mércores, 19 de marzo de 2025

EU insta ao goberno municipal a solicitar as axudas para modernizar e dinamizar o mercado municipal

A convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración permite aos concellos acceder a ata 320.000 € para obras de mellora, rehabilitación ou accións de dinamización e pode cubrir ata o 80% do investimento.

Anxo Meis reclama ao executivo local que solicite estas achegas para modernizar e dinamizar a praza de abastos, evitando así perder unha oportunidade clave para o comercio local.

O Grove, 19 de marzo de 2025 – O grupo municipal de Esquerda Unida pide ao goberno local, e en concreto ao concelleiro de Mercados, que non deixe pasar a oportunidade de acollerse ás axudas que ofrece a Xunta de Galicia para a dinamización e rehabilitación das prazas e mercados municipais. Estas achegas, dotadas cun orzamento de 3,3 millóns de euros, buscan fortalecer a rede de Mercados Excelentes e mellorar as infraestruturas comerciais da comunidade.

O concelleiro de Esquerda Unida, Anxo Meis, indicou que “o mercado municipal é un espazo clave para a economía local e o comercio de proximidade, polo que resulta fundamental aproveitar este tipo de investimentos para modernizalo, facelo máis atractivo e mellorar os servizos tanto para vendedores como para clientes”.

A nova convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración permite aos concellos acceder a ata 320.000 euros para obras de mellora, rehabilitación ou accións de dinamización. Segundo indica Meis, “a liña de subvencións pode cubrir ata o 80% do investimento, polo que o Concello debe presentar un proxecto ambicioso para modernizar un espazo esencial para o comercio local”. Así mesmo, a liña de axudas inclúe un período de execución bianual, o que, para Esquerda Unida, supón “unha oportunidade única para planificar actuacións de maior calado sen presións de prazos excesivamente curtos”.

Desde Esquerda Unida consideran que a solicitude destas axudas sería un paso decisivo para revitalizar o mercado municipal, fomentando a súa competitividade e fortalecendo a súa función como motor económico e social da vila. “Non podemos quedar atrás mentres outras localidades avanzan na modernización dos seus mercados. O goberno municipal debe actuar con dilixencia e presentar un proxecto sólido antes do prazo límite do 14 de abril”, subliñou Meis que insiste en que “hai financiamento dispoñible, polo que só falta vontade política para non perder esta oportunidade”.

O grupo municipal presentará un escrito solicitando información ao goberno local sobre as súas intencións respecto a esta convocatoria. “Se a resposta é que non teñen previsto solicitar estas axudas, estaremos ante outro exemplo de desinterese pola dinamización económica do noso concello. O noso compromiso está claro: esixiremos que se aproveiten todos os recursos dispoñibles para mellorar o Mercado Municipal”, concluíu Meis.

venres, 31 de xaneiro de 2025

Esquerda Unida denuncia que O Grove segue sen estratexia turística mentres o alcalde só fala da taxa

 

Para a concelleira Susana Millán, a presenza do Grove en FITUR 2025 volveu depender da iniciativa privada e do liderado doutros concellos ou administracións, evidenciando a falta dunha estratexia turística propia.

Critican que o goberno municipal siga sen impulsar proxectos reais mentres centra todos os seus esforzos en reclamar unha taxa turística.

O Grove, 31 de xaneiro de 2025. Un ano máis, o Grove careceu dunha presenza propia e diferenciada en FITUR, a maior feira de turismo do Estado. A participación da vila limitouse a unha iniciativa externa, a que supuxo a promoción da Festa da Centola levada a cabo pola asociación empresarial Emgrobes, e a unha compartida, como foi á presentación da media maratón "Entre Rías" que transcorre entre o Grove e o Concello de Sanxenxo.

Sobre este evento, a concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, denuncia que o goberno municipal non foi capaz de reclamar para O Grove o protagonismo que lle corresponde na organización desta proba deportiva. "O compromiso inicial era que cada ano a carreira alternase o inicio e final entre os dous concellos, pero nin sequera isto foi quen de defender con forza o noso alcalde”, lamenta Millán, que á vez afirma que “acoller a chegada suporía un impulso importante para a hostalería local, pero teremos que conformarnos con ser saída por segundo ano consecutivo, o que demostra o pouco peso político de Cacabelos ante o seu homólogo e Sanxenxo”.

Desde Esquerda Unida tamén critican que a única prioridade do Alcalde, que á vez é o concelleiro de Turismo, sexa a implantación dunha taxa turística. "En agosto do pasado ano, Cacabelos declaraba que o turismo supón un gasto de máis de medio millón de euros para o Concello. O que nos preguntamos é de onde vén este afán recadatorio, sobre todo cando ten dende 2023 dous millóns de euros da Unión Europea para a Gastromeca e aínda non foi capaz de executar máis que o 32%. Nin tan sequera sacou a concurso a contratación da consultora necesaria para desenvolver todo o proxecto", denuncia Millán.

A edil de EU tamén lembra que o goberno municipal segue sen aprobar normativas esenciais para a xestión turística da vila, como a ordenanza de caravanas ou a de terrazas, ou crear unha mesa de traballo para procurar unha solución á proliferación das vivendas turísticas, tal e como acordaron ao inicio do mandato. Ademais, están pendentes compromisos como as bases para as Centolas de Ouro, a actualización do material promocional ou a recuperación dunha páxina web turística propia.

Por último, Esquerda Unida considera que os fondos europeos Next Generation deberían destinarse a crear un produto turístico sólido, que beneficie ao empresariado local e que poida ser levado a FITUR como unha aposta propia do Concello. "Hai oito anos coincidiamos en que o modelo de promoción en FITUR non era o axeitado, pero Cacabelos prometera buscar unha nova fórmula adaptada ás demandas actuais do sector. O problema é que, desde entón, nada se fixo", conclúe Millán.