O grupo municipal, que xa realizou unha pregunta no último pleno, ven de solicitar por rexistro información detallada sobre o proceso de licitación do servizo de Tren Turístico. Buscan esclarecer as condicións do contrato e verificar que o vehículo cumpre con toda a normativa vixente.
O Grove, 10 de outubro de 2024.- Esquerda Unida demanda máis información sobre o proceso de adxudicación do servizo de Tren Turístico do Grove. Despois de que no pleno municipal do pasado 30 de setembro se abordara a situación de retraso na posta en marcha do servizo, derivada da renuncia da empresa inicialmente gañadora, o grupo municipal presentou un requirimento formal para ter acceso ao expediente completo de licitación. O goberno local, tal e como manifestou nesa sesión plenaria, recoñeceu que foi necesario acudir á segunda empresa clasificada, e que esta solicitou unha prórroga para asinar o contrato, aínda que nun curto espazo de tempo o servizo xa se puxo en funcionamento.
Ante esta situación, Esquerda Unida quere coñecer con exactitude a data na que se formalizou o contrato e o momento en que se puxo en marcha o tren. Asemade, consideran imprescindible que se achegue toda a documentación que acredite que o vehículo cumpre coa normativa vixente, incluíndo homologacións, seguros e a ITV actualizada, garantindo así a seguridade e legalidade do servizo ofrecido.
Outro dos puntos sobre os que solicitan información é relativa á proposta técnica presentada pola empresa adxudicataria. Esquerda Unida quere comprobar que se está a prestar o servizo conforme ás condicións recollidas na oferta inicial, especialmente en termos de calidade e seguridade para os usuarios, tanto veciños como turistas.
Advirten que obxectivo é asegurar que o servizo do tren turístico se preste nas mellores condicións posibles, sen prexudicar o interese xeral, polo que seguirán vixiantes para garantir que o servizo se preste en condicións adecuadas para os turistas e a propia veciñanza.