A agrupación comarcal de Esquerda Unida celebra a vitoria das xentes
do mar en contra da Lei de Acuicultura, pero fai fincapé na necesidade de manter a mobilización social para mellorar as condicións dun sector
tan importante na comarca.
Vilagarcía de Arousa, 24 de febreiro de 2016. Dende Esquerda Unida celebran a retirada
do anteproxecto de Lei de Acuicultura, mediante a cal a Xunta pretendía entregar o litoral e as augas interiores galegas ás multinacionais; aínda que, segundo recordan na organización de esquerdas, neste eido fica moito por mellorar como, por exemplo, no referente á mellora da lei de pesca ou co problema do cerco e a defensa da pesca artesanal, entre outros.
Segundo explica Juan Fajardo, membro da dirección de EU e deputado de AGE, “as facilidades para a instalación das multinacionais e as súas prácticas monopolistas
facían deste texto unha bomba perfecta para esnaquizar o noso mar e a economía do
noso sector primario. Tan só a protesta unánime da sociedade lograba, nun primeiro
momento, paralizar a lei e, esta mañá (polo martes), a catro días dunha manifestación
multitudinaria, foi posible que o Goberno galego aceptara finalmente retirar o
proxecto de Lei de Acuicultura”, expón.
“Se ben a presión da sociedade e a manifestación convocada polas confrarías, foron
factores decisivos para forzar á Xunta de Galicia a este cambio, o xesto do Goberno non
acabará coa manifestación deste sábado e a convocatoria manterase, xa que agora é
o tempo de buscar solucións ao problema do cerco e as cotas, a defensa da pesca
artesanal, da rexeneración das nosas rías ou de mellorar a lei de pesca; desafíos aos
que a conselleira Quintana non está preparada, polo que seguimos a esixir a súa dimisión”, di Fajardo.
Así, dende Esquerda Unida Arousa fan un chamamento ás xentes da comarca a mobilizarse
este sábado en Santiago de Compostela en defensa do sector do mar, “un sector
produtivo clave na nosa comarca” en palabras do coordinador de EU en Arousa.
Segundo Bueno “é unha excelente noticia a gran cantidade de autobuses que sairán
desde as distintas localidades este sábado para manifestarse en defensa dun sector que
dá emprego a milleiros de persoas na nosa comarca e en contra do cal se situou o goberno do PP na Xunta que prefire posicionarse en defensa dos intereses das multinacionais
fronte aos intereses das traballadoras e traballadores do mar”.