domingo, 29 de xuño de 2008

A Asemblea local ratifica a negocicación mantida para saír da crise de goberno

Na tarde-noite do día 28, tivo lugar unha asemblea informativa para militantes e simpatizantes de Esquerda Unida – Esquerda do Grove. Na mesma déronse contas da reunión mantida o martes 17 entre os catro grupos de Goberno, PSOE, BNG, PG e EU-EG. Os compañeiros Xan Lamelas e Xan Caneda, representantes de EU-EG nesta xunanza, fixeron saber aos asistentes á asemblea do acordos alí tomados para superar á crise aberta no seo do Goberno Municipal. A asemblea durou máis de tres horas, nas cales interviñeron a maior parte dos presentes para mostrar o seu apoio ao concelleiro Xan Lamelas e ao outro representante na xuntanza, Xan Caneda.
A asemblea dou por boa a negociación do pasado martes xa que foi aceptada a única proposta sobre a mesa, a do noso grupo, a cal xa foi publicada nos medios de comunicación nos pasados días.

xoves, 26 de xuño de 2008

Os socios de goberno aceptan as peticións de EU para atallar a crise municipal

Nunha reunión realizada o martes 24 pola noite, os nosos socios de goberno (PSdG-PSOE, BNG e PG) aceptaron a nosa proposta para dar fin á crise de goberno que puxo en grave perigo a continuidade do cuadripartido.
Desde EU sempre nos amosamos fieis aos compromisos que adquirimos. Hai un ano, asinamos un pacto de goberno con uns contidos e unha filosofía coa finalidade de crear un goberno estábel para O Grove. Para nós o máis importante do acordo alcanzado, é que precisamente o goberno recupera ao pacto de goberno como elemento fundamental da nosa acción, tanto no seu contido como na súa filosofía ou espírito, e sobre todo, que o goberno, como debe ser, antepón os intereses dos veciños do Grove aos intereses partidistas.

sábado, 21 de xuño de 2008

Resolución da asemblea da agrupación local

A asemblea de EU-EdG de O Grove reunida no día de onte, 20 de xuño, acorodou ratificarse no espírito e na filosofía do Pacto de Goberno asinado hai agora un ano, así como no contido do mesmo e nos seus obxectivos. Ante a grave crise aberta polo Alcalde, o cal, no día de onte (venres), non foi confirmado nen desmentido o cesamento do Concelleiro de Persoal Xan Lamelas publicado nos medios de comunicación, e pola gravidade da situación, pedímoslle aos nosos socios de goberno, co Alcalde á cabeza, ou ben unha ratificación do publicado, por escrito e mediante decreto da alcaldía, o que interpretaríamos como unha expulsión do goberno por incumprimento reiterado do Pacto, ou ben unha rectificación. Neste caso, esiximos que se convoque con carácter urxente unha reunión das catro forzas políticas que formamos goberno coa finalidade de retomar a filosofía e obxectivos do Pacto como solución a esta crise. En caso de non ser así consideramos a nosa non continuidade no goberno municipal.

xoves, 19 de xuño de 2008

Resposta ao comunicado de Antón Mascato, concelleiro do BNG

Lamelas
Desde a Agrupación Local de Esquerda Unida, non podemos máis que expresar o noso abraio e repulsa ante a absoluta falta de responsabilidade política e lealdade ao goberno por parte do Bloque Nacionalista Galego, e en concreto do seu concelleiro Antón Mascato. Este grupo político debe aclararse: ou está no goberno, ou está na oposición. Unha cousa é certa: non se pode estar nas dúas partes.

mércores, 18 de xuño de 2008

Só 197 dos 672 eurodeputados dixeron NON á Directiva dos 18 meses

Europa camiña polos sendeiros da sinrazón. Esta é a Europa que pretenden construir os voitres do neoliberalismo (Directiva das 65 horas; Tratado de Lisboa -grazas Irlanda pola túa cordura; liberalización e privatización de servizos públicos;etc.): a negación do dereito humano de libre circulación de persoas; a criminalización e encarceramento de maiores e menores;….ISTO É UN AUTÉNTICO DISPARATE XENÓFOBO E RACISTA!!! ATA 18 MESES PRIVADOS DE LIBERDADE EN VERDADEIROS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN!!!

xoves, 5 de xuño de 2008

Contra a ilegalización da KSM (Xuventude Comunista da Rep. Checa)

Fai dous anos o goberno checo decidiu ilegalizar a Unión de Xuventudes Comunistas (KSM) e todas as súas actividades. Agora queren ir máis aló, pondo á KSM fóra da lei.
Esta é unha medida antidemocrática que condena a unha organización xuvenil pola súa loita por un mundo xustos e pacífico, en oposición aos intereses dos poderes económicos e o militarismo do goberno checo, á beira da Unión Europea.

Aprovadas as propostas da Xuventude Comunista no Consello Local da Xuventude

Prensa:
Aprovadas as propostas da Xuventude Comunista no Consello Local da Xuventude
CLX

Na reunión mantida na tarde do sábado, os colectivos xuvenís decidiron, a instancias da Xuventude Comunista, traballar para que o 2009 conte con un calendario anual de actividades. Tamén aprobaron a creación dun boletín informativo, o concurso para crear un logotipo identificativo e a modificación dos estatutos do consello sectorial.