xoves, 11 de xuño de 2015

Esquerda Unida denuncia o trilerismo político do Partido Popular

Despois de que ao longo do día de onte varios membros do PP do Grove se puxeran en contacto con candidatos de EU para ofrecerlle a alcaldía a Juan Lamelas, os esquerdistas reuníronse de urxencia para ver de parar o que eles consideran unha “operación mafiosa dun cadáver político”.

O Grove, 11 de xuño de 2.015.­ Ao longo da mañá de onte distintos membros do Partido Popular do Grove puxéronse en contacto con membros de Esquerda Unida e BNG coa finalidade de artellar unha maioría na corporación en contra da candidatura de José Cacabelos á alcaldía. A militancia de Esquerda Unida, reunida de urxencia para tratar de frear unha operación da que eles non son máis que vítimas, acordaron non aceptar baixo ningunha circunstancia o apoio do PP, e así llo trasladaron ao PSOE e BNG de xeito inmediato. Para Lamelas “trátase dunha operación mafiosa dun cadáver político” pois considera que “o PP foi defenestrado pola cidadanía das decisións políticas no Grove, e fan un intento á desesperada de crear un escenario ingobernable coa finalidade de amosarse como únicos garantes de estabilidade ante os veciños, pois para eles está antes o partido que o pobo. Pero en EU témolo claro: co PP non imos a ningún lado”.

Desde Esquerda Unida denuncian tamén o que consideran xeitos mafiosos de actuar do Partido Popular. Escurantismo, secretismo, trileiros, recadeiros... son algúns dos cualificativos cos que se refiren nas filas esquerdistas ao acontecido onte. “Nós somos a candidatura da transparencia e da ética, sentímonos insultados polo PP tanto na proposta como nas formas” sentenciaba rotundamente un enfadado Lamelas, para quen os xeitos do PP “afortunadamente foron desterrados da vida política municipal pola cidadanía” e considera que o PP é consciente de que “se atopan na irrelevancia política na actual corporación”.