a súa conduta só por ser muller.

A notoria expansión que está adquirindo a demanda de aluguer dos ventres de mulleres, non só ten un significado ostentoso de diferenza de clase e xenófobo, senón tamén de que o patriarcado, cada vez con menos escrúpulos, pretende comerciar legalmente cos nosos corpos, valéndose da necesidade e amparándose na desigualdade.

Tentar lexislar a custodia compartida imposta sen acordo das partes e obviando a situación de vulnerabilidade e violencia á que poden estar sometidas as mulleres e os menores é unha irresponsabilidade.

A fenda salarial existente entre mulleres e homes en traballos de igual valor é a fórmula que o Estado opresor ten para manifestar que seguimos sendo cidadás de segunda clase, condicionando a nosa autonomía económica para manternos subordinadas. 

Precisamos políticas transversais, contundencia e decisión política para aumentar os recursos económicos e humanos destinados ao desenvolvemento de políticas de igualdade activas, integrais e participativas.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario