xoves, 3 de setembro de 2020

Esquerda Unida advirte que foi Cacabelos quen provocou o descontrol das autocaravanas

Autocaravanas no Grove. Foto Faro de Vigo

Os esquerdistas indican que o PSOE rexeitou unha moción de Esquerda Unida que propoñía habilitar espazos para as autocaravanas e logo modificou a ordenanza que levou á situación actual.

Piden que se retome a súa proposta do 2016 e indican que o goberno tiña e ten medios para sancionar ás autocaravanas que acampan fora dos campings, ás que estacionan e pasan a noite en zonas protexidas ou ás que baleiran as augas sucias en calquera lugar.

O Grove, 3 de setembro de 2020.- Esquerda Unida móstrase sorprendida ante as últimas noticias publicadas en relación ás autocaravanas e, en especial, polas declaracións do Alcalde. E é que non entenden que Cacabelos “fale de regular un descontrol que el e o seu equipo de goberno provocaron hai catro anos”, indica o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero.

Otero recorda que no pleno do mes de abril do 2016 debateron unha moción de Esquerda Unida na que pedían que se creasen, como mínimo, dúas zonas onde as autocaravanas puidesen estacionar, pasar a noite e contasen con área de servizo. Así mesmo pedían que o artigo 51.2a da Ordenanza de Policía, Bo Goberno e medidas para Fomentar e Garantir a Convivencia Cidadá no Espazo Público fose modificado para permitir que as autocaravanas puidesen estacionar e pasar a noite no noso concello, atendendo así á instrución 08/v-74 de xaneiro de 2005. O voceiro esquerdistas indica que naquel entón, o goberno do PSOE opúxose á proposta do seu grupo municipal e, no seu lugar, meses despois modificou a ordenanza e deixou unha liberdade que derivou na situación actual de descontrol.

Así mesmo, José Antonio Otero, que tamén se mostra sorprendido coas declaracións do Partido Popular en relación a este asunto, indícalle ao partido de Beatriz Castro, que a lei da o dereito ás autocaravanas para circular libremente, estacionar e pasar a noite fora dos campings e que non se lle pode obrigar a dirixirse a estes espazos privados. “Outra cousa é habilitar areas de servizo públicas e procurar dirixir este tipo de turismo a estes espazos regulados co propósito de evitar un descontrol que a día de hoxe é máis que patente”, indica Otero.

Os esquerdistas consideran que o autocaravanismo é unha fonte de ingresos importante para moitos establecementos locais e, segundo indican, “quedou demostrado que a previsión de aumento do que se falaba xa no 2016, sobre este tipo de turismo, foi superado considerablemente a día de hoxe”. Para Otero, crear áreas de servizo públicos para autocaravanas non é incompatible cos campings, pois entende que “o autocaravanista que fai ruta e non precisa acampar, non vai pasar a noite nun camping e si lle prohibimos facer noite na vía pública o que vamos conseguir é que eliminen o noso concello da súa ruta”.

“Outra cousa é deixar liberdade total ás autocaravanas para acampar na vía pública, estacionar en zonas protexidas ou praias e realizar o baleirado de augas sucias en calquera lugar”, indica Otero, que lle recorda a Cacabelos que “se hai descontrol nesta cuestión o único responsable é el”, pois a normativa municipal prohibe calquera desas accións”. “O problema xurde cando se permitiu estacionar e pasar a noite no noso concello, pero non se fixo vixilancia para controlar que esta permisividade non se excedera. Agora vemos como moitas autocaravanas estacionan en zonas protexidas praias, paraxes..., acampan fora das zonas habilitadas ou baleiran as súas augas sucias en calquera lugar, e isto só ten un responsable; Cacabelos”, sentencia Otero.

Por ese motivo, para Esquerda Unida a solución non pasa pola prohibición total que pide o PP nin pola liberdade que provocou o PSOE, senón por aplicar a moción que no 2016 presentou o seu grupo municipal, rexeitada polo goberno socialista, crear áreas de estacionamento e servizo público para estes vehículos a imaxe e semellanza do que fixeron concellos como Vilagarcía, A Illa, Pontevedra,... e outros tantos municipios da provincia e a comunidade e que teñen mellor control sobre este tipo de turismo.