O Grupo Municipal de Esquerda Unida presenta unha moción para o pleno do vindeiro luns 28 co propósito de valorar a posibilidade de poñer en marcha un servizo de comedor para o programa de Vellos Tempos e no futuro centro “Sociosanitario”.
A taxa de envellecemento indícanos que camiñamos cara unha sociedade cada vez máis vella, polo que a demanda de servizos destinados aos coidados, como o programa municipal de Vellos Tempos, un Centro de Día ou similares, será cada vez maior, tanto polo benestar das persoas maiores como polo das súas coidadoras que precisarán dunha conciliación laboral-familiar. A día de hoxe o Concello só conta co programa de Vellos Tempos, que se desenvolve tan só pola tarde, e, aínda supoñendo unha axuda e alivio para moitas familias, resulta insuficiente para unha conciliación plena.
É por iso que dende Esquerda Unida consideramos esencial habilitar unha quenda matutina para o programa de Vellos Tempos, así como por en marcha un servizo de comedor para quen así o requira. Así mesmo, como dende o goberno anunciaron a posta en marcha dun Centro Sociosanitario no edifico do Colexio das Monxas, no lugar do Centro de Día (seguimos apostando por este servizo), tamén entendemos que este debería ofrecer o servizo de comedor.
Para iso, a través desta moción, instamos ao Concello do Grove a realizar un estudo entre a veciñanza (usuarias actuais do programa Vellos Tempos e usuarios potenciais deste programa e dos Centros de Día ou Sociosanitarios) para valorar a posibilidade de habilitar unha quenda de mañá no programa Vellos Tempos e de ofertar o servizo de comedor tanto neste programa como no Centro de Día ou Sociosanitario.
Cremos que é preciso promover unha maior conciliación familiar-laboral e dar unha maior liberdade e alivio ás veciñas e veciños que teñen o labor de “coidadoras”.
Moción completa:
PARA O ESTUDO E POSTA EN MARCHA DUN SERVICIO DE COMEDOR PARA O PROGRAMA "VELLOS TEMPOS" E O FUTURO CENTRO "SOCIOSANITARIO"
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Como xa temos exposto na moción que presentamos uns meses atrás sobre os coidados das persoas maiores, a taxa de envellecemento é un índice claro de que camiñamos cara unha sociedade cada vez máis vella. Isto indícanos que o número de usuarias e usuarios que requirirán un servizo coma o centro de día e/ou formar parte de programas coma o de “Vellos Tempos”, que se desenvolve no noso concello, será cada vez maior.
Dende Esquerda Unida consideramos primordial que as persoas coidadoras poidan conciliar traballo e familia. O exemplo témolo no ámbito dos máis cativos, onde cada curso escolar ollamos que nos diferentes centros educativos, a demanda dun servizo de comedor escolar vai en aumento. Un servizo que, na maioría dos casos, supón un alivio para as familias e lles facilita a conciliación laboral/familiar ou ter a opción de acceder a un posto de traballo.
Non sucede o mesmo en canto ás familias coidadoras de persoas maiores dependentes. O Concello do Grove carece de Centro de Día e no seu lugar cubre esa necesidade co programa de “Vellos Tempos”. O problema xurde en que ese programa desenvólvese só pola tarde e, ao carecer dun servizo de mañá, moitas familias teñen complicado compatibilizar un traballo co coidado dos seus maiores. Entendemos que se debería estudar e, de ser o caso, poñer en funcionamento unha quenda de mañá para o programa de “Vellos Tempos”. Así mesmo, ao igual que ocorre cos máis cativos, tamén é preciso estudar a posibilidade de poñer en marcha un servizo de comedor para este programa.
Do mesmo modo, xa que dende o Concello se ten anunciado que no futuro se porá en marcha un Centro Sociosanitario no antigo “edificio das Monxas”, cando se logre mercar, tamén sería preciso que este dispuxera de servizo de comedor, co propósito de promover unha maior conciliación familiar e dar maior liberdade ás veciñas e veciños que teñen a labor de “coidadoras”.
Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte
PROPOSTA DE ACORDO
Instar ao goberno municipal a:
1. Realizar, o máis axiña posible, un estudo entre as familias das actuais usuarias/os do programa “Vellos Tempos”, co propósito de determinar se é factible poñer en marcha unha quenda de mañá e que se oferte o servizo de comedor.
2. Realizar o mesmo estudo entre as familias de usuarias/os potenciais do programa de “Vellos Tempos” que non acceden ao servizo por realizarse pola tarde.
3. Cos estudos realizados, e se o resultado así o require, poñer en marcha de inmediato unha quenda de mañá do programa de “Vellos Tempos” e ofertar o servizo de comedor.
4. Realizar un estudo entre a veciñanza para determinar as/os usuarias/os potenciais dun Centro de Día ou Centro Sociosanitario incluíndo a posibilidade de ofrecer o servizo de comedor en calquera deles e, se o resultado é positivo, poñer en marcha este servizo no momento en que estes funcionen.
José Antonio Otero González
Concelleiro de Esquerda Unida
O Grove, a 20 de febreiro de 2022