A política do esperpento instalouse definitivamente
no Concello do Grove. Desde Esquerda Unida observamos atónitos a
última ocorrencia do PGD do señor Alfredo Bea: pedir a demisión da
totalidade dos concelleiros da oposición, incluída a do noso
concelleiro Juan Lamelas, que tan só leva 21 días no cargo.
O señor Bea sempre foi un concelleiro polémico,
pero desde o seu pacto co PP e AMeca o seu despotismo e
intransixencia aumentaron até niveis inadmisíbeis para o pobo do
Grove. Para Bea e o seu partido 'demócrata' a cidadanía só teñen
dereito a falar unha vez cada catro anos, nen tan sequera no
Entroido, e mentras tanto el pode facer e desfacer ao seu antollo. A
crítica está prohibida, como prohibido está beber na rúa,
utilizar o Pavillón de Deportes Náuticos, xogar á pelota, tender a
roupa a secar... pero ante todo está prohibido criticar o seu labor
como concelleiro. Todo para o pobo pero sen o pobo é o seu lema.
É curioso que se nos pida a demisión por deixadez
de funcións precisamente por criticar a xestión do señor Bea á
fronte da concellería de seguridade cidadá. Non é preciso que o
señor Bea nos entregue "datos contrastados e papeis"
interesados para observar que algo non marcha ben. Tal vez sexa o
señor Bea, quen nunca exerceu de oposición ao goberno (estarei nun
goberno ou noutro, pero no goberno), a persoa adecuada para
explicarnos como debemos desenvolver o noso labor. A tal efecto,
desde Esquerda Unida barallamos presentar por vía de urxencia no
seguinte pleno municipal unha moción para que se encargue á
Concellería de Seguridade Cidadá a redacción dunha ordenanza que
regule o labor da oposición no Concello do Grove para que a partires
de agora non se molesten o señor Bea nen o señor Pérez cada vez
que tentemos facer o noso traballo e así poder continuar con esta
política de esperpento e despotismo.