O Grupo Municipal de Esquerda Unida O Grove presentou esta mañá por rexistro unha moción para que o pleno do mes de xaneiro pronuncie o seu rexeitamento ao anteproxecto de Lei de acuicultura de Galicia.
O Anteproxecto de lei de acuicultura de
Galicia que foi sometido a exposición pública durante o pasado mes de xaneiro,
e que está pendente da contestación as diversas alegacións realizadas polos
sectores produtivos do mar galegos, contempla algunhas determinacións que, de
facto, suporían rachar coa actual configuración da explotación do mar, así como
un risco non asumible para a nosa pesca e marisqueo tradicional, que debemos
recordar son os eixos fundamentais nos que se sustentan os principios da
política pesqueira común da Unión Europea.
Este anteproxecto súmase á batería
lexislativa desenvolvida polo goberno Autonómico que afonda na demolición das
medidas de protección e xestión racional do territorio, promovendo unha nova
cultura do espolio. Así esta lei xunto co plan director de Acuicultura de
Galicia (PDALG) , o plan Sectorial de Actividades Extractivas, a Lei de Montes
e lei de Costas, entre outras, abren sen límites a ocupación e privatización
total do territorio costeiro e das nosas augas interiores, independentemente do
lugar, cualificación urbanística ou figura de protección que teña.
A norma pretende salientar o carácter
estratéxico da acuicultura fronte a calquera outra utilización da nosa costa ou
lámina de auga, introducindo elementos que permiten, por exemplo, a
expropiación forzosa, ou a consideración dos proxectos como de carácter
supra-municipal, impedindo polo tanto aos concellos a súa capacidade para
determinar os usos dos seu ámbito territorial.
Quizais con independencia das
consideracións medio-ambientais que logo trataremos estamos ante o maior ataque
os sectores tradicionais do noso mar, marisqueo, pesca tradicional, sector
meixoeiro, etc. Dadas as modificacións introducidas polo anteproxecto no modelo
de xestión das concesións administrativas, nas que se introduce a igualdade de
acceso mediante permisos de actividade que serán outorgados baixo os principios
de obxectividade, publicidade, transparencia e libre concorrencia, verbalizando
polo tanto a propia lei, que calquera poderá acceder a solicitar estes
permisos, e que a través dos procesos pregos para cada caso, será a capacidade
económica e técnica quen defina en último lugar, quen explota unha ou outra
concesión, eliminando polo tanto esa suposta igualdade, para beneficiar ás
grandes multinacionais fronte as organizacións, como confrarías ou agrupación
de mariscadoras, incapaces de competir con estes monstros económicos, gardando
na manga ademais a posibilidade de, unha vez outorgada, a unha confraría ou
agrupación, a autorización a posibilidade de ser revocada se non é sostible, o
que garante en definitiva a privatización do noso mar.
Ademais a Xunta fixo xestións a través do
consello europeo da Rexións, para ceder determinadas competencias na UE, de
forma que esta lexisle o modo de acceso ás concesións, feito este que a propia
Xunta, en documentos presentados ante este consello, propón como modelo a poxa,
incidindo deste xeito na predilección polos máis poderosos economicamente
fronte aos sectores tradicionais do noso mar.
Outra das mentiras que expón a consellería
do Mar, é a suposta voluntariedade da transformación do marisqueo en
acuicultura, xa que a suposta voluntariedade da non transformación, comporta a
imposibilidade de acceder a axudas públicas, polo tanto unha desigualdade que
obriga ás nosas agrupacións de mariscadores a conversión ou a desaparición.
No aspecto medio-ambiental non podemos
compartir un modelo que considera a aposta pola acuicultura intensiva, de
especies fundamentalmente carnívoras, e que considera como obxectivos a
acuicultura multitrófica e a destinada a consumo non humano.
Ambas cuestións supoñen de facto un risco
para a biodiversidade e sustentabilidade do noso mar, formulando os nosos
sectores tradicionais un futuro onde simplemente serán subministradores de
peixe e moluscos para a transformación en fariña que sirva de alimento ás
grandes plantas piscícolas.
A práctica deste modelo de cría de
especies carnívoras, sustentadas con derivados das fariñas de peixe, e rodeados
de bivalvos que supostamente filtren os seus insumos, para logo seren
utilizados como alimento das especies obxectivo, non salvagarda ás poboacións autóctonas
do noso mar, senón que aumenta a súa depredación e o risco de supervivencia
pola concentración de residuos e antibióticos liberados nestas plantacións, con
medidas moi pouco eficaces de depuración, que supoñen un enorme impacto no
fráxil equilibrio das nosas rías e costas.
Non podemos esquecer a elevada ocupación
territorial deste modelo, que dado o seu carácter prioritario na lei, expulsará
os pescadores tradicionais dos contornos das plantas, tal como se recolle no
capítulo de prohibicións, ademais do apartado de sancións, onde as elevadísimas
contías propostas son un elemento máis na política de expulsión dos produtores
tradicionais.
É por todo o anteriormente exposto polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida someterá á consideración do pleno da corporación a aprobación dos seguintes acordos:
1.- Solicitar da Xunta de Galicia a retirada inmediata do
anteproxecto de lei de acuicultura de Galicia.
2.- Dar traslado do
acordo á Consellería do Mar, ao Presidente da Xunta e ao conxunto de grupos parlamentares
do Parlamento Galego.