A ferramenta tecnolóxica permitiría unha mellor xestión de incidencias e unha comunicación máis eficaz coa cidadanía, pero segue sen estar operativa dende que a Deputación a lanzou hai case un ano.
Outros concellos da provincia xa a empregan con éxito, mentres que no Grove segue sen ofrecerse este servizo gratuíto proporcionado pola Deputación de Pontevedra. Esquerda Unida pide que se active xa.
O Grove, 14 de maio de 2025.- Esquerda Unida vén de denunciar a falta de vontade do goberno municipal para poñer en marcha a aplicación "Meu Concello", unha ferramenta dixital proporcionada pola Deputación de Pontevedra para xestionar incidencias, alertas e comunicacións coa veciñanza a través do móbil.
Segundo sinala o seu concelleiro, Anxo Meis, o Concello do Grove conta con esta ferramenta dende xuño de 2024, pero segue sen estar operativa. “En setembro dese mesmo ano, preguntamos en pleno cando se ía activar, e a resposta foi que estaban estudando como xestionala por falta de persoal. En marzo deste ano, ao volver preguntar, indicóusenos que procurarían poñela en funcionamento. Con todo, a día de hoxe nada mudou”, afirma Meis.
Para Esquerda Unida, esta ferramenta é "importante e imprescindible" para modernizar a administración local e mellorar a resposta ás necesidades cidadás. Tal e como indica Meis, “a app permite que a veciñanza poida comunicar incidencias como losetas levantadas, papeleiras cheas, farois sen luz, problemas de limpeza, bancos rotos,... e ofrece ademais un seguimento da resolución da incidencia, o que axiliza a resposta municipal e mellora a percepción do servizo”.
A aplicación conta ademais cun apartado para noticias, bandos e avisos, tales como de cortes de auga ou de tráfico, e mesmo un mapa con puntos de interese local, o que para Meis supón “a posibilidade de ter unha comunicación directa e inmediata con todas as persoas usuarias, e especialmente útil en situacións de urxencia ou de información sobre servizos municipais”.
Concellos como Sanxenxo, Cambados, Soutomaior, Bueu, Tomiño, Vilaboa, Mos ou Covelo xa activaron esta ferramenta e resolven mediante a mesma numerosas incidencias cada semana. Mentres tanto, no Grove continúa sen ofrecerse este servizo, a pesar da súa utilidade e de ser totalmente gratuíto para o Concello. “Quizais o problema sexa que, tal como está a vila, poñer a funcionar a app suporía unha saturación de incidencias e obrigaría ao goberno local a asumir a realidade na que se atopa o municipio", afirma Meis.
Esquerda Unida insta ao goberno municipal a activar de inmediato esta ferramenta dixital, aproveitar o seu potencial e atender todas as comunicacións cidadás que se reciban por esta vía, sen deixar de empregar as canles tradicionais de contacto co Concello.