mércores, 26 de maio de 2021

EU pide ao pleno a condena dos últimos ataques das forzas de ocupación israleís en Palestina


No pleno de maio, Esquerda Unida solicitará a solidariedade da corporación municipal co pobo palestino e a condena aos últimos ataques de das forzas de ocupación israleís en Palestina.

Moción Completa:

MOCIÓN DE CONDENA DOS ÚLTIMOS ATAQUES DAS FORZAS DE OCUPACIÓN ISRAELÍS EN PALESTINA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Dende que no 1948 Israel comezou o desaloxo e usurpación do territorio palestino, as agresións militares con especial incidencia sobre a poboación civil téñense convertido nunha ameaza continua. Os bombardeos sobre a Franxa de Gaza fóronse repetindo en sucesivas operacións ao longo dos últimos anos cun custo de vidas humanas altísimo e intensificando a situación de crise que vive a Franxa polo bloqueo imposto por Israel dende 2007. Nesta ocasión, co infame argumento dos mísiles caseiros que se envían dende solo palestino téñense lanzado miles de toneladas de bombas intelixentes, de alto valor destrutivo, que arrasaron infraestruturas clave como estradas, fábricas, escolas ou hospitais.

Como no 2014, os bombardeos foron constantes e sacudiron día e noite todo o territorio da Franxa de Gaza. Os obxectivos do Exército israelí foron os barrios máis poboados e xa teñen matado a máis de 200 persoas, entre eles máis de 60 nenas e nenos. A Franxa de Gaza é unha das zonas máis densamente poboadas do mundo e unha operación de bombardeo masivo non pode supoñer outra cousa que o xenocidio de poboación inocente.

As condenas da sociedade civil mundial e de numerosos gobernos semella non facer efecto na determinación israelí de expulsar á poboación palestina, xa que esta última escalada iniciouse coa violencia de grupos de colonos de extrema dereita sobre a poboación palestina en Xerusalén e os intentos de expulsar a seis familias palestinas do barrio de Sheikh Jarrah para que as súas casas sexan ocupadas por colonos. Isto responde a un plan cuxo obxectivo é acabar coa presenza palestina en Xerusalén. Nos últimos días, temos visto como se ten incrementado a violencia policial, o exército israelí ocupou a Mesquita de ao-Aqsa, e reprimido brutalmente as protestas que se están a producir en todo o territorio palestino, matando a máis de 20 persoas ata o momento.

Este novo proceso de expulsión e colonización en Palestina, no que é unha clara violación do dereito internacional, desencadeou protestas en todo o territorio. Ante isto, Israel reprimiu as protestas en Xerusalén e outras cidades, ferindo e detendo de forma arbitraria a centos de manifestantes.

Na actual ofensiva, Israel mobilizou a 5.000 reservistas para esta operación bautizada como “Gardas do Muro”, e prohibiu o paso á Franxa de Gaza a periodistas e bombardeado as oficinas de axencias internacionais, buscando eliminar testemuñas.

Palestina non pode seguir sendo atacada ante o silencio da comunidade internacional. É por iso que propoñemos que esta corporación municipal ratifique o seu compromiso cos dereitos humanos e que consigne un compromiso co pobo palestino e a súa resistencia, esixindo medidas concretas que obriguen a Israel a respectar a legalidade internacional e os dereitos do pobo palestino. Tras décadas de apartheid, este novo ataque confirma que debemos poñer fin á impunidade coa que segue actuando Israel.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

1-  O pleno do Concello do Grove:

  • Mostra a súa máis rotunda condena á agresión do Goberno de Israel ao pobo palestino.
  • Insta ao Goberno español que condenen o ataque, recoñeza o Estado palestino e traballe polo cumprimento das resolucións da ONU.
  • Insta á ONU a que poñan ao Estado de Palestina baixo a protección internacional.
  • Insta á ONU a crear unha comisión de investigación sobre os bombardeos israelís en Gaza.
  • Esixe ao Goberno de Israel que, en  cumprimento da resolución 242 C.S. da ONU, 22 de novembro de 1967, proceda ao retiro militar dos territorios ocupados.
  • Esixe  o derribo do muro do apartheid construído por Israel en territorio palestino, e insta a que se reparen os danos ocasionados polo bloqueo e os bombardeos.
  • Insta a promover dende o Concello unha campaña de axuda de emerxencia para paliar a situación que se está a vivir na Franxa de Gaza, atendendo así ao chamamento da Cruz Vermella para pedir axuda humanitaria.

2-  Dar traslado dos acordos ao Presidente do Goberno, ao Ministro de Exteriores, ao embaixador israelí e a todos os grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados.