xoves, 4 de maio de 2017

Esquerda Unida presenta ao goberno un plan de actuacións prioritarias para o concello

O Grove, 3 de maio de 2017.- A agrupación local de Esquerda Unida decidiu presentar ao Alcalde, e ao seu equipo de goberno, un plan de actuacións a realizar no tempo que resta de mandato. Unhas actuacións que os esquerdistas consideran precisas e prioritarias para os veciños do Grove.

Esquerda Unida decidiu dar este paso ante a situación actual do goberno municipal do cal consideran que está a deriva, máxime tras ver como realiza propostas de inversións inconexas e sen planificación de ningún tipo. Os esquerdistas poñen como exemplo a proposta de Auditorio que, segundo indican, se irá aos 5 millóns de euros de inversión municipal, ou a peonalización de rúas do casco urbanos sen plans de tráfico e alternativas de estacionamento. Todo isto namentres traballan con un orzamento prorrogado cando xa van alá cinco meses, conclúen.

Segundo a agrupación de esquerdas, o goberno municipal móstrase absorbido polo día a día, e a impresión que transmite é que gobernan a salto de mata.

Por ese motivo, desde Esquerda Unida, e logo de reunir á súa asemblea, propoñen un plan de actuacións no que se inclúen demandas históricas da veciñanza así como medidas que consideran necesarias para o bo funcionamento municipal e a mellora dos servizos públicos que se ofrecen aos veciños.


Executiva Local de Esquerda Unida
O Grove

PLAN ACTUACIÓNS 2017-2019



Financiamento das administracións para o Auditorio.-

Consecución de partidas orzamentarias da Deputación de Pontevedra, non vinculadas ao Plan Concellos, e da Xunta de Galicia para a construción do proxecto de Auditorio presentado polo actual Alcalde.


Esquerda Unida considera que a administración autonómica e provincial  teñen unha débeda histórica co Grove e por iso pide que se loite para conseguir financiamento para o Auditorio, máxime considerando que tanto a Xunta como a Deputación axudaron a construír este tipo de infraestrutura cultural en todos os concellos da comarca.

Para elo, EU pide que se concreten reunións coas administracións e que, o Alcalde e a concelleira de Cultura acuda ás mesmas acompañados polos grupos da oposición e os colectivos culturais, que a día de hoxe xa contan con un manifesto apoiado por numerosas asociacións.


Estacionamento e accesos.-

Consecución de bolsas de aparcadoiros para a zonas de Castelao e Monte da Vila, así como  apertura da rúa prevista nas Normas Subsidiarias de 1996 entre Os Pardiños (próximo ao novo pavillón de deportes) e a Avenida Xoán XXIII.


Segundo os esquerdistas, unha das carencias do proxecto do Auditorio, tanto para a agrupación como para moitos dos veciños do Grove, é o complicado acceso e o escaso estacionamento co que conta a zona. Unha cuestión que, segundo indican, se agravará coa eliminación de preto de 80 prazas de aparcamento no momento en que se construan as Pistas de Pádel e se execute a propia infraestrutura cultural. Do mesmo modo consideran que cando se execute a peonalización da rúa Catorse tamén se prescindirá de outros 50 estacionamentos, para os cales non hai alternativa, e o mesmo sucederá cando se continúe co plan de peonalizacións de outras rúas do casco urbano.

É por iso que Esquerda Unida solicita que se habiliten zonas de estacionamento próximas a estas dúas zonas xa que consideran que hai terreos e hai dispoñibilidade dos seus propietarios a negociar co Concello.


Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) neste mandato, incluíndo no proceso unha segunda exposición pública do mesmo.


O PXOM é algo primordial para Esquerda Unida e recordan que o Alcalde se pronunciou en varias ocasións que de non aprobarse o documento dentro dos dous primeiros anos de mandato o mesmo quedaría gardado nun caixón. Por iso, os esquerdistas esixen que se o Plan Xeral sexa aprobado de forma definitiva antes de rematar o actual mandato.
             
Así mesmo indican que se están a realizar cambios substanciais no documento e polo tanto consideran que é precisa unha segunda exposición pública do mesmo para que sexan os veciños os que dean o visto bo ao mesmo.



Centro de Día e Centro de Saúde.-

Aprobación do Plan Especial de Infraestruturas (PEI) no terreo das Touzas e inicio das obras de construción do Centro de Día. Isto debe ir aparellado de negociacións serias coa Xunta de Galicia para a posta en marcha do servizo do citado Centro de Día e a consecución de orzamento para a construción dun novo Centro de Saúde no noso concello.


Unha das obras prioritarias para a agrupación local de Esquerda Unida é a construción do Centro de Día. Unha infraestrutura que debería estar funcionando se non fose polo tripartito do PP, PGD e A Meca, que botaron abaixo o PEI das Touzas no primeiro pleno do mandato 2011-2015 alegando a falta dun informe. Solucionado ese problema, e contando con 600.000 € no banco para esa obra, os esquerdistas solicitan que se traballe na recuperación dese plan e do proxecto para a comezar a construción do Centro de Día.

Do mesmo modo, piden que se negocie coa Xunta de Galicia para a súa posta en marcha e a tamén para que a administración autonómica constrúa un novo Centro de Saúde nesa zona.



Paseo Marítimo no Corgo.-

Continuación do paseo marítimo dende o barrio de Lordelo ata a casa da Terceira Idade.


Para Esquerda Unida un dos mellores escaparates turísticos do Grove e a súa fachada marítima. Segundo explican, ese escaparate queda deslucido no tramo da rúa Irmáns Ernesto Goday e non entenden como no seu momento o paseo marítimo que comeza en Rons non finaliza ao carón da Casa da Terceira Idade.

Por iso piden que o goberno municipal emprenda as negociacións coa administración correspondente para que se continúe ese paseo e se adecúe a zona.



Policía Local e servizo guindastre público.-

Dotación de axentes da Policía Local que permita o perfecto desenvolvemento do servizo. Isto debe ir acompañado da posta en marcha do servizo público de guindastre.


A petición de patrulla nocturna da Policía Local é unha demanda do Grupo Municipal de Esquerda Unida dende o comezo do mandato. Unha demanda que se repite continuamente cando o goberno pretende levar a pleno unha nova Ordenanza municipal, tal e como sucedeu coa de Ruídos no mes de marzo. O Alcalde indicou en varias ocasión a imposibilidade de poñer a funcionar so servizo en condición pola falta de efectivos no corpo da Policía Local. Por ese motivo os esquerdistas esixen que se dote o servizo dos axentes precisos para un perfecto desenvolvemento do mesmo.

Así mesmo, Esquerda Unida, ao igual que fixo nas negociacións dos orzamentos 2016, solicitan a posta en marcha do servizo público de guindastre, máxime tras ver a recomendación do xefe da Policía Local no informe emitido o pasado 21 de marzo.



Técnico/a de Turismo.-

Dotación, dentro do cadro de persoal, dun Técnico/a de Turismo.


Outra das demandas realizadas nas negociacións do Orzamento do 2016 foi a da necesidade de contratar un Técnico de Turismo.

Para Esquerda Unida, un concello turístico como O Grove non pode traballar dependendo dos coñecementos ou o tempo de dedicación que poida ter o concelleiro ou concelleira delegada, senón que debe ser unha persoa cualificada quen desenvolva un plan de actuación e realice o traballo turístico municipal.



Comedor Escolar Rosalía de Castro.-

Traballar conxuntamente coa ANPA do Colexio Rosalía de Castro para dotar o centro escolar de comedor.


Esquerda Unida considera que non é de recibo que o Colexio Rosalía de Castro sendo o máis céntrico, o que non precisa transporte público, no que se está traballando para a implantación dos camiños escolares seguros e que é o máis demandado polos proxenitores sexa o único centro escolar do Grove que non conta co servizo de comedor.

Unha situación á que, segundo os esquerdistas, se lle pode dar solución co edificio que se atopa ao carón do centro e no que antigamente era habitado por mestres –nestes intres hai unhas catro vivendas ocupadas– e que xa foi solicitado en diferentes ocasións pola ANPA de Rosalía de Castro.

Por iso, a agrupación local de Esquerda Unida faise eco da demanda das nais e pais de este centro educativo e solicita que o Alcalde traballe para que o colexio Rosalía de Castro conte con comedor na maior brevidade posible.


RPT negociada e con orzamento

Posta en funcionamento da RPT (Relación de Postos de Traballo) negociada e con orzamento, tomando como base a realizada pola Universidade de Vigo no mandato 2007-2011.


Por último, os esquerdistas consideran que, logo de solicitalo en numerosas ocasións dende o comezo do mandato, xa é momento de poñerse a traballar na implantación dunha RPT (Relación de Postos de Traballo). Para elo, Esquerda Unida pide que se utilice como base o documento realizado pola Universidade de Vigo na anterior época de Cacabelos como Alcalde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario