mércores, 29 de agosto de 2018

EU critica o desaproveitamento da antiga escola infantil do Monte da Vila e a paralización do Plan de Xuventude

Lembra que a creación dunha Casa da Xuventude nesas instalación foi aprobada en pleno en novembro, e insta ao goberno local a acatar os acordos da corporación
Antiga Escola Infantil no Monte da Vila. Foto: Todogrove
O Grove, 28 de agosto de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida critica a paralización do Plan Integral da Xuventude aprobado no mes de novembro, e insta ao goberno local a acatar os acordos plenarios e a dotar de contido a antiga escola infantil do Monte da Vila. A formación lamenta a inacción do goberno do PSOE a este respecto, e denuncia a falta de contido e a infrautilización dunhas instalación que os grupos acordaron destinar a usos sociais, culturais e deportivos relacionados coa xuventude.

Nove meses despois de que o pleno do Concello do Grove aprobase a proposta de Esquerda Unida para reconverter a antiga escola infantil do Monte da Vila nun espazo de encontro que fomentase a actividade e o ocio xuvenil, tanto a Casa da Xuventude como o Plan Integral participativo proposto para dotar a ese espazo de contido continúan a ser simples palabras sobre o papel.

O grupo municipal de EU lamenta a falta de compromiso e o ninguneo ao que o goberno de Cacabelos somete aos grupos e ás propostas da oposición. E lembra a oportunidade perdida en que o Concello está a incorrer ao non traballar para a posta en marcha da infraestrutura xuvenil aprobada.

A formación non entende que o goberno local prefira desatender os acordos plenarios en lugar de dotar de contido un edificio e unha parcela que ofrecen numerosas posibilidades; e que permitirían poñer en marcha iniciativas de interese para a mocidade grovense.

Así as cousas, a formación que dirixe José Antonio Otero insta ao Concello a acatar o acordo do pleno de novembro e a poñer en marcha as xestións para dar forma ao Plan Integral da Xuventude participativo acordado pola corporación local. Un plan baseado na participación e na autoxestión que inclúa unha campaña de asociacionismo xuvenil e recupere o Consello Local da Xuventude para dar forma a unha programación atractiva, acorde aos intereses das mozas e mozos da vila. 

A formación lamenta que o executivo do PSOE, coa complicidade do PGD, non teña en conta á mocidade no seu plan de traballo. Unha falta de compromiso con este sector da poboación que trasluce ás claras o orzamento anual do Concello, no que o goberno de Cacabelos non incluíu absolutamente ningunha partida destinada a esta fin. 

venres, 24 de agosto de 2018

EU denuncia o baile de datas e os reiterados incumprimentos do goberno local en relación ao PXOM

A pesar do compromiso explícito do alcalde a ese respecto, as alegacións presentadas pola veciñanza continúan sen ser respostadas

A formación tilda a actitude do PSOE de burla á oposición e ao conxunto da cidadanía

O Grove, 23 de agosto de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida denuncia os reiterados anuncios incumpridos do goberno local socialista en relación ao Plan Xeral de Ordenación Municipal. A formación que lidera José Antonio Otero critica o baile de datas no que o alcalde leva inmerso prácticamente dende o inicio do mandato; e lamenta unha actitude que, a estas alturas, pode considerarse xa como unha burla á oposición e ao conxunto da cidadanía grovense.

O pasado mes de xullo o alcalde convocaba aos grupos da oposición para facilitar a planimetría da que se supuña sería a proposta definitiva de PXOM para O Grove; e emprazaba aos grupos a unha nova xuntanza para falar das ordenanzas necesarias para desenvolver o plan urbanístico nun prazo aproximado de dez días. Foi no mesmo encontro no que o rexedor local anunciou a inmediata publicación dos planos para que a veciñanza puidese consultalos a través de internet, e puxo como horizonte temporal para a aprobación en pleno do documento o mes de setembro.

Sen publicación e coas alegacións por contestar

Con agosto a piques de rematar, Esquerda Unida lamenta que os anuncios comprometidos non teñan sido máis que novas palabras que leva o vento. E é que a realidade é que a día de hoxe a planimetría do PXOM modificada e volta a modificar continúa sendo unha incógnita para a poboación local. 

Así as cousas, para Otero a nova saída á palestra do alcalde non é senón unha “burla” ás e aos grovenses. E é que, tal e como lembra o responsable local de EU, as arredor de catromil alegacións que foron presentadas ao PXOM de 2014 aínda non foron contestadas; a pesar do compromiso verbal explicitado polo propio alcalde a ese respecto, e á obriga legal de facelo.

“O que está facendo e dicindo o rexedor é unha burla á oposición e aos veciños, con continuos anuncios incumpridos e mentiras”, indica Otero, que incide en que “é mentira que o novo PXOM vaia poder alegarse” debido á postura insistentemente reiterada do goberno local, que se opón a unha segunda exposición pública formal.

Nesa liña, EU lamenta o enrocamento do goberno do PSOE; obsesionado con conseguir a aprobación do documento antes das próximas eleccións municipais caia quen caia, e mesmo a costa de vetar o dereito da veciñanza a expresarse e alegar. O responsable da formación critica ademais os intentos do alcalde por botar balóns fóra ao atribuír o atraso e os prazos incumpridos á Lei do Solo de 2016. “Foi el quen se empeñou en poñer constantemente datas enriba da mesa”, indica Otero, que lembra que a oposición “non interferiu en nada” e en todo momento deixou traballar aos técnicos e ao goberno.

O grupo municipal esquerdista apunta ademais as negociacións que o goberno local mantén aínda con veciños da zona das Bouzas, e amosa o seu escepticismo respecto ao feito de que o PXOM vai ser finalmente levado a pleno no mes de outubro.