mércores, 21 de decembro de 2022

EU desconfía da capacidade do goberno local para desenvolver o Plan de Sustentabilidade Turística

Os esquerdistas consideran unha boa nova que O Grove se vexa beneficiada con 2 millóns de euros dos fondos Next Generation polo Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) “Gastromeca” pero dubidan de que o goberno socialista teña capacidade para levalo a cabo.

Critican a falta de interese polo turismo por parte do Alcalde e o seu executivo e lembran que levan case 8 anos sen cumprir coas promesas realizadas ao sector; a nova páxina web, o plan estratéxico, a contratación da figura de Técnico de Turismo,...

O Grove, 21 de decembro de 2022. - A pasada semana, a Conferencia Sectorial de Turismo aprobaba en pleno o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino Enogastronómico impulsado pola Xunta de Galicia ao amparo dos fondos Next Generation. O Grove viuse beneficiado con 2.000.000 € para poñer en marcha o seu PSTD "Gastromeca". 

Dende Esquerda Unida reciben con boa acollida esta nova e agardan que supoña un avance importante en materia turística para O Grove, pero poñen en dúbida "a capacidade do goberno socialista para realizar un traballo que realmente mellore a imaxe turística do Grove e remate co abandono ao que someteu ao sector nos últimos anos". 

A representante da agrupación de esquerdas no Consello Local de Turismo, Susana Millán, considera que "o sector turístico leva case 8 anos esperando por promesas que xa podemos chamar históricas: nova web de turismo, plan estratéxico, dotar de persoal a un departamento cuxo organigrama está formado unicamente pola figura do alcalde,... ". Segundo indican, levan anos denunciado a falta de mantemento dos paseos, miradoiros, a perda paneis informativos en lugares de interese como o Monte Central ou a desaparición de parte da colección "As Xentes e o Mar". 

Para Millán, "a falta de interese polo turismo deste goberno non é algo que nós inventamos, eran os propios visitantes e veciños os que recoñecían este verán a falta de limpeza queixándose dos cheiros en moitas rúas do casco urbano. Tamén nas praias os usuarios e visitantes reclamaban a limpeza e mantemento dos accesos, postos de socorro e aseos". A esquerdista considera que o Paseo de Madeira de Pedras Negras é quizais o caso máis alarmante: "bancos desfeitos, madeiras rotas e soltas, ... o que fora noutro tempo visita obrigatoria para calquera que viñese ao Grove resulta ser un dos casos máis significativos do que lle importa a este goberno o turismo e a imaxe do nosa vila". . 

Esquerda Unida basea a súa desconfianza no goberno local e na figura do Alcalde "no que nos ten demostrado nos últimos case 4 anos de mandato con maioría absoluta. Do que non foi quen tan sequera de continuar o traballo que eles mesmos iniciaran en materia turística no seu anterior mandato. Un goberno que non traballou en ningunha das cousas que prometeu nos 4 anos anteriores, como o distintivo de excelencia no que dicían traballar e co que seguimos recibindo aos nosos visitantes na entrada do Grove". 

Susana Millán considera que non poden apostar por un plan "que tanto Esquerda Unida como o Consello Local de Turismo descoñecemos porque nunca se levou á mesa e nunca se nos permitiu participar ou aportar nada" e lembra que foron numerosas as ocasións nas que os membros do CLT e sobre todo de Esquerda Unida se manifestaron interesados en crear unha mesa de traballo" para impulsar accións que permitisen superar canto antes a crise que afectou ao sector turístico coa chegada da pandemia". 

Os esquerdistas indican que o único que coñecen do PSTD son as declaracións que realizou o Alcalde na prensa a pasada semana, "accións dedicadas á mellora de accesos ás praias, acondicionamento das zonas urbanas e potenciación da aldea Grobit. Accións que nada teñen que ver co turismo enogastronómico", remarca Susana Millán. Dende o punto de vista de Esquerda Unida, que agardan lle envíen o PSTD completo, "son labores de mantemento básico que calquera concello realiza e debería realizar periodicamente sen depender dos fondos Next Generation".

martes, 13 de decembro de 2022

EU pide que se reserve unha porcentaxe das entradas do auditorio a servizos sociais.

 

O Grove, 13 de decembro de 2022.- Logo de que se dese a coñecer a programación de actividades que albergará o auditorio para o que resta de ano e principios de 2023, e tendo en conta que a gran maioría son espectáculos de pago, dende Esquerda Unida piden que unha parte das entradas se reserven para persoas e familias con baixos recursos. 

Dende a agrupación de esquerdas entenden que se cobre polas actuacións e concordan en que a cultura non ten que ser totalmente gratuíta, pero tamén son conscientes das dificultades económicas que poden ter moitas familias grovenses para acceder aos espectáculos programados para o auditorio. "É por iso que propoñemos á concellería de Cultura que reserve unha porcentaxe das entradas para que sexan xestionadas por servizos sociais, a través de descontos ou de forma gratuíta, e deste modo se lle dea facilidades de acceso a estas familias", indica o seu voceiro, José Antonio Otero. 

Tendo en conta que a maioría dos espectáculos de pago non lograron cubrir todas as prazas e a media de asistencia, segundo o Alcalde é de 250 persoas das 465 butacas das que dispón o auditorio, "consideramos que non debería supoñer un problema que se reserve, por exemplo, un 10% das entradas (46) para as persoas que, por dificultades económicas, non poden mercalas" remarca Otero.