luns, 28 de setembro de 2015

Esquerda Unida realizará unha serie de rogos e preguntas no pleno de setembro


O Grove, 26 de setembro de 2015. Esquerda Unida defenderá no pleno do vindeiro luns a moción contra a Lei 4/2015, de 30 de Marzo, de Protección da Seguridade Cidadá, que fora retirada na sesión do mes de xullo.

Ademais, os edís de Esquerda Unida levarán a pleno unha serie de rogos e preguntas para dar solución e coñecer a situación de diferentes problemas existentes no noso concello. Unhas solicitudes e dúbidas que os veciños trasladaron á agrupación local.

Deste modo, os esquerdistas preguntarán pola situación da finca de Beiramar, que o pasado ano fora alugada polo anterior executivo para aparcadoiro público, si lle foi renovado o contrato e en que condicións, pois a reserva de espazo para uso privado viuse aumentado a case a metade da finca. Así mesmo preguntarán por qué se pechou ao público o acceso ao mesmo dende a rúa Castelao. Juan Lamelas e José Antonio Otero interesaranse polo estado polas obras  de Rosalía, que contemplan a reparación da fachada do centro pero non a do edificio das vivendas dos mestres que entrañan un serio perigo tanto para os cativos que utilizan o patio do colexio como para os veciños que transitan pola rúa Conchases. Por último preguntarán pola actuación no barrio da Gandariña, onde continúan os problemas de cheiros procedentes da canalización da Edar, e si o goberno contempla a reparación dos diferentes parques infantís do concello que se atopan en estado de abandono e deterioro.

Tanto Juan Lamelas como José Antonio Otero realizarán tamén unha serie de peticións. Solicitarán que se repoñan os bancos da explanada do Corgo; que se solucione o problema existente con unha sinal na zona de Campos, perigosa para os viandantes; que se instalen papeleiras en diferentes rúas do concello; que se retiren os vehículos abandonados nas rúas; que se de solución á problemática existente coa recollida selectiva, pois os colectores de plástico atópanse cheos en numerosas ocasións provocando que os veciños teñan que depositar as bolsas na propia rúa; e que se cree un plan de accesibilidade que traballe na eliminación das numerosas barreiras arquitectónicas existentes no noso concello.

A maioría dos rogos e preguntas foron entregados por rexistro esta semana, co propósito de que no pleno do vindeiro luns o goberno local poida dar resposta a todos eles.

Pola mesma vía, a do rexistro municipal, os edís Juan Lameas e Jose Antonio Otero solicitaron o expediente das obras de Terra de Porto - Estrada do Conde, que provocou a denuncia dun particular e supostamente se atopa nun proceso de investigación por parte da Deputación de Pontevedra. Tamén pediron o Plan de acollida de refuxiados de Siria xa que se anuncia na web municipal pero non se pode descargar nin acceder a el de ningún modo. Así mesmo, os edís esquerdistas queren comprobar o expediente de licitación da cafetería da Festa do Marisco e ao listado completo dos máis de 150 veciños e veciñas que se inscribiron para participar como voluntarios da Festa do Marisco, co propósito de fiscalizar tanto o proceso de licitación da cafetería que suscitou polémica ao recaer nunha persoa vinculada ao PSOE e á súa candidatura, así como o de selección de persoal que traballará como voluntario na festa no que debería ser prioritaria a situación socioeconómica e familiar dos demandantes á hora de ser seleccionados.

Asemblea de Esquerda Unida O Grove